O pasado nove de xullo, con motivo do cincuentenario da publicación de Nimbos, poemario esencial no panorama literario galego da segunda metade do século XX, o escritor guitiricense Xosé María Díaz Castro foi homenaxeado cunha xornada dedicada á súa memoria na Insua dos Poetas, eido lírico sito en Esgueva, Madarmás, terras nas que o concello ourensán do Irixo estrema co veciño do Carballiño.
Entre os múltiples actos levados a cabo na xornada -nos que non foi menor a inauguración dunha impoñente estatua de tres metros de altura dedicada ao autor na que o artista Xosé Cid esculpiu os seus versos- houbo un de especial relevo literario: a presentación dun cartafol con preto de medio cento de láminas nas que, alén dunha breve pero moi documentada sinopse biobibliográfica, se reproducían diversos materiais relacionados coa escrita de Díaz Castro.
Entre estes últimos, alén da impresión fotográfica das cubertas das diferentes edicións de Nimbos e dalgúns volumes centrados na análise da figura do escritor, destacan textos epistolares (unha carta de Díaz Castro a Francisco Fernández del Riego), ensaios (un artigo de presentación dun número de Dorna ao que asistiu o de Guitiriz), reproducións de diversos manuscritos (de poemas inseridos na amentada Dorna ou da corrección autógrafa polo autor das probas dunha das últimas edicións de Nimbos), poemas a el dedicados (tomados do libro colectivo Homenaxe a X. M. Díaz Castro) e un non pequeno feixe de fotografías moi pouco divulgadas, nas que podemos ver diversas instantáneas do poeta que abranguen dende os tempos da súa nenez ata o momento do seu pasamento).
Aínda que non figura indicado na publicación, o responsable deste meritorio caderno non é outro que o animador da propia homenaxe na Insua dos Poetas, o tamén escritor Luís González Tosar, devoto diazcastriano e grande amigo persoal que foi deste nos seus derradeiros anos.
Cómpre recoñecer o excepcional deste traballo de González Tosar, que honra a memoria dun dos nosos máis sobranceiros creadores, de lembranza non sempre tan presente como debería nos últimos lustros, o que aínda fai máis valiosa a edición e distribución de Xosé Mª Díaz Castro. Nimbos de luz na Insua dos Poetas.