Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aristocracia cultural

lunes, 29 de agosto de 2011
Eu son dun pobo de clase. De clases. Que en Vilalba o das clases estaba moi marcado, social e mesmo xeograficamente.
Bernardo García Cendán, o fillo do Severino, o barbeiro da Praza, ten dito que existía en Vilalba un pequeño mundo que abarcaba a praza mesma e algunha rúa coma a do Sol. E que cando tiñan que ir á carretera, vestían e calzaban de xeito diferente, porque tamén era ir a un sitio diferente. Dúas clases diferentes.
Pero eu era da Porta de Cima, que agora sabemos que é por onde pasou desde hai séculos o Camiño do Norte a Compostela. Nós, cando íamos á Praza, sabíamos que entrabamos nunha dimensión diferente. Tres clases, pois, na que a miña era a máis humilde.
Non é extraño que os rapaces do meu tempo e anteriores organizasen combates con toda clase de armas para dirimir diferencias de clase, de barrio, de rúa, a cada dous por tres. Eu nunca participei, e non porque fose pacifista –que algo medoso sempre fun- senón porque na miña casa había unhas normas ríxidas e eu sempre fun home de orden.
Bromas aparte, e tiveran as nosas clases consideracións xeográficas ou as máis aceptadas sociais e máis económicas, o certo é que Vilalba, como todas as vilas e pobos, tiña naqueles remotos tempos de mediados do século pasado unhas liñas moi difíciles de traspasar, marcadas pola orixe, pola profesión, polos “posibles” económicos, pola familia, pola conducta, polo que todos sabemos que marca a unha persoa no medio de todos os demais.
Non é que se poida falar de aristocracia naquela Vilalba tan lonxana. Pero si hai que falar de xentes pertencentes a moi diferentes estratos sociais que, ó ter unha “densidade” diferente, nunca chegaban a mesturarse cunha cohesión permanente.
Ata que a Academia Santa María fixo das súas. A Academia déunos a todos os presentes e a moitos centos de rapaces máis a posibilidade de igualarnos por un superior raseiro coas clases privilexiadas. Situou a Vilalba a altura dos pobos máis destacados da provincia en canto a ensino de calidade, de xeito que no Instituto lucense se consideraba que os rapaces máis preparados da provincia de Lugo viñan do Colexio Muinelo de Taboada, do Colexio a Asunción de Sarria, e da Academia de Vilalba.
E se de portas a fóra elevou o nivel de Vilalba á altura dos pobos onde se vivía a Cultura cunha formación moi destacada, de portas adentro, na mesma Vilalba, conseguíu a formación dunha clase diferente: a das rapazas e os rapaces que estudiábamos na Academia. Os da Academia. Clase aparte.
E foron pasando os anos, e saíndo promocións de rapaces que iamos a Lugo examinarnos por libre nos Institutos, compartindo aulas cos máis folgazáns dos alumnos oficiais que ó non aprobar o curso no seu momento tiñan unha última oportunidade canda nós. E moitos acudimos a Maxisterio, que tamén se podía facer por libre, e era a única carreira á que moitos de nós podíamos aspirar, chamando a atención daqueles vellos profesores pola formación que Don Daniel e dona Chari, Don Adolfo ou don Cándido, Don Antonio ou Dona Carmen Peña nos inculcaban “manu militari”, e mesmo Don Francisco-O Recho, con “sangue, suor e bágoas”.
Entre todos aqueles profesores, co Paz como complemento directo, colaborador imprescindible, vixiando estudios ou comportamentos, con todos nós, formábase a Academia. E a Academia fixo de nós homes e mulleres de proveito, aristócratas nun ermo cultural, membros dunha nova clase da que debemos ser conscientes, e pola que debemos estar agradecidos todos os días da nosa vida.
Medio século despois, xuntámonos anualmente numerosos resistentes daquela guerra, veteranos de mil batallas. Para, por encima de todas as barreiras, sabernos vivos, conscientes do noso protagonismo na historia da cultura vilalbesa. Por encima de todas as enrugas, dos naturais achaques que o tempo vai producindo en nós, dos problemas que a vida nos vaia proporcionando, sempre nos quedarán eses imborrables recordos que marcan a lume por ser os primeiros, froito dun tempo no que todo era posible, froito dun lugar que hoxe nos parece mítico por lonxano... Por encima de todo, un día de cada ano somos unicamente antigos alumnos da Academia de Vilalba, veteranos resistentes dunha milicia gloriosa, aristócratas convencidos de que connosco Vilalba cambiou coma da noite ó día, porque se coa democracia Vilalba veu florecer colexios e instituto, nós somos a avanzadilla... Ben mirado, a democracia en Vilalba comezou con todos nós, cando mesturando todas as clases sociais existentes xurdiu unha nova clase, unha clase de aristocracia cultural, que se algunha aristocracia hai válida é únicamente esta.
Daniel Ferreiro, vello e querido profesor, decíanos a comezos dos sesenta unha frase que daquela non entendíamos ben de todo: “Llegará el día en que la riqueza de una persona no se mida por sus propiedades ni por el dinero que lleve en su bolsillo, sino unicamente por su cerebro”.
Vendo as realidades do mundo que nos rodea, puidera pensarse que o prognóstico do querido profesor aínda non se cumpre. Pero si o pensamos ben, veremos que si. No mundo, por riba de todo, á larga, o que vale dunha persoa, o que queda dunha persoa, mesmo despois da súa morte, é o seu talante, os seus coñecementos, os seus feitos. E despois o seu recordo, a súa memoria. E por fin, o agarimo que conseguira despertar nos seus, no sentido máis amplo dese posesivo.
Nós, todos nós, somos a demostración –¡aristócratas culturais nacidos ó mundo na Academia de Vilalba!- de que a Academia de Vilalba fixo historia, e que o seu paso por ela marcounos, afortunadamente, para sempre.

(Leido o 29 de agosto de 2011, no decurso da Xuntanza anual dos Antigos Alumnos da Academia de Vilalba)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania