Tui e Valença
Editorial - viernes, 05 de agosto de 2011
Se o poeta portugués fala da Galiza e máis o Miño como dous namorados que non poden casar porque o pai non da o seu consentimento, por fin parece que se vai cumprir aquel propósito matrimonial, para o que agora non fai falla consentimento e, se fixese, haino polas dúas partes e abondo é.
Tui e Valença do Miño, malia a separación polo río e a vella fronteira, non teñen na actualidade ningún impedimento para matrimoniar como cidades e facilitar ós seus habitantes, de xeito conxunto, máis e mellores servizos.
Na actualidade, as dúas cidades están compartindo xa piscina, conservatorio, teatro, biblioteca e servizo de urxencias. Pero pretenden moito máis, aspirando a que no próximo mes de octubre se constitúan conxuntamente en Eurocidade, uníndose como Verín e Chaves, coa vantaxe de que Tui e Valença están só separadas escasamente por un kilómetro, e unidas por dúas pontes internacionais.
Hai moito tempo que os galegos temos superado o tempo das fronteiras, e entramos en Valença coa seguridade de estar en territorio propio, do mesmo xeito que os habitantes do norte de Portugal veñen ó sur de Galicia sen saír da casa.
Feitos coma este, protagonizado por dúas cidades que aspiran a ser Patrimonio da Humanidade e que conxuntamente terán máis probabilidades, son definitivos pasos para xuntar dous territorios que nunca deberon estar separados, con tantas similitudes e afinidades, e que da súa unión obterán unha forza imparable e un magnífico futuro.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora