Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cultura relixiosa en España

jueves, 15 de septiembre de 2011
Compás social

Despois da visita do Papa e no comezo dun novo curso escolar, pode ser un momento propicio para preguntarnos pola cultura relixiosa. Que cultura relixiosa? Do amplo abanico semántico da expresión cultura relixiosa só vamos escoller unha parte epidérmica agochada en moitos feitos visibles, manifestacións públicas e privadas, enquisas sociolóxicas, participacións directas en foros, etcétera. Non esquecemos, mais deixamos na sombra as ideas e crenzas profundas, as contradicións ou coherencias vitais, as conviccións estables, as actitudes firmes, os hábitos e comportamentos personalizados tanto os herdados do pasado coma os que neste intre están forxándose. Esas dimensións requiren un fiado máis afinado.

Temos que distinguir entre alta cultura relixiosa e cultura popular ou popularizada. Na chamada alta cultura relixiosa encontrámonos cun feito clave: dende o século XIX o estudo da teoloxía foi suprimido nas universidades públicas españolas; e este feito perdurou ata os nosos días en que se estableceron nas universidades civís algunhas cátedras ou materias de ciencias relixiosas. Esta carencia tan prolongada de estudos teolóxicos nas universidades públicas do país deixou na sociedade española, sen dúbida algunha, unha herdanza relixiosa empobrecida.

No eido eclesiástico consolidáronse as facultades e institutos de teoloxía. Os centros católicos de formación foron por largo tempo os seminarios, tanto do clero secular como das ordes relixiosas. Nese minifundio de institucións espalladas por tódolos recantos de España, o cultivo intelectual dos laicos militantes estivo un tanto desatendido ata que chegaron os movementos especializados de acción católica que facilitaron unha formación de base. Na chamada cultura popular rexeu por longos anos e séculos unha educación de minguados coñecementos, baseada en hábitos adquiridos mediante os ritos semanais ou ocasionais que construíron unha formación popularizada feita de fragmentos e de costumes colectivas que, mesmo acadando un gran valor de relixiosidade e cohesión social, hoxe non resisten a circulación de emocións e ideas da moderna sociedade global que está confrontando a escala planetaria tódalas espiritualidades e culturas herdadas do pasado.

Esta dobre herdanza civil e relixiosa, chea de boas vontades, sabedorías acumuladas, ambigüidades e carencias, desembarcou no actual intre histórico que globalizou tódalas herdanzas e, por suposto, tamén as relixiosas. Internet é o paradigma e a canle deste cambio de época. Estamos inmersos nun inmenso escenario de intemperies e incertezas, pero tamén nun infinito horizonte de esperanzas e posibilidades.

No eido da relixiosidade e das relixións en España o panorama visible, polo menos a primeira vista superficial, ofrece un variedade desbordante. Podemos escoller algúns síntomas elixidos ó azar que sinalan múltiples carencias tanto herdadas do pasado como aparecidas recentemente. Por exemplo, no eido mediático vemos que moitos concursantes, tertulianos e guiadores dos programas de comunicación de masas mostran unha empobrecida información relixiosa. As grandes enquisas sociolóxicas fálannos dunha “relixión á carta” na que se esconden e mesturan crenzas e prácticas totalmente incoherentes. Algúns ritos relixiosos de pasaxe revístense dun epidérmico espírito mercantil e consumista que fagocita o seu senso orixinal. Os discursos e loitas ideolóxicas utilizan unha linguaxe e argumentos desfasados, sen matices nin respectos elementais. As indiferenzas en graos diversos mestúranse con credulidades e incluso supersticións de vello e novo cuño. O pluralismo, que en principio aporta unha riqueza formidable, tráenos tamén toda crase de técnicas especiais, sectas e crenzas exóticas que a veces riscan de irracionalidade. Todos estes signos visibles parecen indicarnos un transfundo dunha ampla incultura relixiosa de gran calado.

Mais todo isto, con ser tan visible, pode levarnos a engano. A formación relixiosa, tanto católica coma doutras confesións, está gañando en profundidade, en autenticidade mediante un proceso de reconstrución das identidades sinceras, de personalización das conviccións e dun compromiso persoal e social que esixe coherencia con esas ideas, crenzas e sentimentos asumidos. Certo que son movementos minoritarios, de carácter urbano e de incerta evolución debido a un pluralismo polarizado e contraditorio na sociedade e no mesmo seo dos grupos e institucións relixiosas. O futuro non parece estar na secularización entendida como indiferenza masiva e superación da relixiosidade e das relixións, senón mais ben nun pluralismo de opcións relixiosas e laicas que paseniñamente terán que purificarse para superar fundamentalismos agresivos e irracionalidades incompatibles coa cultura moderna, que a súa vez terá que recuperar determinados elementos humanistas.

De momento algúns pluralismos de linguaxe ácida, formulados só en verbas de antítese, corren o perigo de esterilizarse para un diálogo coa masa social silenciosa e cos oligopolios dominantes, moitos deles encastelados na súa prepotencia. Non é posible o diálogo? Claro que si, aínda que difícil; mais coa condición previa de que cada grupo social e relixioso esqueza as ansias de poder e control exclusivo das conciencias e das institucións e recupere sinxelamente a vocación de servizo ó pobo, sen servirse del. Recentemente vin en Madrid este grafito: “todos queren comernos o coco”. Será verdade? Cando menos moitos percíbeno así.

Á vista desta frondosa fraga de carencias e de simultánea busca relixiosa, ¿que facer co ensino da relixión nos centros públicos? Nesta cuestión temos unha historia chea de teimas e desatinos. No franquismo tivemos as “tres marías” (ética, relixión e formación do espírito nacional) que de moitas formas degradaron estas materias. A democracia non dignificou estes eidos, nin actuou para elevalos a categoría de disciplinas científicas indiscutibles. O resultado foi que aínda hoxe as antigas “tres marías” parecen haberse convertido en marionetas, e dicir, andan para diante e para atrás segundo os ventos ideolóxicos reinantes en cada intre.

Non hai saída deste atranco? Si que existe, e dispoñible xa. As ciencias sociais humanistas (filosofía, antropoloxía, psicoloxía, socioloxía, historia comparada, etcétera) xa teñen acumulada unha ampla bagaxe de coñecementos firmes e consolidados sobre unha ética universal, sobre a relixiosidade e relixións históricas, sobre os sistemas políticos e valores cívicos. Arrecantar, desvalorizar ou suprimir o ensino público destas materias é unha mutilación da historia e da realidade actual, é unha opción pola cultura da incultura para inmensa maioría social. Estas materias deben formar parte dun currículum obrigatorio do ensino público, pois o deixar fóra do sistema educativo estas dimensións esenciais perpetuará determinados baldíos e sucedáneos mesturados de ignorancia acumulada, traerá novas marxinacións e sementará desafeccións sociais. Certamente, terá que haber un diálogo e consenso multilateral para establecer lugares comúns consolidados, para respectar a lexítima vontade dos pais e superar as posibles presións e esguellos ideolóxicos dos grupos dominantes en cada escenario, sexan da cor que sexan. Escribo estas reflexións dende unha visión teórica mesturada con observacións dispersas; mais espero acadar e ofrecer datos mais precisos da situacións real das “tres marías” no ensino público.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES