Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Escola

jueves, 18 de agosto de 2011
SETEMBRO
Se fago memoria, lembro
a miña escola en setembro.
Case baleira no seu enceto:
mesas desertas, ausentes nenos,
pois comezaba a recolleita
- novas patacas en longas leiras.
Xugos de vacas cos seus arados
abrían chagas nos sucos brandos;
detrás, co raño, rudos labregos
e ao repaño ían os nenos,
que apeitando con fondos cestos
oían ledos contos de vello,
mentres collían patacas novas
- as unllas cansas, lixo nas zocas.
Ao remataren toda a tarefa,
cunha pizarra e a enciclopedia,
cansos, rendidos, han comezar
cos pizarriños a traballar…
Se fago memoria, lembro
a miña escola en setembro.

Do poemario infantil inédito Cantigas para aprender a soñar.


De seguro que para cada mes do curso escolar se podería escribir un poema no que amosar o absentismo escolar por mor das tarefas do agro e das inclemencias atmosféricas. Non obstante, esas son as lembranzas dos meus primeiros anos escolares, xa que aos once anos estreei a Lei Villar Palasí dos 70, que reformaba -despois de máis de cen anos- o sistema educativo até entón rexido pola Lei Moyano, promulgada un século antes e sometida a múltiples reformas non substanciais, agás do adoutrinamento nacional catolicista da férrea etapa franquista.

O Golpe, sen embargo, viviu a súa infancia nunha sociedade rural sen escolas, a non ser na etapa da República que, tanto a el como á súa dona, os pillou de mozos. Naquel tempo só existía a Escola de a ferrado, é dicir, alguén minimamente instruído daba clases aos rapaces a cambio dun pagamento en especie que variaba segundo a época do ano. Un ferrado de pan, outro de castañas, os queixos no tempo dos nabos ou a costela no da matanza, ademais de ovos, bolos de pan e balugas de manteiga. De todos xeitos, para as familias, que naqueles anos eran numerosas, supoñía un desembolso difícil de afrontar, dada a escasa produción de subsistencia na que estaban inmersas.

Os rapaces aprendían a ler e escribir en castelán e as catro regras -o necesario para desenvolverse na vida. Daquela non era obrigatorio asistir á escola e só o facían os varóns, as mulleres en poucas ocasións tiñan esa oportunidade. Por unha banda, porque a filosofía dominante era a que se impoñía: a muller tiña que ser instruída (case sempre pola súa nai) en tarefas necesarias para levar unha vida doméstica; por outra, porque a necesidade na casa impoñía ás nenas facerse responsábeis directas de que os irmáns varóns tiveran a oportunidade de instruírse suplíndoos nas tarefas cotiás. Así, mantívose o analfabetismo, sobre todo feminino, até ben entrados os anos setenta, nos que a reforma educativa -L.G.E.- promulgou o ensino obrigatorio dende os seis até os catorce anos.

Non obstante, o Golpe, como algúns outros rapaces do seu tempo con inquedanzas, tiveron unha educacións autodidacta. Non se conformaron só con ler e escribir e saber as catro regras, senón que pola súa conta aprendían, xa inmersos na sociedade, xa mediante cada libro que lles caía nas man, o necesario para acadar saberes aos que non tiveran acceso na súa etapa infantil.
Despois de trinta anos de reformas educativas varias: LODE, LOGSE e LOE, principalmente, cos seus desenvolvementos, decretos, avantaxes e inconvenientes, críticas favorábeis e detraccións, o noso sistema educativo actual aínda fai augas por moitos lados. Se nos fiamos das estatísticas, é un dos sistemas menos rendíbeis a nivel de resultados de toda Europa. Aínda que o Golpe, de ser neno na actualidade, posibelmente acadara os obxectivos de formación desexados.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES