Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na estrada, polo dereito

viernes, 16 de septiembre de 2011
Durante o tempo que don Fermín Bouza Brey exerceu a titularidade do xulgado do partido xudicial da Estrada non dictou ningunha sentenza en lingua galega. As circunstancias históricas e o ordenamento xurídico en vigor non llo permitían. A primeira sentenza ditada en lingua galega, despois de varios séculos de paréntese, viría da man do maxistrado Claudio Movilla Álvarez en maio de 1984, cando as leis da democracia permitiron que unha resolución xudicial se promulgase na nosa lingua.

Porén, don Fermín Bouza Brey, o sete de novembro de 1931, nun artigo publicado nun xornal galego instaba aos lexisladores da II República a promulgaren medidas legais para que a Xustiza se puidese administrar en galego. O seu coñecemento do dereito público e privado era densísimo, raiano coa erudición. Por iso teimou na necesidade de abrirlle á lingua galega novos espazos nos usos xurídicos. “En non sei ata que punto o Xuíz debe enteirarse do folclore do pobo onde outorga xustiza, o que equivalería a coñecer o pensamento colectivo en que a súa función se move. O que sei por min é que sempre recibín auxilio en trances de dúbida do saber popular como denominador común a todos os xusticiables nun medio tan denso en expresións gregarias como é Galicia” (do prólogo da súa obra “O refraneiro xurídico galego”).

O pensamento político, cultural e xurídico de Bouza Brey entronca coa tradición xurídica galega. Dela recolle as súas formulacións e reitéraas. Malia os atrancos e devalos políticos, Galicia foi berce de xuristas comprometidos coa súa cultura e lingua. A carón de Bouza Brey están outros moitos: Arturo Noguerol, Peña Novo, Salvador Cabeza de León, González Pastoriza... Por iso chama a atención que na actualidade haxa gobernantes e lexisladores empeñados en negaren a importancia que ten a lingua galega no proceso de reconstrución da nosa identidade esmacelada polas adversidades da historia. Eses políticos e lexisladores exercen a “potestas” pero carecen de “auctoritas”; é ben distinto ter o poder que ter coñecemento da realidade.

A Irmande Xurídica Galega, continuadora e impulsora desa identificación do Dereito co noso patrimonio cultural (para máis información sobre as súas actividades aconsellamos acceder a www.galeguizargalicia.tv), recolle da historia o legado lúcido daqueles xuristas que, adiantados ao seu tempo, postularon a creación dun ordenamento xurídico entroncado coa idiosincrasia do pobo galego.

Para dárlle concreción a esa arela, o día 24 de setembro, o Concello da Estrada e a Irmande Xurídica Galega convocan unha xornada académica coa finalidade de estimular a galeguidade nos profesionais do Dereito. Os actos comezarán coa descuberta dunha placa conmemorativa na casa onde vivíu o xuíz Bouza Brey.

Unha segunda parte terá como escenario o Teatro Principal. Alí asistiremos á sinatura da “Declaración” dun fato de operadores xurídicos do Partido Xudicial, formalizando publicamente o seu compromiso de normalizar a lingua galega nas súas actividades profesionais, demandando tamén de tódolos órganos xurisdicionais que diten sentenza en lingua galega, amparándose no dereito que lles recoñece o art. 7 da Lei de Normalización Lingüística. As asesorías xurídicas do Concello da Estrada e doutras corporacións locais da contorna sumaranse tamén a este gran Acordo.

(Xosé González Martínez é o Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania