Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Caurel, paraíso para perderse

jueves, 28 de julio de 2011
A Serra do Courel, Caurel para a maioría dos veciños, a dúas horas de distancia en coche de moitas capitais galegas e ao mesmo tempo a anos luz de moitas partes do mundo, ofrece un paraíso para perderse e desconectar nunha Galicia máxica. Vinte mil hectáreas de monte que chegan até os 1.500 metros de altitude e picos como Formigueiros, Montouto ou Pía Paxaro, atravesados polo río Lor e centos de aldeas autóctonas nos arredores de Folgoso ou Seoane, as localidades principais onde gozar dunhas horas libres, dun día de libranza ou dunhas vacacións.

O Caurel, tantas veces debuxado nas verbas de Uxío Novoneyra, mantén unhas comunicacións por estrada nas que os límites de velocidade non marcan a pauta nin o ritmo dos condutores, malia a mellora viaria entre as localidades de Quiroga e Folgoso.

Estradas para gozar da exuberante natureza e non ter présa por chegar ao destino. Viais nos que é preciso deterse para admirar a paisaxe ou para non atropelar unha vaca ou unha ovella.

Existen varios estabelecementos de turismo rural repartidos polos distintos concellos que conforman a Serra e unha zona de acampada con apartamentos en Esperante que dispoñen de todos os servizos e con características de interese nos que coinciden bo trato, boa comida, prezo para todos os petos e un peculiar illamento, ao careceren moitos deles de televisión, sinal de telefonía móbil e incluso de radio. Forma parte do encanto do lugar. Quen non poida vivir sen ver os programas de moda, sen escoitar a radio ou sen o facebook terá problemas en moitos puntos do Caurel.

Un tupido bosque de distintas especies arbóreas, que xa non é doado de ver en moitas zonas de Galicia, montañas bravas, cogomelos de verán, elevacións, lousa, ouro, depresións, uces, vales e ríos coas súas correspondentes fervenzas marcan a paisaxe polo Caurel. Seguen a chamar a atención os milleiros de exemplares de castiñeiros, pero tamén sobreiras, pradairos ou incluso algunha aciñeira. Flora e fauna singular, animais salvaxes e tamén galiñas nos carreiros e cans que buscan o agarimo do visitante.

Unha aventura o percorrido pola estrada LU-P-1303 entre localidades como Visuña, Ferramulín ou A Seara. Neste último pobo os veciños fixeron un esforzo na recuperación das vivendas tradicionais de lousa e actualmente recuperan a peculiar igrexa.

O río, a fervenza do Fócaro e a lagoa constitúen un paraíso propio. Existe un único estabelecemento onde degustar unha excelente empanada de pan de millo e lacón con grelos ou exquisita caza. Moi próxima está tamén a impresionante fervenza de Vieiros, onde a paisaxe pode trasladarnos a outro mundo. Natureza en estado puro. Un paraíso para perderse, sen dúbida.

As sinalizacións son correctas na maioría dos casos e existen numerosas rutas de sendeirismo, aínda que sempre ten que aparecer algunha excepción e podemos citar como tal a do Túnel-Acueduto romano de Romeor (século I-III d.C.). Sinais deteriorados, mal situados que non facilitan en absoluto a orientación daqueles que visiten esta parte do Caurel e poden rematar entre toxos e xestas no medio da canle dun rego seco no verán e incluso mollados se chove.

Non menos interesante resulta a estrada LU-5601 entre montañas abruptas por Meiraos, Villasibil, Mirad ou Paderne. Padrucelo, ás beiras do río Lóuzara, Gundriz, Castrelo ou Aira de Padrón acaban conducíndonos a Foilebar, suxestivo nome do lugar no que se atopa Casa Veva, onde as troitas saben doutro xeito. Tampouco podemos esquecer localidades de moito interese na periferia da Serra, como O Incio, O Cebreiro, Samos... Non chegan as horas da fin de semana para gozar do Caurel, por iso sempre é preciso volver.
Mínguez, Alejandro
Mínguez, Alejandro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES