Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ideoloxía e seita

jueves, 11 de agosto de 2011
O termo “ideoloxía” é suficientemente equívoco para que esixa algunha referencia da súa variación semántica ao través dos tempos e distintas circunstancias. Pode que o lector encontre a exposición de empacho, pero non podemos evitar facer unha breve explicación disto, para acadar o propósito do artigo.

O étimo do termo, segundo os estudosos, é, en grego, IDEIN, infinitivo do verbo EIDEO, ver, e LEGEIN, decir. De aquí sae o “discurso sobre as ideas”. O Diccionario Filosófico de Heinrich Schmidt está nesta mesma liña: “Ideologie” é “die Lehre von Ideen” (a teoría das ideas). Ferrater Mora escribe que se trata dunha “disciplina filosófica cuxo obxectivo era a análise das ideas e das sensacións”. Destutt de Tracy foi o precursor da corrente dos chamados “ideólogos,” aqueles intelectuais que molestaban tanto a Napoleón coas súas críticas que chegou a cualificalos despectivamente de tales e tamén de “metafísicos”. Sen embargo, xa moito antes, Maquiavelo falou da posibilidade de marcar diferencias entre a realidade e as ideas políticas.

Falou Hegel da “conciencia rachada”, é dicir, da posibilidade de que a “conciencia non sexa o que é e que sexa o que non é”. De aquí, aplicando a famosa inversión, partiu Marx, argüindo cás “ideoloxías eran inversións da realidade”, situándoas entre as superestruturas, posto que a clase dominante acocha os seus verdadeiros propósitos e deforma a realidade, sendo, polo tanto, a causa fundamental do alleamento do home, de que este se senta estrañado.

Tamén entran nesta temática as coñecidas coma “socioloxías do coñecemento”, que estenderon o concepto a todo o pensamento, en canto está condicionado polas circunstancias sociais. K. Mannheim di cás ideoloxías expresan a relación do pensamento de cada grupo social (seita?) coas súas condicións sociais.

Hai aínda outras acepcións interesantes. É o caso, por exemplo, de Sartre, que chama “ideólogos” os filósofos que non son creadores, xa que se nutren dos pensamentos dos grandes mortos; e é tamén o caso de Quine, quen se refere ás ideas que poden expresarse nunha determinada ontoloxía, dado có conxunto delas racionalmente encadeadas constitúe o que el chama “ideoloxía”.

Seguramente, con esta información semántica, o lector non coñecedor da mesma, poida entrar na perspectiva socio-política das ideoloxías, algo esencial, porque, aínda cás ideologías, no sentido en que as entenden os sociólogos do coñecemento, afectan a todos os grupos sociais, e en todos os tempos, en canto sistemas de representación, coherentes, cerrados, totalizantes e absolutos, teñen dificultades para emerxer no seo dunha sociedade na que todo está ordenado xerárquicamente, é dicir, onde as ordes predominan sobre as clases, porque é necesario un espazo que facilite algunha maneira de organización grupal. Ademais, as ideoloxías xurden cando o “statu quo” está sendo cuestionado por sectores máis ou menos importantes da sociedade.

Son incipientes as ideoloxías no seo das seitas, que xa contan cunha certa concepción da vida social e cunha cosmovisión (Weltanschauung) alternativa “ó que hai”, “ó predominante”, co que está en aberta disconformidade, ben sexa porque priman os intereses dos que teñen nas súas mans o poder, en prexuizo dos marxinados, ou ben sexa porque o seu excesivo conservadurismo non deixa espazo para dar novas e actualizadas solucións ós problemas planeados nalgúns sectores e sistemas da sociedade.

Desta maneira, os grupos en desacordo crean a súa propia organización e establecen unha escala de valores concordada cos seus intereses, vivencias e peculiares interpretacións da realidade social. É que na súa fase inicial e intuitiva teñen dificultades coa ideoloxía dominante, e por iso adoitan ser esencialmente revolucionarias: son seitas que seguen a un líder que interpreta ben o “sentir” dos membros, e que pode ser un intelectual, un político, un relixioso, etc... tal e como o confirma o étimo do termo “seita” (secta, en cast.), que é o verbo latino SEQUI, infinitivo de SEQUOR, seguir, acompañar. Non falta quen leva a orixe á HAÍRESIS grega (elección, preferencia, inclinación), e a HAIRETISMÓS, partido, seita.

Non é difícil entender que as seitas aparezan nos contextos de recomposición de estruturas sociais, culturais e económicas, de profundos cambios nos contidos nas mesmas, pola inexcusable e apremiante necesidade de buscar e impoñer novos patróns nestas leiras culturais, económicas e sociais, en xeral.

O sectarismo ven a ser, pois, dende esta perspectiva, unha protesta contra un MODUS VIVENDI e un MODUS OPERANDI, contra unha maneira de vivir e de entender a vida, e contra un comportarse predominantemente elitista e impositivo, que non deixa espazo para outras opcións sociais. É un aviso de desconformidade co STATU QUO; dunha xestación de actitudes anómicas e de rebeldía no seo dunha sociedade ríxidamente organizada en forma xerárquica, na que algo marcha mal ou devén anacrónico e irrespetuoso coas novas esixencias dalgúns membros da sociedade. Descártanse aquí as seitas de matiz relixioso con connotacións delictivas, que requiren un tratamento singularizado.

Por conseguinte, combatir os sectarismos sen analizar as verdadeiras causas é unha torpe decisión dos que pensan que o hexemónico é sinónimo de verdadeiro e conveniente. Se se detecta que un movemento sectario xurde coma consecuencia dun conflito latente nun sistema cultural, económico, simbólico, relixioso, etc... o máis axeitado para entender este fenómeno é partir de que se aveciñan tempos de crise e de cambios máis ou menos profundos, que poden chegar a ser violentos, posto que o marco ideolóxico e institucional que os configuran están pedindo esenciais transformacións, e de pouco van a servir os parches superficias, que non dan solución os problemas que vai a suscitar o sectarismo: Os produtos da simpleza son inoperantes.

Os exemplos desbordan os límites dun modesto artigo: Acontecementos do Norte de África; nacionalismos exacerbados; disidencias dentro dos partidos políticos; desaxustes criteriolóxicos dentro das institucións xudicias, posiblemente por causas esóxenas; inseguridade cidadana in crescendo; terxiversación nas informacións subministradas polos partidos políticos ós cidadáns, etc... Son síntomas abondo dun estado de perigosa inestabilidade social, e deixar pasar as oportunidades de arranxar as cousas é dunha incompetencia incualificable, porque aquelas son irreversibles e non poden demorarse as solucións ledamente.

As ideoloxías en versión política son necesarias, pero por iso o seu “manexo” require prudencia e cautela, porque descoñecer a súa evolución en función do tempo e das circunstancias pode levar ós seus afiliados a caer no anacronismo de primar os valores que serviron na súa fase incoativa de impulso xenerativo, moitos dos cales foron quedando xa polo camiño, e isto sería facer unha interpretación de contidos descontextualizados. Volver ás orixes non é “purificar”unha ideoloxía, senón evidenciar unha nostalxia dun pasado superado, como única saída a incompetencia para recoller os froitos de aquelas raíces e tamén caer na gaiola dun sectarismo estéril.
E non parece desaventurado apuntar algunhas posibles advertencias: Basta alertar como en mans inapropiadas, se múrchan as rosas, e que as gaivotas cando teñen que deixar de sucar os espazos para aterrar na realidade, cesan de chiar e acubíllanse na escuridade da que antes tanto rechiaban. É que as ideoloxías hai que “circunstancialas”, apazugando o desvelo de poder e fuxindo da mediocridade oportunista!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES