Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As nosas romaxes: ¿Diversión ou santidade?

lunes, 20 de septiembre de 2004
En setembro, e por estas latitudes aínda é verán, pero xa temos moitas sinais de que o Outono está á porta.

Non faltan os poetas e pensadores que ven neste mes unha das metáforas que mellor se axeita á forma de ser galega.

Porque, é pero non é: moitas veces agardamos que sexa unha cousa e logo resulta outra. En calquera caso, a realidade sempre pode resultar variada e sorprendente, e aínda que en todas partes pode haber de todo, Don Miguel de Unamuno pensaba que, dificilmente, podía xurdir na nosa terra unha figura como a de Santa Teresa. A Don Miguel parecíalle case imposible que un misticismo tan árido e exaltado puidese xermolar por entre o senfín de recovecos húmidos e umbríos onde se asentaban as vidas e as almas dos nosos paisanos.
Posiblemente se o inmortal rector de Salamanca coñecese a Galicia actual xa non opinase o mesmo.

Pola contra, a maioría dos autores están de acordo en considerar a figura de Prisciliano como verdadeiro froito e representación da alma celta dos galegos.

Atopaban neste país a unhas xentes que, malamente, podían aceptar a rixidez lexislativa e normativa tanto da Roma imperial como da papal.

A nosa foi sempre unha terra, máis ben de romeiros ca non de místicos. Foi esta unha das grandes teimas do noso Valle-Inclán que chegou a dubidar se, realmente e
dentro de tanta relixiosidade aparente, os nosos devotos e beatos estaban dentro da ortodoxia oficial.

Paradoxalmente,nunca se soubo que por estes pagos, a Inquisición tivese que enfrontarse cuns casos de herexía tan difíciles e complicados como os que tiveron lugar en Castela. Afortunadamente, a Inquisición foi suprimida no primeiro tercio do s. XIX , e polo tanto, non sabemos o que faría se tivese que xulgar á monxa galega, Sor Patrocinio que, como é sabido, era a asesora relixiosa e espiritual da raíña Isabel II.

Un caso distinto xa sería o do ourensán, autoproclamado Papa Clemente desde o Palmar deTroia.

Isto é, simplemente, por citar algúns dos exemplos máis sobranceiros, porque hai motísimos mais. Sen ir máis lonxe, pouca xente sabe que na actualidade, outro ourensán está exercendo de ayatolah, imán ou ulema en algún lugar da Arabia Saudita. Hai outro que tamén seica exerce nunha mesquita da Costa do Sol, e “Nihil obstat”.

E posiblemente sexan moitos máis, que, supoñemos non fan outra cousa mais que exercer a súa liberdade de conciencia, e benditos os tempos e os lugares que tales cousas permiten.

Sen embargo, tampouco faltan os que opinan que tal diversidade de opcións non é mais que o fruto da descristianización e desacralización operada en toda Europa, algo moi distinto do que acontece en USA, onde se admite como normal a práctica de calquera relixión, por rara e estrafalaria que sexa, porque alí o que está mal visto é non practicar ningunha, ou declararse ateo ou agnóstico.

A relixiosidade dos galegos sempre foi un tema que preocupou, non só a bispos e teólogos senón tamén a atropólogos, escritores e pensadores.

Son moitos os que non dan entendido como, ano tras ano, siguen acudindo ós santuarios devotos que pasan todo o anos sen ir á misa.

O que máis lle chama a atención a un observador é que, nunha sociedade desacralizada, laica e materialista sega en aumento o número de devotos ós santuarios, e non soamente por tradición nostálxica ou por pura inercia, senón que, seica hai tamén moitos estudiantes que en vez de estudiar vanlle pedir á Virxe para que os aproben. Tampouco faltan os cidadán que, decepcionados polas promesas dos políticos, van pedir remedio ós seus problemas máis acuciantes.

Do mesmo xeito que son moitos os devotos que, cansos de tantos médicos incompetentes ou insolentes que lles prometen ou pronostican saúde, terminan por acudir coas súas coitas a un santuario, porque eles continúan sufrindo e síntese sós e desamparados.

Deixando á parte a fé e mais a concepción ético-relixiosa de cada indivíduo, o certo é que o home moderno está moi orfo e desamparado: tantas veces impotente perante o muro de lamentacións, que frecuentemente, é o único que nos ofrecen os sistemas democráticos máis avanzados.
Laxe Freire, Manuel Anxo
Laxe Freire, Manuel Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES