Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ideoloxía e ciencia

lunes, 05 de septiembre de 2011
Ocupamonos noutro artigo da “ideoloxía e seita”; facémolo agora en relación a “ciencia”: outro fenómeno social de non pouca relevancia.
O científico, en xeral, non cre estar condicionado por ningún suposto ideolóxico e, polo contrario, o ideólogo considera que os construtos ideolóxicos son estruturalmente científicos.
É sabido que a ciencia pretende atender só a pura obxectividade da porción da realidade a estudar, pois todo aquilo que non poida ser verificado, ou “falsado” (en termos popperianos), segundo o criterio que se empregue, e non poida ser universalizado e intersubxectivado, non merece ser chamado científico. Ademais, a ciencia parcela a realidade e especialízase nun sector moi ben delimitado e concreto da mesma, o que a leva a desconfiar das cosmovisións e globalizacións, sobre todo se non poden ser xustificadas como referencias remotas dos planteamentos científicos.
O método da ciencia é o da VERDADE / ERROR, mentres que o da ideoloxía adopta o criterio do ÚTIL / NON ÚTIL. A un ideólogo, epistemolóxicamente, só lle interesa o que é útil ou conveniente, e non entra nos seus cálculos o problema da verdade da concepción científica. Polo tanto, a ideoloxía é allea ás oposicións VERDADEIRO / FALSO, CERTO / INCERTO, OBXECTIVABLE / INOBXECTIBABLE. Nela predomina, fundamentalmente, o ÚTIL / NON ÚTIL, INTERESANTE / NON INTERESANTE, CONVENIENTE / NON CONVENIENTE, etc., para acadar os fins que se propón
Ninguén, como consecuencia, que xulgue serenamente os razoamentos ideolóxicos pode dubidar de que, mentres na ciencia prima a reflexividade, na ideoloxía non é difícil descubrir un certo grao de irreflexividade. Por iso, na ciencia hai sempre un grande empeño na transparencia, e polo contrario, non é nada estraño encontrarse con que a ideoloxía xoga cunha certa escuridade epistemolóxica, deixando na penumbra a xustificación coherente de cuestións fundamentais.
Sen embargo, tampouco hai que pensar que a ciencia está libre de supostos e condicionamentos ideolóxicos: hoxe xa ninguén se atrevería a afirmar o contrario, habida conta dos compoñentes extracientíficos da mesma. Basta, para aceptalo así, lembrar o que nos din as “socioloxías do coñecemento”, e o mesmo “cientismo” pode conceptuarse coma ideolóxico. Certamente, toda ciencia prodúcese nunhas condicións sociais moi precisas e determinadas, que conducen á elección das investigacións (incluso con presupostos ad hoc), dado que os intereses da sociedade non poden ser obviados por ela, nin descoidada a potenciación dos valores dominantes, así coma tampouco afastado o compromiso con algún tipo de cosmovisión, e se non pensemos na investigación, evidentemente, anómala, nos tempos de guerra ou para cubrir aspiracións dunha ideoloxía no poder.
Pero todo isto, por suposto, non é suficiente, debido a súa extrinsicidade. É mester acudir a razóns intrínsecas, estruturais, que operan na mesma xénesis interna da ciencia. O importantísimo desenvolvemento matemático encárgase de condicionar ás leis empíricas, e, asemade, cingue á natureza a súa propia linguaxe. Así, mentres, por exemplo, antes a linguaxe matemática movíase no marco da xeometría euclidiana, e a natureza expresábase en triángulos, círculos, etc., hoxe son a Análise funcional, e a Topoloxía diferencial as que condicionan os modelos de explicación da natureza. E isto permítenos concluír cás leis empíricas non se obteñen exclusivamente por observación pura, senón tamén partindo de suposicións previas.
Neste mesmo sentido, xa Poincaré sostuvo que nada pode ser observado sen unha previa idea, porque a “lectura” dos datos da observación está estreitamente comprometida co contexto científico do lector; e o mesmo Einstein sostiña que era a teoría a que dicía o que había que observar e experimentar. Por outra parte, na mesma evolución histórica da ciencia pódese constatar como varían e entran en pugna as distintas concepcións dela, que ben pode ser entendida coma descripción da natureza ou coma a súa transformación; coma observación sen idea previa ou dependente dun feixe de suposicións previas; coma un experimento amorfo ou un encamiñado a aquilo que se quere constatar; coma un coñecemento plenamente obxectivo ou cunha obxectividade comprometida cun certo marco ideolóxico; coma o resultado dun ir da observación e o experimento á teoría, ou coma unha teoría que ten que contrastarse cos datos da observación e o experimento, ou, hoxe en día, con ambos procedementos á vez.
En realidade, a ciencia tamén ten niveis de conceptuación. No campo relixioso, por exemplo, non lle faltou a consideración como se dunha profanadora e desacralizadora do mundo se tratara, porque puxo en apuros ás ideoloxías relixiosas. Reduce o mundo á proxección que del fan os científicos, e isto fai que, segundo a ideoloxía política a apoie máis ou menos, a ciencia poida eliminar dende os seus centros de control educacional e informativo as preguntas sobre a realidade que xulgue obxectivamente irrelevantes e prescindibles, que é unha maneira un tanto excluínte de ver a realidade, con unha actitude por parte dos científicos raiana coa propia dos ideólogos.Velaquí como o ámbito propio da ciencia solápase co da ideoloxía, porque ven a ser aquela tanto a que declare o verdadeiro coma o útil.
Pero se a ciencia non se apodera dunha realidade preexistente, senón que a configura mediante un armazón conceptual, que opera a base de OMISIÓNS, que se producen para defender intereses moi definidos, entón está facendo uso de prácticas ideolóxicas; e se proxecta un mundo para un determinado tipo de home/muller, definindo os límites do entramado social, ás condicións de validez, así como o sentido tanto para os enunciados coma para toda clase de accións, está evidenciando as súas compoñentes ideolóxicas.
Mais se todo isto é certo, temos que formular unha importante pregunta: O “omitido” e o “excluído” é, ou non, algo real?. Parece que a contestación ten que ser necesariamente afirmativa, e neste suposto habería que concluir que a ciencia fai un exercicio de selección moi pouco acorde coa súa pretendida e presupostada obxectividade.
Como di Habermas, en “Ciencia, técnica e ideología”, Tecnos, Madrid, 1.989, “a ideoloxía encubre o interés do coñecemento, dictando, incluso, a súas condicións de obxectividade”, e, non obstante, sería bo que a ciencia o evitara, porque estamos, segundo parece deducirse do dito aquí, ante uns novos proxectos de construcción do mundo, que, incuestionablemente, non están libres do influxo ideolóxico.
É esta unha temática rica en matices e merecedora dun rigoroso tratamento. Aquí só se sinalaron algúns puntos para unha sinxela información.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES