Festas do Apóstolo con algúns sinais de coherencia.
Mato, Xesús - lunes, 01 de agosto de 2011
Á BEIRA DO CAMIÑO
Boas festas en Santiago! A pesar da crise. Asistencia masiva de peregrinos, turistas e nativos.Tanto nas solemnes celebracións relixiosas como na cantidade de xuntanzas laicas. Cadansúa, co seu propio espazo. Houbo tempos e lugares para todo e para todos. Con unha lamentable excepción que non debera ocorrer.Tamén, demasiada exhibición na queima e fogos da fachada da catedral e na maioría dos actos culturais, musicais e políticos. Por unha vez (e que serva de precedente) unha aceptable convivencia!
A Misa da Ofrenda, solemne e ben coidada. Na parte musical semellaba, en calidade, a basílica de San Pedro de Roma. Na ritual notamos este ano sensatas e máis medidas as peticións ao Apóstolo, por ambas partes (Igrexa/Política) xa que, polo menos, souberon recoñecer as súas respectivas obrigas (crise, paro, fame) e non guindaron os problemas sobre o lombo do Apóstolo. A ver ata onde alcanza o compromiso e as obrigas dos políticos e da Igrexa! Alusións á violencia de parella, á crise, ao terrorismo e unha clara e chamada a compartir o pan en tempos de fame! Que non se quede só en boas palabras.
Certamente, estamos a vivir tempos moi difíciles. En todos os eidos e xeografías. Desde a coherencia de sermos seres humanos e, sobre todo, desde a fe de crentes cristiáns, todos temos que indignármonos tamén ante a desigualdade, a crise económica e o paro dos países ricos e a miseria e fame dos pobres (África oriental) onde resoa con desgarro a chamada de Xesús á humanidade enteira ao pedir, a berros, dádelles vós de comer! Que non morra de fame ningún dos vosos irmáns estando nas vosas mans poder evitalo. Se cada un de nós, e todos unidos, somos quen de ofrecer unhas migas do pan que nos sobra o Señor é Quen de volver a realizar o milagre da multiplicación dos pans...Froito do amor e da xenerosidade de todos nosoutros haberá vida/pan para todos. Velaí a nosa obriga. Hai contas abertas de Mans Unidas e de Cáritas para dar resposta rápida ao SOS que peta con voz forte nas nosas conciencias. Deixémonos de tantos laios estériles. Hai que mollarse. Todos temos de botar man á carteira! Agora, xa! Mañá pode ser, quizás, demasiado tarde.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora