
1961: Teño 14 anos. Vivo en Vilalba. Na miña casa non hai aparato de radio. Aínda así entérome, como todo o mundo, que un fato de bandidos capitaneados por un tal Galvao secuestra un transatlántico portugués -o Santa María- con perto de mil pasaxeiros a bordo. O feito ten tal repercusión que nos seguintes anos para poñer calificativo a alguén violento a denominación perfecta é a de "galvao".
2003: Margarita Ledo Andión, catedrática de comunicación audiovisual da Universidade de Santiago proxecta e leva a cabo unha magnífica reportaxe audiovisual en soporte cine que titula "Santa Libertade". Nela cóntanos, na voz de tres dos seus protagonistas e coa forza das imaxes que se conservan, aquela aventura que deu a volta ó mundo, que non era obra duns delincuentes comúns sinón a voz dos sin voz que pretendían denunciar a situación dictarorial de Portugal e de España, na que había portugueses e galegos, que conseguiron que a súa acción e as súas intencións desen a volta ó mundo.
Tiven que agardar 43 anos -vin a película este 22 de setembro- para mergullarme no ambiente verdadeiro daquela aventura quixotesca da que nunca calibraremos abondo as súas consecuencias, e da que os maiores damnificados foron as familias dos participantes e eles mesmos. Pero todo o mundo soubo -menos Portugal e España, claro está- que había un movemento de liberación que plantaba cara ás dictaduras do fin do mundo antigo.
"Santa Liberdade" foi o nome co que os conxurados rebautizaron o "Santa María". Máis de catro décadas despois, aquela aventura móvenos á nostalxia, ábrenos os ollos, éntranos na alma. E é moi de agradecer que Margarita Ledo rescate do esquecemento esta aventura para facerlle xusticia, xa que merece tela moi presente como un fito na historia descoñecida do noso País.
X.X.