Simplificación
Editorial - viernes, 26 de agosto de 2011
Cando en tempos se falaba de Simplificación (administrativa) viña resultar que se trataba do desexo de que os trámites dun procedemento non se complicasen máis do necesario, e que os xeitos de traballar se fosen acomodando a un aforro de tempo e esforzos por parte dos traballadores das diversas administracións.
Cando agora se fala de simplificación, recorte, fusión, refírese aos propios organismos para adaptalos aos tempos que corren e procurar simplificar o complicado entramado existente, suprimindo entidades duplicadas ou institucións con competencias que ou tamén pertencen a outras ou poden ser asumidas por elas.
Nos tempos de euforia, as administracións medraron e multiplicáronse, e aínda agora existe a gran disculpa de que o noso entramado administrativo é máis sinxelo que o doutro países da Unión Europea, e a cifra de funcionarios menor en relación co número de habitantes.
Pero xa non valen as boas palabras ou razóns, e hai que proceder a recortar como corresponda, tocándolle a este goberno ou ao que veña o labor de ciruxán para que todo o entramado oficial non sufra unha gangrena grave no seu conxunto.
ToCa suprimir organismos, toca fusionar concellos, toca estudiar o destino das deputacións. Moitas asignaturas pendentes para recuperar nun setembro que temos á vista e que non permitirá máis ca esbozar o que todos parecen ter en mente.
Quen máis quen menos intenta simplificar o complexo bosquexo da súa organización persoal para conseguir despexar as incógnitas que se vaian presentando. As administracións téñeno máis complicado, pero seguro que o tema xa está en estudio, a Xunta elucubra con moitos menos concellos galegos que poidan resistir os embates da crise mediante a unión, e todos en conxunto temos un bo problema neste outono que está a piques de comezar.
Se hai que simplificar, simplifiquemos. Que posiblemente hai moito tempo que deberamos darnos conta de que estabamos vivindo por riba das nosas posibilidades, particular e institucionalmente. Agora xa o sabemos.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora