Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Portugal, paraíso en crise

viernes, 05 de agosto de 2011
Neste mundo globalizado, a crise chega ata os paraísos próximos. “Menos mal que nos queda Portugal” dicía a canción dos oitenta dos vigueses Siniestro Total. Pois imos camiño de que nin iso quede.

Portugal foi sempre destino dos galegos, ben para pasar unhas vacacións, unha fin de semana ou incluso para ir comer un bacallao ou frango ao espeto sen máis razón que gozar da mesa. Sen entrar nas diferenzas sociais e no trato que habitantes dun e doutro lado da raia mantiveron no tempo, o certo é que moitos galegos facían súa a letra da canción da banda de Xulián Hernández e parecía que o tempo non pasara e todos eramos veciños da Gallaecia.

Portugal está en crise económica, política, case social e tamén hostaleira.

Xa non compensa hai tempo mercar o aceite, o xabón, as toallas ou o café, pero aínda compensaba gozar da paisaxe, das xentes, da arquitectura e da gastronomía.

O primeiro problema que atopamos agora ao chegar ao pais luso son as autoestradas, antes de balde e agora con dispositivos electrónicos, cámaras e sinais que nos recordan a obrigatoriedade de pagar e de instalar un aparello no coche que controle esta circunstancia, non sen certas dificultades. Aínda que decidamos empregar estradas comarcais ou secundarias, a sinalización só permite esta opción para condutores hábiles ou para aqueles que dispoñan dun agudo sistema de GPS. Quedan en casos as autoestradas de peaxe, nada baratas por certo.

Algúns hoteis manteñen a estrutura física e mobiliario de antano e seguen a ser, como antano realmente en moitos casos, observándose unha importante falta de renovación. Isto obsérvase tamén incluso naqueles que están detrás do mostrador, que de xeito pouco afortunado atenden aos turistas cargados coa equipaxe.

Ben é certo que na maioría dos casos elixindo a media dose na carta dos restaurantes, un non sae con fame e que na maior parte dos locais manteñen esa tradición de poñer manteiga salgada, paté de sardiña, olivas ou queixo como entrantes, iso si, pagando despois e cuns prezos xa non son o que eran. Será o redondeo do euro, a subida do tipo do IVE, ou vai saber o que, que agora comer en Portugal sae máis caro.

Malia os vicios adquiridos dos destinos máis turísticos da España mediterránea por parte da hostalería lusa e perda da personalidade turística propia en parte, sumadas ás dificultades coa normativa de circulación por autoestrada e o incremento nos prezos, Portugal como paraíso en crise aínda merece a pena.
Parada e fonda en Aveiro, para gozar do percorrido en barca e descubrir os “Moliceiros”, paseo pola praia de Barra e gozar da Costa Nova. Visitar as numerosas praias que separan a Ría de Aveiro do río Douro segue a ser un pracer con excepcións, coma o urbanismo de primeira liña de Espinho.

As rúas da caótica Porto, o río, as pontes, as casas e a xente. As súas tres liñas de tranvía polas que non pasa o tempo.

E máis costa, escapando das grandes estradas camiño do norte entre centos de invernadoiros de horta, de casas antigas recuperadas con estilo, de construccións modernas e actuais con moito gusto para quedar namorado de Esposende ou Viana do Castelo, onde os ríos desembocan no mar debuxando unha paisaxe indescritible. Pasando iso si pola longa Vila do Conde e Povoa do Varzim, erguidas ao máis puro estilo levantino, con grandes edificios na primeira liña de praia que restan beleza a esta paraxe natural, onde o mar escava na area e protesta dalgún xeito pola acción do ladrillo.

Unha crise que pode ser a causa de moitos dos problemas pero que non pode co espírito festeiro dos portugueses, que dende a localidade máis pequena ata a urbe máis grande se engalanan para festexar o verán do crítico ano 2011. Rúas en pedra, casas de azulexo ou novas vivendas locen as súas mellores galas para dar a benvida ao verán, e sardiñas, viño, música e festa loitan contra o FMI, ao que numerosas pintadas aluden nas paredes dos edificios, ben para criticalo ou para agradecer con sorna o rescate económico de Portugal.

Aínda non está todo perdido.
Mínguez, Alejandro
Mínguez, Alejandro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES