A Sanidade no Salnés
Cardalda, Theo - viernes, 19 de agosto de 2011
DESDE O PREGUNTOIRO: A SANIDADE NO SALNÉS
Percorren por Galicia ventos insospeitados de retroceso nun sector moi importante para a cidadanía como é a sanidade. A Consellería de Sanidade xa leva tempo intentando impoñer políticas neoliberais salvaxes enganando aos cidadáns finxindo facer un ben.
Isto ven a conto ante o decreto da área sanitaria para integrar o Hospital do Salnés en Pontevedra, cousa que terá as súas consecuencias negativas para os pacientes en xeral.
Alégrome de que a Plataforma pola Sanidade Pública do Salnés retome as mobilizacións e a concienciación dos cidadáns, ante os graves problemas que poden derivar deste decreto nun vindeiro futuro para a nosa saúde.
Estes politiquillos están usando tácticas depredadoras intentando paseniño a privatización: precariedade na asistencia, listas de espera, recortes de persoal e outras aberrantes maquinacións para enfastiar e causar aburrimento aos enfermos, primando á medicina privada.
Hai que concienciarse dunha vez por todas que a política que veñen facendo desde a Consellería, mírase no espello das Comunidades de Madrid e Valencia, onde está a ser un fracaso que vai ao desastre sanitario.
Temos que ser conscientes de que non se pode negociar coa saúde das persoas, a saúde dun ser humano non ten prezo. Se cumprírase a Constitución no seu artigo 43, onde fala do dereito de tódolos cidadáns á protección da saúde polo Estado, organizar e tutelar o sistema de saúde que chegue a todos e contemple a prevención, como a prestación dos servizos sanitarios, a cousa ía por outros camiños máis xustos. A Constitución neste país para os pais da patria, só é papel mollado. Oio o ouveo da hienas preeiras ao lonxe, axiña estarán no Salnés.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora