Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por unha rede de transportes, unha vez máis

jueves, 08 de septiembre de 2011
A pasada semana trouxen a esta columna unha proposta -eu sei que moi matizable, pero para nada idealista, sobre todo no tocante á Galicia da banda de nacente-, que puña por riba da mesa, para empezarmos a falar da reordenación municipal, algo máis de medio cento de demarcacións comarcais -concretamente 53- que poderían funcionar como grandes concellos nos que se concentrasen os principais servizos, eses que hoxe prestan, con máis ou menos éxito, as mancomunidades e ós que lles habería que sumar algúns outros coma os xurídicos, de arquitectura, turismo, cultura, promoción do emprego, desenvolvemento rural, etc., relegando ós actuais territorios municipais a meras delegacións de recollida de documentos e asesoramento inmediato do administrado, co fin de evitar traslados inútiles ó centro neurálxico comarcal.

Ben é certo que con proceder unicamente á fusión de todos eses concellos en municipios comarcais, así sen máis, ou dito doutro xeito, ó estilo Rubalcaba, no sentido de procurar soamente a supresión de cargos políticos, non solucionaría nada, se esa reordenación non levase aparellada, ademais da lóxica consolidación orzamentaria para todos eses servizos co fin de poñerlle fin á lacra da subvencionarización -que é a peor carcoma que lle entrou nos últimos trinta anos ós concellos- e afastalos definitivamente da súa interinidade, así como dunha precariedade de funcionamento que consume máis recursos en solicitar a subvención e xustificala, ca en levar a cabo o traballo ou xestionar o servizo para o que aquela foi concedida.

E por se isto fose pouco -que non é-, aínda hai unha outra cuestión que eu considero de vital importancia, non só para garantir a chegada dos servizos a toda a poboación (eu non sei por qué a todo “quisque” se lle dá agora por dicir "cidadanía", co fermoso que é invocar ó pobo que é unha palabra que mesmo enche a boca ó pronunciala), senón para conseguir asentar a esa poboación no medio rural -ou nas aldeas-, no sentido de que a xuventude -agora si- empeza a tomar seriamente en consideración a rehabilitación de antigas vivendas -familiares ou non-, razón pola que é pertinente salientar o traballo que ven realizando a Asociación de Empresarios Inmobiliarios (Adeido) que preside Benito Iglesias, asinando convenios por aquí e por acolá para que a rehabilitación deixe de ser dunha vez por todas a filla parva do sector inmobiliario galego.

E esa outra pata que ó meu ver pasa por ser fundamental non é outra que a dunha aposta estratéxica (de Concellos, Deputacións e Xunta de Galicia) por unha rede de transporte (taxis, servizos de liña e discrecionais, etc.) que sexa capaz de achegar nun tempo prudencial e a un prezo económico, á capitalidade da comarca, a novos e vellos. Xa sexa para ir ó médico, para xogar a partida ou para aprender a tocar o birimbao.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES