Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ecoloxía do abandono

jueves, 18 de agosto de 2011
Ecoloxa do abandono COMPÁS SOCIAL: ECOLOXÍA DO ABANDONO

O título destas reflexións foime suxerido literalmente por uns mozos do medio rural. Acordamos unha ruta estival de sendeirismo para visitar algúns mananciais, ríos e regatos, veigas e humedais, bosques e fragas, represas e muíños hidráulicos; amplos paisaxes, paraxes singulares e outras belezas naturais situadas nas concas fluviais do Parga-Ladra-Támoga declaradas Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). Eu, improvisado experto de terceira idade, faláballes con entusiasmo la importancia da Ecoloxía do medio físico natural, da Ecoloxía humana e da actual aplicación práctica destas ciencias en pleno auxe. Eles asentían con certo receo, e en varios intres do percorrido espetáronme: o que estamos vendo máis ben parece a ecoloxía do abandono.

A vista estaba. Moitas fontes estaban cegadas:onde antes había un fermoso e abundante manancial, agora só quedaba unha xunqueira sen rastro de desaugue. Os ríos e regatos, salvo algúns tramos testemuñais, atopámolos medio desaparecidos e só ruxían a veces baixo dos bidueiros, dos bieiteiros e outros arbustos de ribeira fluvial. Ollamos grandes extensións de veigas e humedais convertidos en salgueirais mesturados con grandes matogueiras de xuncos e feos. Nos montes e fragas descubrimos máis varianza: algunhas fragas de carballos aínda enteiras, outras medio esmochadas; montes baixos sementados de forraxes ou maínzos en expansión, na media altura atopamos tenzas de eucaliptos ou piñeiros, e en calquera recanto tropezabamos con anacos de toxais cechos e silveiras estiradas cubrindo camiños ou apreixando vellos muíños hidráulicos a medio esmorecer.

Esta é a Ecoloxía? Preguntáronme algo escépticos. Non ho, contestei para saír do paso. Esta é unha situación provisional ata que cheguen os coidados axeitados, e ademais sostense a biodiversidade. Isto é un escenario transitorio entre dous tempos, entre unha economía de autobastecemento con alta densidade de poboación para traballar os campos e outra nova economía agraria de mercado que cada vez esixe explotacións agrogandeiras con espazos máis extensos, ferramentas industrias máis potentes, especializacións rendibles e unha produción agropecuaria a maior escala.

Agora acabaches de “amañar” a túas explicacións, replicoume unha rapaza escutulida. As matorreiras de feos e xuncos e o crecemento incontrolado de arbustos de ribeira cegaron os ríos, as veigas e humedais; e dese xeito está desaparecendo a micro flora e a micro fauna tradicional. As paisaxes son máis uniformes e a fauna e flora cada vez máis reducidas. Nesta situación, ¿que significa iso dun “desenvolvemento sostible”? ¿como se explica tanto territorio abandonado cando as explotacións agrogandeiras necesitan moito máis terreo para pastos e forraxes?

Espera, rapaza, esa e outra historia. Ós insecticidas e abonos industriais, ó “purín” do gando e ás prácticas agrarias abusivas debémoslle algúns resultados cargados de desatinos. O abandono e desaproveitamento de grandes extensións de terreo débense a emigración masiva e o minifundio irredento, inda hoxe con poucas trazas de solución. Fai pouco que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou os primeiros resultados do censo agrario feito en 2009. Ese reconto nacional de datos do medio rural puxo o descuberto algúns paradoxos do agro galego, que xa sospeitábamos: unhas 80 mil explotacións agrarias que seguen activas perderon unhas 240 mil hectáreas de Superficie Agraria Útil (SAU) na última década. As terras das explotacións que foron pechando non se transferiron as facendas que seguiron abertas, senón que pasaron a ser terreos abandonados ou nalgúns casos foron plantados de árbores de forma anárquica. Esa perda de SAU, certamente, prexudica as explotacións que precisan máis extensión (que son a inmensa maioría), incrementa o perigo de incendios e pouco a pouco deshumaniza as paisaxes tradicionais.

Chegou a hora de merendar. Aqueles mozos convencéronse so a medias da importancia da ecoloxía; e o improvisado profesor, no que estaba converténdome, foi recuando ata que as súas certezas quedaron case esmendrelladas. Menos mal que as reparadoras viandas cambiaron o escenario rumbo a unhas relacións de entusiasta comuñón.

Esta pequena historia valeume, non obstante, para reafirmar a fe na ciencia das ecoloxías e na súa correcta aplicación práctica, mais tomando as debidas precaucións e distancias a hora de idear un cambio integral para o medio rural. A dimensión ecolóxica ten que ser unha precaución transversal aplicable a tódolos elementos do crecemento económico, dos planeamentos urbanísticos e ordenación rural, mais sen paralizar a dinámica das comunidades locais.

A praxe ecolóxica non pode darse por rematada deixando que a natureza se deshumanice ata volver a un estado selvático, borrando pasiño a pasiño as pegadas da cultura tradicional. Esperamos que a declaración do LIC Parga-Ladra-Támoga, máis aló dunha declaración certificada, desemboque nun adecuado plan de conservación das concas fluviais e Lugares de Importancia Comunitaria. Para un mantemento da diversidade biolóxica de fauna e flora e dos hábitats naturais, é preciso que o programa europeo LIFE-Natureza, o INLUDES (Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico Social, dependente da Deputación Provincial de Lugo), e outros organismos implicados, elaboren e sosteñan un orzamento de conservación realmente eficaz e significativo. Nese plan de conservación é imprescindible promover e incentivar a colaboración da poboación residente nese espazo do LIC Parga-Ladra-Támoga.

En cada situación concreta hai que manter o equilibrio entre os tres elementos básicos incluídos na idea de “desenvolvemento sostible”: poboación, economía e medio natural. Sen o coidado exquisito de cada un deses tres pés, no será sostible ningún futuro digno de tal nome.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES