Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Poetas sentiMENTAListas

viernes, 29 de julio de 2011
Vai agora para os cinco anos que botaba a andar a aventura literaria da Editorial Bubela. Neste tempo, teñen sido varias as voces importantes que viron impresos os seus versos no selo, que na súa breve pero intensa andaina se confirmou xa como unha plataforma referencial para a poesía de noso.
Con tal motivo, os responsables da editora coidaron que era ben dar a luz unha escolma na que se reunisen algunhas composicións representativas da escrita das autoras e autores que, ata o de agora, foron sumándose á xeira creativa de Bubela.
Os encargados de levar a cabo esta selecta foron os profesores —e, tamén si, poetas— Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira, que xunto a outros cinco escritores integran o septeto de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de Fundación, longo título co que se presenta esta obra.
Por tanto, amén dos poemas de Matalobos e Patiño, reprodúcense aquí versos de César Arias, Cristina Ferreiro Real, Xesús Alfonso Parada, Mariña Pérez Rei e Xesús Manuel Valcárcel, todos eles autores senti_MENTAL_istas, ou o que é o mesmo, voces que propugnan un rebelde stil nuovo non suxeito a escola ningunha e decididamente instalado nunha vangarda anti-institucionalizadora, heterodoxa e alternativa que se afirma na loita contra a hexemonía do mercado, a banalización e infantilización dos contidos e o politicamente correcto, convencidos da necesidade da liberdade creadora e a autoesixencia artística superadora da formulística lírica caduca.
Logo, xaora, cada un destes sete poetas afina o canto con diverxente tesitura e de aí nace a complementariedade de fondo entre a visión extática de Arias e o verso de caudalosa espiral de Pérez Rei, a escrita reflexiva e dialóxica de Matalobos e a telúrica de Parada, o simbolismo iniciático de Valcárcel e o neosurreal de Ferreiro Real ou o intimismo epifánico de Patiño.
O resultado é un conxunto que, dende a súa heteroxeneidade, converxe na común aposta pola “extinción definitiva das ‘formas previas’ (o sonetismo recalcitrante)” e mais o “abandono definitivo da lingua pamplinaria e mixiriqueira, o abandono da autocompaixón e a adopción da linguaxe rebelde, imaxinativa, lúdica e fresca”, tal como explica no breve limiar á obra Xesús Manuel Valcárcel.
Afincados na forza da cifra máxica —sete autores con sete poemas cada un—, as autoras e autores antologados ofrecen aquí unha acaba mostra dos seus universos poéticos, con textos en moitos casos escritos para a ocasión e ata o de agora inéditos e en moita menor medida tirados de poemarios anteriores.
Feliz e oportuna, sen dúbida, a publicación deste Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de Fundación, que desexamos se vexa no futuro complementada por novas escolmas de “consolidación” ou mesmo “expansión”. Será sinal de que a positiva enerxía que dende o creativo anima o movemento senti_MENTAL_ista vai devagar callando neste noso panorama literario, de seu tantas veces amortuxado e somnámbulo.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES