Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celanova, paraíso de pedra e poesía

viernes, 12 de agosto de 2011
As pedras do mosteiro de Celanova presiden, mil anos despois da súa fundación, a vida da vila de San Rosendo, promotor do convento. A poesía dos literatos orixinarios do lugar, Manuel Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros, marcaron e aínda marcan a actividade cultural. O concello elexía hai anos este lema para promocionarse: “Celanova, pedra e poesía”, despois de “Vila cultural de Galicia”, aínda que hoxe, nun mellorábel folleto turístico financiado por unha entidade bancaria catalá elixe “Un paseo pola historia de Galicia”.

No interior da provincia de Ourense, en breve con autovía propia dirección Portugal, Celanova ofrece unha interesante fin de semana, na que descubrir a historia de “Rudesindus” (personaxe que o xenial pintor Juan Queralt Blanch está a inmortalizar na actualidade), a paisaxe aínda virxe ou gastronomía peculiar.

O casco urbano de Celanova conta co mosteiro dedicado a San Salvador como protagonista singular. Unha interesante igrexa con marcado carácter barroco que conta cun órgano do ano 1700 en perfecto estado, dous claustros (só un visitable) e unha xoia no interior, a capela mozárabe de San Miguel, son os grandes encantos do cenobio ocupado na actualidade polas dependencias municipais e as aulas do Instituto. Rúas novas sen moito interese onde atopar todos os servizos dunha pequena urbe e dúas con máis historia: a Rúa de Abaixo ou Manuel Lezón, con vivendas de dúas plantas polas que é recomendábel un paseo, e a Rúa de Arriba ou Curros Enríquez, onde está a Casa Museo do escritor e onde o turista debe facer unha parada. Edificios públicos modernos, con estilo propio, como o Auditorio ou o Multiusos das Trigueirizas contrastan coa Casa da Música, as vivendas da Praza Maior ou as da Rúa San Roque, dándolle a Celanova unha interesante conxugación arquitectónica que causa boa sensación, malia algúns esperpentos como a abandonada Estación de Autobuses que nunca chegou a funcionar e cría malas herbas hai anos.

Dentro do termo do Concello de Celanova, é visita obrigada a localidade de Vilanova dos Infantes, terra de músicos e zapateiros presidida pola Torre da Homenaxe, hoxe sede da Fundación Comarcal, onde os visitantes poden facer un percorrido pola historia da zona e gozar da vista dende o seu alto. Burgo medieval con estreitas rúas, con vivendas moi ben recuperadas, historia nas adegas de San Vivián e algún ladrillo ou bloque chamando a atención. Bótase en falta tamén algún establecemento máis de hostalería (só hai un sitio onde comer) ou algunha tenda típica. A pouca distancia, a Virxe do Cristal que inmortalizou Curros, aínda que non sempre se pode ver, é outro dos puntos de interese.

A terceira parada obrigada en Celanova lévanos ao xacemento arqueolóxico de Castromao. O acceso dificultoso, as escavacións deixadas de man hai anos e a ausencia dun centro de interpretación e oferta complementaria fan deste lugar un paraíso en bruto.

A Ponte romana e os misteriosos petróglifos de Freixo, as ruínas do Alcázar de Milmanda ou as Rutas de sendeirismo son outros puntos de interese do concello. As festas tamén son protagonistas, “Raigame” o 17 de maio en Vilanova ou “A Ramallosa” o pasado 6 de agosto en Celanova marcan distancia coa típica orquestra, os fogos e a abundante mesa posta e imprímenlle un trazo diferencial.

A nivel gastronómico, destaca a peculiar “Pata dos poetas” que prepara Lito; o queixo da zona, o mel, os licores ou os embutidos e porque non os cogomelos. Medio cento de bares, cafeterías e restaurantes que contrastan con só dous estabelecementos (fóra do casco urbano) onde pasar a noite.

Dentro dos plans municipais atópase a conversión do mosteiro en Parador de Turismo, cuestión polémica onde as haxa mesturando unha vez máis esa pedra e poesía da que Celanova parece non poder desprenderse por moitos anos que pasen.
Mínguez, Alejandro
Mínguez, Alejandro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES