Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reis

jueves, 08 de septiembre de 2011
“Cantámosche os reises,
guedellos de cabra,
cantámosche os reises,
non nos deches nada”

É un retrouso semellante ao de moitas coplas de reis que se cantaban nalgún tempo para pedir o aguinaldo, hoxe só na memoria de uns poucos e grazas a que persoas boas e xenerosas recolleron os tesouros do pasado e nolos fixeron chegar co fin de que non caeran no esquecemento. Persoas que seguen a celebrar esta data como se facía antano e que non esquecen nin os cánticos nin as súas danzas.

Aquí, na Terra Cha, non hai memoria da existencia dos ranchos de reis, por poñer un exemplo, nin das danzas de paus ou manifestacións semellantes. O único que se conservou até fai relativamente poucos anos foi o costume de pedir o aguinaldo.

Eu só lembro de pequena, chegaren á casa algúns rapazolos da parroquia pedindo un aguinaldo que xa non consistía en viandas ou doces, senón en cartos, e que tampouco era a cambio de cantigas, só dun “déanos o aguinaldo”. A madriña achegábase a eles e dáballes unha peseta por cabeza, que xa era moito. E falo só de hai corenta anos…

Non obstante, os Reis foron a única figura dadivosa que tiven na infancia. Daquela non existía Papá Noël e pouco importaba que os pequenos non tiveramos tempo para gozar dos xoguetes nas vacacións de Nadal, dispoñiamos de todo o ano para brincar con eles.

A noite de Reis era máxica. Antes de deitarnos –que non durmir- limpabamos os zapatos até deixalos ben brillantes e colocabámolos no peal da fiestra, para facilitarlles aos Magos o traballo de non teren que entrar na casa. Na cama dabamos voltas e máis voltas até que nos rendía o sono e ficabamos durmidas. Nese intre os papás aproveitaban para deixarnos os agasallos: unhas botas novas de Gorila que contiñan cartos ( case sempre un billete de cen pesetas – toda unha fortuna para a hucha) e unha cadea de prata coa súa medalla. Outras veces un bolso de escai de cor azul e cadeíña dourada, unha boneca ou cousa semellante. Tamén sempre había algún xogo colectivo (cociña ou cacharriños, maquiniña de coser, etc.) que sempre ía acompañada dunha fermosa carta na que se nos indicaba que era para compartir e, de paso, que seguíramos a portarnos ben durante todo o ano.

Lembro un ano en que, dende o día de Noiteboa, aparecera un paquete no peal da fiestra do cuarto. Estabamos intrigadas do que sería, pero nin miña irmá nin eu mesma ousamos abrilo, nin tan só por un recanto para saber o seu contido. Tampouco preguntamos. Ficou pechado e no seu sitio até o mesmo día de Reis pola mañá en que o abrimos e nos sorprendemos que dende había tanto tempo as dúas guitarras foran agasallo dos Reis. Acaso era unha pista deixada por meus pais para que comezaramos a descubrir que os Magos non existían…. Non sei, pero coido que nin con iso foron capaces de que sospeitaramos nada.

Foi precisamente o Golpe quen nos inseriu na realidade. Lembro ir á súa casa e contarlle o acontecido. El desvelounos o segredo. Os Reis Magos son un conto, unha desculpa para darlles aos nenos e nenas agasallos por Nadal. Aínda que nun primeiro momento tiveramos as nosas dúbidas, sabiamos que o tío José non mentía. Nunca nos mentía. Velaí como descubrín a realidade que, a dicir verdade, nun intre me importunou até o punto de pensar en que podía crer eu a meus pais despois de me contaren una mentira tan grande. Co tempo – pouco, por certo- decateime que non o fixeran por mal, senón por costume, por tradición,…

Non tardaría en cuestionarme outras costumes e “tradicións” relixiosas, sobre todo, nas que me educaran.

Non obstante, xamais enganei aos meus fillos cos Reis Magos ou Papá Noël, nin ogros nin bruxas nin sacamanteigas. Poda que lles roubara ilusións que outros da súa idade tiñan, pero sinto que fixen ben.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES