Con freno e marcha atráis
X.X. - martes, 14 de septiembre de 2004
Neste momento non lembro cal foi o autor (anos cincuenta) que publicou aquela novela titulada "Cuatro corazones con freno y marcha atrás". Tanto puido ser Miguel Mihura como Álvaro de la Iglesia. Ou quizais ningún dos dous. Pero cando vexo algunhas (in)decisións do goberno socialista vénseme á mente aquel título, referido, claro está, a que son máis de catro, e coa salvedade de que non está demostrado que os ministros -nin ningún político con responsabilidades de goberno- estean rexidos polos dictados do corazón.
Cando a señora Ministra afirmou que ía revoluciona-lo mercado do disco cargándose o actual ive, todos nos puñemos contentos, especialmente tendo en conta que unha decisión así leva facéndose agardar desde que entrou en vigor ese imposto. O mesmo acontece cos videos, pero tendo en conta que agora é o DVD o que manda, o sistema VHS non vai chegar a ver que se faga xusticia con el, agardando -se cadra- que sexa este último sistema o que se beneficie.
Logo foron os libros de texto, ós que se ía prohibir a posibilidade de descontos para axustar os custes á realidade. Pero nin dous días tardou a decisión de deixa-las cousas como están, non vaia ser que se moleste o comercio das grandes superficies ou os que participan dese complicado entramado comercial.
Eso que vemos, ¿Son só meteduras de pata de políticos inexpertos?. ¿Ou están experimentando connosco cun tira e afloxa para ver como está a nosa capacidade de reflexos?.
Cando en tempos houbo unha renovación do goberno, xuvenil comparándoa co que estabamos afeitos a ter, chamóuselle o "Goberno de penenes", para acreditar que aínda estaban verdes para aquelas grandes responsabilidades.
Agora, con tanto freno e marcha atrás, unido á xuventude que os tempos demandan, algún ministro podería compararse con ese conductor que veñen de deter en Vigo por circular por vía urbana a 190 Km. por hora.
¡Van coma tolos!, podería pensarse. ¡Van como motos!, se atendemos á maior lixeireza do vehículo. ¡O que ía é como un Ministro!, podería defenderse o tolo conductor.

X.X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora