Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Corrubedo, paraíso na area

lunes, 29 de agosto de 2011
As dunas de Corrubedo son o emblema e o máis recoñecido símbolo deste paraíso natural situado na bisbarra coruñesa da Arousa Norte. A duna móbil é a máis grande do noroeste peninsular, cun quilómetro de lonxitude, que é visitada por milleiros de persoas e pola que non se pode pisar na actualidade. Un lugar de culto no que non deberían existir polo tanto pegadas para protexela, pero onde estas se multiplican a causa do incivismo que amosamos moitas veces homes e mulleres, perpetuando o atentado protagonizado anos atrás por construtores que levaban a area para levantar edificios. Pero á marxe da duna hai moito máis por descubrir neste paraíso. Natureza a pé de mar, gastronomía, historia...
Corrubedo era unha parroquia mariñeira do Concello de Ribeira da que aínda quedan restos de redes, nasas e aparellos de pesca, pero o boom do ladrillo multiplicou o número de edificios e converteu a localidade, hoxe comunicada por autovía co resto do mundo, nunha cidade de vacacións, para chegar finalmente á situación actual, na que os carteis de “Véndese” adornan os balcóns de moitas vivendas, constituíndo un exemplo visíbel da crise económica. Hai que dicir que Corrubedo non se caracteriza pola harmonía urbanística, nin no vello nin no novo. Rúas estreitas, construcións de alturas desiguais, casas de costas ao mar, azulexos multicores nas fachadas, vivendas enriba das rochas e do mar... son estampas habituais pero que confiren certo estilo e encanto a unha localidade que conta entre os seus veciños con figuras tan ilustres como o famoso arquitecto David Chipperfield.
Pasear por Corrubedo mantén un aire especial, de traslado no tempo, de sitio distinto como dirían os Resentidos na súa célebre canción.
A oferta hostaleira é ampla, calidade de produtos e para todos os petos nos locais do Porto ou nas aforas, coas navallas como protagonistas, acompañadas de polbo, percebes ou peixes frescos como a maragota. Un luxo. Existen varios estabelecementos onde durmir, cámping próximo e a posibilidade de alugar un dos múltiples apartamentos construídos nos últimos anos.
As praias merecen unha especial mención, dende as máis próximas e urbanas, como a do Porto ou a do Prado que, malia a súa proximidade coas casas, son ideais para as familias, para un baño rápido ou para non camiñar moito. Tamén merece a pena descubrir a de Balieiros, salvaxe e case virxe, no camiño do Faro; a longa e paradisíaca praia da Ladeira, de suave area, coa lagoa do Carregal ao fondo e continuando no Vilar, que chama a atención a todo aquel que chega por primeira vez a Corrubedo. Existe unha segunda lagoa de auga doce, a de Vixán, non menos interesante.
O emblemático Faro, cunha estrada en lamentable estado, beirarrúas de asfalto e adornadas con non pouco lixo, pero cunhas fantásticas vistas e rochas ao fondo, é un dos lugares de peregrinación incluso en temporal, cando as ondas baten con forza e chegan a ser perigosas, deixando sentir a súa furia neste cabo do mundo.
O Parque Natural declarado no ano 1992, con mil hectáreas de superficie, conta cun Centro de Interpretación que merece unha visita, ao recoller a riqueza marítima e natural da zona dun xeito sinxelo e didáctico. Ademais convida aos visitantes a se perderen polos múltiples carreiros que decorren entre as dunas, o monte e o Vilar.
Cómpre visitar tamén os miradoiros próximos como o da Rá ou o da Ermida de San Alberte, dende onde ver a grandeza de Corrubedo con perspectiva aérea no fin da terra conformando unha península propia. Non menos interesantes son outros puntos nas proximidades, caso da Garita, a Curota, o Parque de San Roque, o Dolmen de Axeitos, incluso o Petróglifo da Cabra, pouco coñecido, que poñen ao descuberto a riqueza etnográfica dunha bisbarra con Ribeira como capital, aínda que caracterizada esta última pola desorde urbanística e a falla de encanto xeral.
Moitas voces din que este paraíso de area xa non é o que era tempo atrás, que a masiva presenza de visitantes e edificios teñen rematado co encanto de Corrubedo, pero eu penso que aínda merece a pena perderse por este paraíso próximo que goza dun microclima propio e de moito por descubrir.
Mínguez, Alejandro
Mínguez, Alejandro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES