Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Novísimo castelán para castrapos

jueves, 01 de septiembre de 2011

N O V Í S I M O C A S T E L Á N P A R A C A S T R A P O S *


Coma os pimentos de Padrón,
unhos pican e outros non.

Acerbo: natural de Azerbaijan
Afeminada: muller adrede.
Agresivo: eficiente (antes, matón)
Asesor de imagen: peluqueiro de señoras.
Asignatura pendiente: regüeldo politicamente correcto.
Baño: peligroso eufemismo do onomatopeico retrete (tamén chamado escusado, servicios, water, tirez e xardín).
Baronesa: título gay do Reino
Barragana: Muller porca e riseira
Barroco: arte con berrugas.
Berrendo: calquera dos tres tenores / beneficiado catedralicio deses que andan sempre protestando e dando golpes alá no fondal do coro coas cadeiradas.
Bipontino:natural de Zweibruck.
Bromatología: ciencia e arte das bromas pesadas.
Burbuja inmobiliaria: valor que, quentado pola horterada, ascendeu xa por riba da capitalización das súas rendas explotándolle a un finalmente onde menos o espera.
Cambio de clima: cambio dos cambios meteorolóxicos.
Canción: arroto electrónico con gargarismos e outros desplomes colaterais.
Candelabro (procedente de estar no candeeiro): novo símbolo de prepotencia vaginal -as veces as cousas quedan mellor en grego-.
Capadocia: pais xenófobo con desmesuradas prácticas anticonstitucionais.
Castrapo (de cas ≈ castelán e trapo = estragado): estado no que se nos queda o castelán unha vez utilizado.
Catarsis: v.gr.: retórica ético-estética para exquisitos (Guerra).
Catástrofe humanitaria: relativa ó Catastro .
Casus belli: Putada
Causística: da regra de tres “caso é a casuística coma causa é a causística” (neoloxismos Pajín)
Cebollón: cruel xogo de salón que suscita escusadas aclaracións culturais para logo pitorrease ruidosamente delas -por exemplo, cando, coma quen non quere a cousa, se di “O Barbeiro de Sevilla de Mozart” e logo se espera un pouquiño para aclamar ó sempre inevitable censor-.
Cefalópodo: persoa que pensa con pes e anda coa cabeza.
Celo: apetito da xeración nos irracionais ( púdica definición do D.I.L.E.)
Celuloide:delicado sinécdoque procedente de metonimia ou trasnominación cinéfila.
Cerril: burro montañeiro i excursionista.
Centrista: lisiado ideolóxico moderadamente asimétrico (zurdo máis que manco, vesgo máis que torto e tamén patachula, zangolotiño, pergeñoso e riobamba).
Cerebro: especie de caixa de Pandora que, baixo unha delgada corteza cultural, contén a evolución de tódolos nosos ancestros depredadores. Calquera de nós pode estar pois a mercede dun Epimeteo que rompa a caixa e que, coma na guerra civil, libere polo mundo toda clase de horrores. Pode, incluso, que o crime se agazape xa en nós. Coma no mito, unha vez roto, o cerebro soamente poderá reter esperanza.
Ciudadano: home antanón, probo e municipal.
Cívico: recolleitor de cacas de compaña.
Civilización: cultura da desdita.
Climaterio: accidente meteorolóxico inesperado (dícese tamén tiberio, boruca e abintestato)
Colarse: meterse nas colas por oposición, non por antigüidade.
Comicios: votación groseiramente aritmética non se sabe ben de quén, nin de qué, nin para qué.
Comité de sabios: contubernio de gilipoyas (do xitano español gili = inocente e do grego podio ≈ poyo = culto, e non do que vostede pensa).
Compañeiros sentimentais: os amantes de Teruel / parella da Benemérita.
Conciente: neoloxismos Felipe.
Concierto: follón, calamidade pública, peste electrónica con desprendemento de proscenios (do latín concertare = pelexar ou poñer de acordo).
Condecorar: decorar condes.
Congruencia: inxesta desordenada de congros malacopterixios.
Conmilitón: compañeiro de armas da talla oitenta e oito.
Contemplar: superior avizoramento xurisconsulto.
Contrabajo: coma o seu propio nome indica, violón desmesurado de difícil transporte (non confundilo co contraballón, unha oitava máis baixo, unha tonelada máis gordo e ademáis de vento)
Contubernio: cohabitación vitivinícola.
Coprolito: excremento meteórico de orixe descoñecido.
Correcto: corrixido.
Corruptela: corrupción xeitosiña e agarbanzada.
Corte de manga: contraseña procesional mesopotámica.
Cuácara con cuácara: corenta e catro -respiro para punteos contables-.
Culinario: especie de bidé de sobremesa.
Cultura: conxunto de descoñecementos agrícolas, preferiblemente en alemán.
Chao: adeus mundano, desenvolto, porteño,coma ó desgairo -moi fino el-.
De una vez por todas: ¡dunha puñetera vez!.
Deleitarse: deleitarse.
Deletereo: arrecendo ilocalizable e sospeitoso
Disciplente: mira-ceos
Discóbolo: indignado (antes, respondón)
Democracia: (de demos = pobo e cracia = goberno), ≈ goberno dos gobernados.
Derechas: conxénita ideoloxía asimétrica dos que teñen algo que perder.
Derechona: aumentativo agarimoso.
Desertificar: cultismo de desertizalos desertificios.
Diabetis: neoloxismo sociata para a nova diabetes 3 / efemérides de certo club deportivo (neoloxismos Pajín)
Difícil: por exemplo, subir pola parede (non confundilo con complicado, tal coma subirse polo IRPF).
Dinero: quincalla cuxa escasez é a verdadeira garante da equivalencia dos trocos.
Doceavo-ava: último berro dos ordinais ambidiestros.
Ecología: de eco = habitación e logía = tratado; é dicir, conducta ventilada e salutífera na festa do árbore.
Ecologista: ecólogo de oído / “ecólogo é a ecoloxista coma sociólogo é a socialista” (Margalef).
Élite: hélice (antes, elit -galicismo-)
Equipo de fútbol: sociedade anónima de xogadores foráneos e de forofos nativos unicamente interesada en meter goles. É dicir, case sempre nada, nin nadie, nin sequera fútbol: soamente agresividade en estado puro.
Escuchante: radiointe avizor
Escusado: eufemismo por antonomasia.
Estetoscopio: coma o seu propio nome indica, instrumento diagnóstico algo confianzudo.
Estúpido: tonto vocacional.
Evento: festa de executivos con gravata e maletín.
Exabrupto: grosería exagonal contraria as ensinanzas da nosa Santa Nai Igrexa.
Felicidades: bos desexos / ultimamente tamén, felicitacións dexeneradas -marcha atrás-.
Felicitacions: congratulacións / hoxe tamén, felicidades estragadas -marcha adiante-.
Feminista: marimacha.
Flagrante: que flagra (textual do D.I.L.E.)
Flatulento: nostálxico xerador de gases.
Follón: alteración deshonesta do orde público.
Fornicio: matrimonio civil.
Fotoperiodismo: segundo a prensa, fotografía periodística ( e non, coma antiguamente, ritmo biolóxico provocado pola periodicidade da luz = foto e non sei que rolos máis).
Fuerza de interposición: Forza entre forzas pola forza.
“Galicias: Galatia (Turquía), Galitza (Rusia), Galizia o Galitzia (Polonia), Galias (Francia, Suiza, Bélgica, parte de Alemania , parte de Italia, parte de Austria); Gales (Reino Unido), Galicia ou Gallaecia (España), Galich (Rusia), Galati o Galatz (Rumanía), Galaxidi (Grecia), e non sei se Galilea (a do torpe acento) etc. Media Europa e parte de Asia polo tanto e, xa postos, tamén Colon, Wojtyla, a Virxe María e o mesmísimo señor Xesucristo.Todo dios, vamos.
Garamantas: xentilicio comunmente aplicado ós xétulos lotófagos
Gastrónomo: especialista en cromatografía de gases.
Gay: eufemismo Kertbeny 1980 (curiosamente, ledo en occitano).
Glamur: termo inglés que en castelán anda varado en cachondez ou algo así.
Globalización: conversión das nacións en provincias.
Guerra preventiva: guerra pacifista.
Haleví, Yehuda: poeta mozárabe que xa no século XI escribía fluidamente Vaise meu corazón de min. Xunto con topónimos tamén mozárabes coma Capileira, Pampaneira, Ferreira, Lanteira e Unqueira de Granada ou Mosqueira de Almería, ¿non andará por aquí algo da nosa cara oculta?
Hebdomedario: especie de calendario zaragozano francés, laico e hortofrutícola.
Hervíboro: militar patateiro
Hombre: instrumento de vento
Hombre público: puto
Honesto: virtude de medio corpo para abaixo (Madariaga).
Honrado: virtude de medio corpo para arriba.
Hortera: dependente de texidos que vestía coma ós señoritos -en todo menos no sastre- .
Hostialidades: certas actividades sober da cara do próximo que, por extensión, tamén se aplican as nacións.
Humor: perspicaz tic nervioso do absurdo / gargallada silandeira.
Ideario: reata de preciosidades poético-filosóficas; v.gr., el mundo sólo es del viento (profundadas ZP), por el imperio hacia Dios (caramelos Paco), etc.
Ideología: ideario artrítico,v.gr.: una, grande y libre, todos los hombres nacen iguales, unidad de destino en lo universal, etc, etc.
Indiosincracia: neoloxía avanzada.
Izquierdas: conxénita ideoloxía asimétrica dos que teñen algo que gañar.
Japuta: coma o seu propio nome indica, pescado teleostio i espinoso.
Kaputta: coñecido pero pouco citado científico polaco.
Laico/a: freire de grado medio / norma inseparablemente antagónica do dogma.
Lengua española: a partir do XVIII, excluinte nome da lingua castelán, actualmente falada por máis de trescentos millóns de estranxeiros analfabetos e gran parte dos españois.
Lenguas españolas: castelán, catalán, galego e vasco -agora todas en certa connivencia bilingüe-. Pese a utilidade do bilingüismo, os centrifuguipetistas fabricaron, cada un polo seu lado, armas idénticas que xa non hai a quen tirar. Seguiremos escribindo pois en galego, inda que nos obriguen a elo.
Lodo: auga terrosa segundo contextos coma “de aqueles lodos viñeron estes barros”, en contraposición a barro = terra acuanosa, que corroboran expresións tales coma “Terra de Barros”-. Nembargantes, agora se di, curiosamene, “de aqueles pos viñeron estes barros”.
Lógica: absurdo dos parvos.
Lucha intestina: estrinximento.
Matrimonio: axuntamento de persoas, cabras e cousas.
Mensaje: escrito embotellado de alta mar.
Metereología: tamén meteroloxía (antes, meteoroloxía)
Modelo: figurín / en ciencia, hipótese indestapable.
Modernismo: perifollos do XIX .
Mover ficha: perliña retórica de café.
Muller pública: telefonista
Mundo: río de Albacete.
Necio: parvo a cadros.
Nobel ( nóbel?), Alfred : gran dispensador de premios da Paz e Explosivos.
Novel (dícese nobel): concursante barbilampiño (non confundir con don Jacinto Benavente)
Oblato: bieito inxeridor de obleas (tamén agradecido en italiano, v.gr: moito oblato)
Obsceno: billete de a mil coa “Maja desnuda”.
Orgullo: autocomplacencia con mala follá.
Ortodoxia: heterodoxia medio-oriental.
Ostentóreo: perfeccionamento contaxioso de estentoreo (neoloxismos Gil)
Para nada: elusión glamurosa.
Parajoda: paradoxa tartamuda.
Parámetro: artiluxio metálico plegable.
Paritarias: Parturientas potenciais ó 50%.
Partidos políticos: xogos paraolímpicos
Perro faldero: can que se mexa nas faldas de tódalas visitas.
Planetaria: hipérbole sidérea da conxunción Obama-Zapatero (neoloxismos Pajín)
Pluviometría: metros de precipitación por litro cadrado.
PEPE (PP) –e non PEPÉ nin P P -: siglas de pai putativo.
Poner gasolina: discreto santo e seña entre fidalgos.
Verso: crucigrama multicanal.
Prometer: fórmula de toma de posesión que agora funciona cara atrás.
Propina: esmola sempre dudosa e circunspecta / imposto revolucionario
Prostituta: mestra suplente.
Putativo: pai de fillos anónimos
Raza: defecto visual.
Recuperar: obter (antes, volver a ter)
Remoquetes da transición ( “asignatura pendiente, de una vez por todas, deberes hechos, mirar para otro lado, mover ficha, poner encima de la mesa, reglas del juego,
reto, sentarse a la mesa, de una vez por todas y hasta poner un cadáver encima de la mesa, etc”): brillantes metáforas político-sociais procedentes todas da Educación Xeral Básica.
Restaurador: cociñeiro sen fronteiras.
Retreta: toque de corneta que lle lembra à soldadesca as súas derradeiras obligacións vespertinas.
Rey: xefe de estado honorario.
Rock: alarma antiaérea.
Saturnales: festas masónicas subterráneas
Saúdo: aceno de indefensión (por exemplo, dar a man).
Silencio: a mellor das literaturas, segundo Cervantes.
Sinceramente, yo..: frase estúpida.
Solvencia: relativo a Solbes, pero con fallas de ortografía.
Sostenible: non comerse a pita senón os ovos.
Stoss,Veit: segundo Solomon Reinach, escultor galego do renacemento alemán nacido en Nuremberg e criado en Cracovia. Inda que, efectivamente, Stoss residíu moito tempo en Galizia (Polonia), non tería nada de particular que esta abusiva nacionalización do Reinach fora cousa dalgún editor patriota de Monforte ou de Muros, poño por caso-.
Subterrugio: subterfuxio antiaéreo.
Tonto: do grego tauto = que se repite (coma bobo, baba, ñoño, memo, lila etc.).
Topeneón: que amaga coa cabeza contra persoas, animais e paredes.
Trabajos forzosos: todos.
Trabalenguas: a mugre progre pudre ó pobre
Vale: de acordo (antes, presente de indicativo do verbo valer)
Valor y coste: a i-auga vale moito e costa pouco; a coca-cola costa moito e non vale nada.
Vergonzante: xente dignísima que disimula con vergoña.
Versus: palabra latina que en inglés significa contra.
Vizconde: conde vesgo.
Volar a Nueva York: coma moito, en parapente.
Y dicho esto.../ Y mire Vd. / : latiguillos de comisionista reciclados por Fraga e Aznar.
Zangolotino: pisaverde pernilargo e merodeador.
_________________________
* Debido a certo detectado confusionismo cultural dos textos, vostede faría moi ben en consultar outras fontes.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES