Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Normandus ad portas

martes, 30 de agosto de 2011
Xentes da miña beiramar focega; visitantes, amigas e amigos:

Benvidos a esta xuntanza no alto da Grela, lugar mítico de tan fondas resoancias na historia do noso pobo que, denda hai mais de mil anos, quedou gravado, con caracteres indelebles, nos anais desta terra, que perpetuaron escritores, poetas e historiadores e a tradición oral, de xeración en xeración, como feito sorprendente no decorrer dos séculos; feitos insólitos que espertan o interese que, sendo transcendentes, a súa singularidade vese arroupada co manto subxugante do misterio, da dúbida, do sorprendente e, polo tanto, do poético, do lexendario, do mítico, que ten un especial engado polas estranas circunstancias; convidan ó seu estudo e coñecemento, dados á controversia e ó debate, como referencias históricas e lexendarias que son.
O relato é coñecido ; refírese ó feito miragroso que a tradición atribue a San Gonzalo, o bispo Santo, según o cal, éste, alá polo S.IX, logrou destruir unha armada normanda, coa que os temibles “bárbaros do norte” se dispuñan a invadir as nosas costas, pois a onde chegaban arrasaban canto atopaban ó paso, cometendo as maiores tropelías e infundindo o medo entre os habitantes do territorio que, impotentes ante tan severa ameaza, acudiron ó bispo Gonzalo, que tiña soa de miragreiro, pedíndolle a sua intervención que os librara de tan inminente perigro.

A FURORA NORMANDORUM, LIBERA NOS DOMINE”

Os drakars vikingos ou normandos eran os barcos mais veloces, resistentes e mais preparados para o océano Atlántico que usaban estes “salteadores de bahías” como foron chamados, ou tamén, “depredadores marítimos”.
Cóntase que, dende a catedral de San Martiño, o bispo, seguido do pobo, marchou en procesión e chegou a este lugar no que nos atopamos, o alto da Grela onde, dende aquelas datas está a ermida que temos ó noso carón, e desde aquí, rezando avemarías, segundo uns historiadores e, según outros, fincando no chán os xionllos, foi afundindo unha a unha as naves, deixando dúas en liberdade para que foran polo mundo contando a miragre da que acababan de ser testemuños.
Hai preto de 50 anos este cronista fixo un estudo mais ou menos profundo da historia de San Martiño recabando información para o seu libro, publicado en 1976, “Guía histórica e artística de S. Martíño de Mondoñedo”. Entre os libros antigos que daquela ollamos na ex -catedral, dimos cun vello documento que relataba o miragre do bispo Santo, deste xeito:
Entre os moitos e moi venerados prelados que honraron a antiga igrexa do Real Priorato de San Martiño, mentres nela estivo a Sede Episcopal, desde Sabarico, bispo da antiga Braga, que obrigado pola persecución sarracena refuxiouse aquí, no S VII, ata que se trasladou ó Val de Brea (actual Mondoñedo), a principios do XII, foi sen controversia o grorioso San Gonzalo, de cuxo santo corpo é esta igrexa fiel depositaria, que conserva nun sepulcro de pedra tan rico tesouro, cuberto e sellado con faixas de ferro e tres candados; en cuxo honor e devoción deste santo Bispo, erixiron os naturais, onde ó presente se atopa, a capela que dende entón conserva o nome e título de “capela do bispo Santo”, para recordo e confirmación do maravilloso prodixio que, pola súa intercesión, alí obrou Deus noso Señor, según teño visto- di o relator - nun escrito antigo, tradición que seguíu e segue constante e sen interrupción hoxendía entre os habitantes desta comarca; e foi que arribando á costa do mar en Foz unha numerosa armada de normandos que viñan a roubar as igrexas e os habitantes desta mariña e a extinguir a fe que con tanto celo se profesaba nela, non fiando a defensa ás forzas humanas, valiuse das divinas e, vestíndo túnica de cilicio, descalzos os pés e cunha cruz ás costas, ordeou unha procesión de bágoas e preces cos seus coengos, clero e pobo en dirección ó alto do monte onde ó presente se atopa a capela; e como a súa avanzada idade, a cortedade da vista e o peso da cruz non permitisen ó Santo Bispo acelerar os pasos, era indispensable alivialo, o cal facíase quedando o Santo Bispo de xoenllos, enarbolando a Cruz, para que todos a adorasen. Fíxose isto moitas veces, de sorte que permitiu Deus Noso Señor que se abravase o mar de tal maneira que se víu a averiguar que tantas veces como o Señor Bispo adoraba a cruz de xionllos, ou como din os nativos do lugar, tantas “rodilladas daba”, outras tantas naves dos inimigos faltaban que o mar as inundaba coas súas ondas. Concluida a estación e vendo o Santo Prelado que non quedaban xa da armada senon as naves que non facían ofensa algunha, suplicou ó Señor as deixase, para que levaran a nova daquel terrible castigo, e non voltaran.
O Señor escoitou a súa oración, sosegouse o mar e as naves que quedaron libres déronse á vela, quedando todo o pobo, e aínda todo o reino, cheo de admiración por este prodixio, e na súa memoria edificouse, según queda dito, a ermida que chaman do Bispo Santo, no alto do monte que tomou o seu nome, que domina o mar, a onde en tempos moi remotos concurrían de todas partes os fieis a tributar culto a Deus e ó Santo Bispo, e de seguido baixaban á igrexa a bicar e venerar o seu sepulcro polas singulares mercedes que a Súa Divina Maxestade concede pola intercesión do Santo Bispo.

Iste é, coas variantes que o paso do tempo introduce na versión oral, de xeración en xeración, pero que non alteran a esencia dos feitos, o relato que fan os haxiógrafos, confirmando a magnitude do mesmo; os poetas que cantan a bravura dos homes do norte e os escritores que subliman os relatos engadíndolles o valor maxinario que enaltecen os fantásticos episodios.

Toda esta riqueza que aporta a historia; toda a beleza de vivencia tan singular, real ou ficticia, témola agochada os focegos, ó longo de tantos séculos, impedindo que se espalle o seu coñecemento e que as xeracións sucesivas se mergullen no disfrute, físico e intelectual, de aconteceres que, pola súa singularidade, rachan cos sucedidos mais ou menos cotiáns.

O Desembarco Normando en Foz traerá cada ano a lembranza do histórico acontecer que reivindicamos precisamente en datas nas que se celebran cen anos do nacemento de Alvaro Cunqueiro, para quen foi un dos temas queridos e do que se ocupou en tantas ocasións..

Nós esperamos que os focegos sexamos quen de emular, con perspectiva humana, a lección divina de San Gonzalo, porque, non o esquezamos, seguimos ameazados polos bárbaros dos tempos modernos: por xentes que, dende un poder mais ou menos exiguo e precario, consuman ou defenden as agresións ó patrimonio natural, histórico e cultural; por aqueles que masacran a armónica beleza dos nosos pobos, dos depredadores da nosa lingua e da nosa cultura, material e inmaterial; ou daqueles que, camuflados de demócratas, non toleran sequera a proposta de diálogo; é decir, en boa medida arrodéanos aínda hoxe a barbarie.
Só un miragre da magnitude do que comemoramos poidera lograr que a cidadanía empezara a crer nos que nos dirixen: que istes, a tódolos niveis, deixaran de mentir.
E mentres tal non chega recreémonos no pasado e, sobre todo, aprendamos a lección da historia que é gran mestra da vida.

¡Donas e cabaleiros!; ¡amigas e amigos!: disfrutemos desta 1ª Festa do Desembarco Normando na Ría de Foz que nalgunha medida exprese a vontade de recuperar a memoria histórica. E que tal efeméride perdure no tempo, como sinal de identidade dun pobo e como feito diferenciado mais salientable da historia e da lenda do seu mar, leda en ocasións; tráxica noutras.
¡¡ Xentes da nosa beiramar!! ¡¡ Veciños e amigos!! ¡¡ Todos á loita!! ¡¡Salvémo-la nosa terra!!

(Pregón da I Festa do Desembarco Normando, por Suso Fernández, Cronista Oficial de Foz).
Foz, 26 de agosto de 2011.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES