O que non ía a ningures
Piñeiro, Antonio - viernes, 26 de agosto de 2011
Póñome a escribir tan pronto remato a lectura dunha información do xornal, redactada baixo o título de "Los alcaldes del Alto-Minho se reúnen para prevenir que lleguen toxinas a Lindoso", e doutras dúas do Jornal de Noticias portugués, tituladas respectivamente: "Bactéria perigosa na Galiza ameaça águas nacionais" e "Autarca de Ponte da Barca garante águas perfeitamente limpas e saudáveis", na que se fala de forma literal do "problema da Galiza".
Leo isto e ó lembrar, unha vez máis, as declaracións do responsable da Confederación Hidrográfica, aquelas que invocaban ó santo dos croques e á danza da chuvia para que se solucionase o reverdecer das augas do encoro das Conchas, vénseme á idea a figura silandeira, barbada e miúda dun home que cruzo cada cando polas estradas do meu entorno cotián máis inmediato e ó que vexo camiñar cara aquí e cara acolá, co seu paso constante e lixeiro, sen ningún rumbo definido.
Eu chámolle para os meus adentros, "o home que vai a ningures". E vénseme ó maxín a imaxe do home que vai a ningures, porque cara ningures era cara onde ía -segundo o responsable da Confederación Hidrográfica- o problema do reverdecer das augas do encoro das Conchas.
Pero, o que non ía a ningures, resulta que se lles facemos caso -e eu fágollo- ás informacións que acabo de referenciar, xa está en Lisboa. É dicir, que aquilo que se ía solucionar cunhas cantas pingueiras desas grosas e preñadas de auga celestial que caen cando chega o tempo das treboadas que preludian as calores de hoxe en día, xa está convertido -gracias á inacción da Administración do Estado en particular e á da Xunta de Galicia en segundo termo- nun problema -"o problema da Galiza- de carácter internacional.
Chegados aquí e xa que o exercicio de dimitir non é un deporte que se practique con frecuencia por estes lares, teño para min que o máis digno que debería facer o presidente da Confederación Hidrográfica -a modo de penitencia-, sería ter o arrouto suficiente para convocar unha reunión ó pé do encoro (o mesmo lugar onde esoutro día escenificaron a reivindicación popular, é un lugar excelente) que fose aberta á participación de tódolos veciños, así como dos alcaldes da comarca (tanto o de Lobeira, que asistiu a convocatoria do domingo, coma tódolos que non asistiron e que, polo tanto, brillaron dun xeito especial pola súa ausencia), e despois de deterse un tempo nunha sincera petición de desculpas por ter minimizado o problema -ou, mellor dito, por non ofrecer toda a información que probablemente posuía-, poñerse á súa disposición e colocar diante del ós alcaldes para, en comandita, investigar, con tódalas consecuencias, de onde xorde o problema e buscar a solución naturalmente menos traumática posible.
Estaría ben
Pero dáme que tampouco a proposta vai ir a ningures.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora