A parábola dos paxaros
Piñeiro, Antonio - lunes, 22 de agosto de 2011
Cando cheguei alí os veciños empezaban a arremuiñarse para a concentración. Dúas cámaras de televisión recollían en imaxes as opinións dalgúns dos líderes da convocatoria e os fotógrafos empezaban a tomar as primeiras instantáneas antes de realizaren a foto de rigor -xa no medio da estrada- coa pancarta reivindicativa axeitadamente despregada para denunciar publicamente o silencio da Administración, e dun xeito especial a irresponsabilidade do responsable da Confederación Hidrográfica pola explosiva dexeneración que este ano viviu o ecosistema hidrográfico do encoro das Conchas.
Nun momento, un dos inminentes manifestantes -xa un señor maior- achegouse a unha moza xornalista que estaba ó meu carón e logo de cerciorarse de que era dun medio de comunicación, preguntoulle: "Ves algún paxaro ó teu redor?"
A moza, sorprendida pola pregunta, contestoulle que non, cousa que lle deu pé ó señor para desenvolver de contado a seguinte teoría: "Non os podes ver porque están morrendo todos ó beber da auga do embalse. Para que logo nos digan que esta contaminación non é perniciosa para a nosa saúde...!"
Logo tiven oportunidade de ler un informe científico que fala de "cianobacterias", de "cyanotoxinas" (que non sei o que é, pero que eu non comería) e dunha concentración de 15.000 colonias por mililitro (que tampouco sei moi ben qué significa, pero que non semella nada tranquilizador), así como algúns outros documentos e informacións que se refiren -vouno dicir por medio dun eufemismo porque alí tampouco ninguén o dixo claro- "a que os paulatinos depósitos dunha alta concentración de nutrientes no subsolo do encoro durante as últimas décadas están matando o embalse e as súas augas empezan a vomitar os primeiros síntomas da súa agonía".
Unha vez máis a capacidade de síntese popular (é dicir, do pobo) acababa de dar coa clave: Se antes había paxaros -e ras- e agora non os hai -ou están desaparecendo-, está claro que o que está pasando non é nada bo e, polo tanto, a Administración, que está para salvagardar a integridade da poboación e non só a súa responsabilidade administrativa, ten que actuar de contado, cousa que non está facendo, e ó mesmo tempo informar axeitadamente, tanto sobre as causas que dexeneraron nesta situación, como sobre o remedio que lle hai que pór ó problema sen esperar a que chova, tal como irresponsablemente declarou o presidente da Confederación Hidrográfica.
Certamente, foron moitas as preguntas que me provocou a parábola dos paxaros do veciño das Conchas. Preguntas que me dá que teñen unha resposta única: A irresponsable e depredadora xestión que ó longo das últimas décadas tirios e troianos teñen feito coa terra que noutrora serviu de leito da lagoa de Antela.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora