Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ludwick Fleck: Epistemología Científica (II)

miércoles, 27 de julio de 2011
(Continuación )

PERSPECTIVA ESTRATÉXICA EN CLAVE “PRACTICISTA”.

É fácil comprender que os artigos publicados en revistas científicas teñen un marcado matiz individual e, á vez, provisional, abarcando fragmentariamente os problemas. Polo contrario, a ciencia vertida nos manuais está máis o menos estruturada en forma sistemática, é dicir, constituíndo grandes, cerrados, precisos e coherentes sistemas xerais dentro do seu marco. E, fronte a individualidade do artigo, “vive do pathos da afirmación despersonalizada e confrontada”. Pero esta diferenza entre un tipo de ciencia e outro, o das revistas e o dos manuais, xera tensións que a dinamizan: Os artigos aspiran a ser recollidos nun manual, incorporándoos ás estruturas sistemáticas, o que sempre depende do que opine a comunidade científica; e os manuais tampouco poden anquilosarse, porque están constantemente urxidos para incorporar as novas orientacións dos protagonistas da investigación, que, primeiro, teñen como medio de dar a coñecer os seus resultados na publicación de artigos nas revistas da correspondente especialidade. Esta é a maneira de que unha idea pase a ser propiedade común, aínda que non estea nunca libre das “ideas imperantes no seu ambiente”.

Por outra banda, di Fleck que “o concepto etiolóxico de entidade nosolóxica non procede directamente dos traballos individuais das revistas. Provén, en última instancia, do pensamente exotérico (popular) e das ideas formadas fora do colectivo (…)”, páx. 169, o.c..

Polo que respecta ós libros de texto, cabe dicir que adoitan estar superados, nalgunhas exposicións, sobre todo se non se revisan periódicamente, algo que tampouco hai que excluír nos manuais, inda que a Fleck lle merecían máis confianza. E penso que se axusta máis ás esixencias e necesidades do docente que ás necesidades pedagóxicas do discente, que, nos seus primeiros pasos, inda non sabe aproveitarse das distintas bibliografías. Quizabes non sexa aventurado afirmar que están un pouco en retagarda respecto ás vangardas que ostentan os investigadores que traballan nun campo especializado, e tamén respecto o corpo principal que representa a comunidade científica “oficial”.

AS PROTOIDEAS E AS SÚAS CONEXIÓNS.

Finalmente, permítanme que lles ofreza outra idea de Fleck, non tanto pola súa orixinalidade, canto polo seu enfoque. Insiste en que todo descubrimento empírico necesita unha forma (Gestalt), que ten moito que ver co “estilo de pensamento”, en canto forma de ver, ou mellor, en canto unha maneira de “ver formativo” (Gestaltsehen). E ocórreseme pensar se isto ten algunha relación co que chama PROTOIDEAS, que son as que el considera que marcan pautas directrices no desenvolvemento dun coñecemento.

Máis ou menos así reza un epígrafe de súa citada obra, na que, literalmente, escribe: “Ó contemplar o desenvolvemento de moitos feitos científicos sólidamente establecidos, vemos que se encontran unidos por uns innegables vínculos, as “protoideas” ou “preideas precientíficas”, e máis ou menos brumosas, sen que, polo que respecta o contido, este vínculo poida ser comprobado”, páx. 70, o. c.

Hai algúns feitos moi significativos, como a existencia dunha idea sobre a transformación da sangue dos sifilíticos e que, inda despois de experiencias científicas nese campo, se siga falando da sangue IMPURA (corrupta) dos mesmos. Máis ainda: a chamada reacción de Wassermann é unha versión moderna desa “protoidea” de fai séculos. (Augusto Wassermann foi un médico alemán, que naceu no 1.866 e morreu no 1.925. O procedemento da reacción que leva o seu nome é un “precioso elemento” para o diagnóstico da sífilis). O mesmo ocorreu con moitos rasgos da teoría atómica, en relación co atomismo grego de Leucipo e Demócrito.

Quen dubida que, antes de poder ver co microscopio os microorganismos patóxenos, xa se falaba, entre as xentes dos pobos, de axentes diminutos como causantes das enfermidades?. Isto ven, penso, a apoiar a tese de Fleck de que moitas concepcións científicas se desenvolveron dende as “protoideas.”

Nega este mesmo autor que a ciencia, ó encontrarse coas “protoideas”, adopte as “correctas” e desbote as “incorrectas”, porque non poderían ser explicadas, en tese oposta, as reprersentacións “correctas” de obxectos descoñecidos. Hai, polo tanto, que situarse no contexto no que esas “protoideas” foron operativas, e non é fácil hoxe diferencialas pola súa condición de verdadeiras e falsas, dada a extrema vaguidade das mesmas. Por exemplo, no caso da sangue “corrupta” do sifilítico non é doado decidir nada sobre a verdade ou falsidade naquel entón, xa que “corrupto” non é un termo científico e, por conseguinte, goza de suficiente imprecisión para impedilo. Tal vez podería dicirse que iso foi axeitado no seu momento, coma o pode ser hoxe unha conclusión científica, nunca libre de revisións impostas pola presión dos resultados de investigacións científicas máis avanzadas.

Eu quixera traerlles aquí uns exemplos de rabiosa actualidade. Como se expresa a realidade que ten un cor?. Se preguntamos a un físico, dínos que un cor é unha ondulación do campo electromagnético dunha determinada lonxitude de onda, ou tamén un chorro de fotóns de determinada frecuencia. Se preguntamos a un fisiólogo, diranos que hai uns procesos químicos na retina, moita rodopsina, pigmentos sensibles, o caroteno - unha vitamina -, etc., pero con isto o que teremos son potenciais eléctricos, reaccións químicas, etc.: ahí non hai colores, porque están no cerebro, onde xurde a conciencia das sensacións, conclúe o noso fisiólogo. Interpelemos a un psicólogo, e diranos que iso é cousa de físicos e fisiólogos: o moi agudo elude a contestación. E quedamos como estábamos!. Pero preguntemos por algo, aparentemente, máis fácil, pola realidade da luz, e encontrarémonos con que o físico diranos que se trata dun feixe de raios, sempre que a faigamos pasar por un orificio non diminuto; pero se a facemos pasar por un que teña a dimensión da lonxitude dunha onda, xa non é un feixe de raios, senón unha expansión da luz nunha zona extensa, pola difracción.

En conclusión, incluso sen meternos na teoría das “protoideas”, podemos constatar que nos estudos científicos dalgunhas realidades, poden ser conceptuadas estas en función de contextos ou niveis. Polo tanto, extrapolando isto ás teorías de Fleck, aínda cós exemplos non son de aplicación rigurosa, tal vez axude a mitigar algún posible escepticismo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES