Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O rito das arengas

martes, 26 de julio de 2011
Co gallo do Día da Patria Galega volvemos ao rito das arengas. Non hai mito sen rito. Nos tempos da IIª República a praza da Quintana compostelá foi o lugar no que se sucedían as intervencións dedicadas a exaltar a galeguidade. Co longo paréntese da dictadura vímonos obrigados a outras formas de manifestacións e comunicacións.

Pasados os anos de normalidade democrática, restablecido o autogoberno e as leis que protexen e mesmo obrigan ás institucións a fomentaren os nosos valores patrimoniais, aínda perviven algúns acenos do pasado de dubidosa eficacia para transmitírmos ese discurso. Observamos un exceso de retórica oca, máis propia para consumo interno dalgúns partidos.

A Galicia vertebrada pola que tanto piamos durante moito tempo aínda está por tecer. Vivimos un proceso confuso, porque a realidade social móvese de seu, sen a necesaria planificación para artellarmos o País dunha maneira racional. Desertízase unha parte del, o rural, onde se formou a nosa cultura, e amorease a poboación en grandes urbes deseñadas sen xeito ningún.

Volvemos escoitar a oradores con discursos recorrentes, pregoando proclamas ideolóxicas e partidarias, pero sen contido didáctico. Con teimosía falan das nosas desgrazas e dos culpables delas. O falar non ten cancelas! Apláudense afervoadamente cada unha das intervencións, rubricando adhesións increbrantables. Pero “pasou o día, pasou a romaría” porque a rutina da vida cotiá disolverá o entusiasmo do día da manifestación, e poucos saberán concretar as grandilocuencias programáticas escoitadas.

Ben están as grandes concentracións conmemorativas. Hai que fomentalas, porque unha reflexión expresada en voz alta en medios concorridos, debera acrecentar o interese polo debate do que nos preocupa como colectividade. Pero debera facerse cunha metodoloxía rigorosa e coidada pedagoxía sen caírmos na demagoxia, nas ocorrencias ocas elaboradas para a galería. O discurso da identidade precisa hoxe, máis que noutrora, de fundamentos sólidos, e de valedores que saiban formular razóns para convencer a amplos sectores da sociedade galega aos que aínda non fomos quen de incorporar a este proceso aberto de regaleguización.

Pouca autoridade teremos se seguimos situando os males que nos aqueixan unicamente dun lado, e non recoñecemos que a nosa debilidade pode ser tamén parte da causa do fracaso colectivo. Deus é bo pero o demo non é malo. A autocrítica necesaria pasa por admitir que a actividade política non se fixo o ben que debera. Sobran vicios e inercias do pasado que tollen o avance do espallamento do discurso galeguizador. Fai falta unha pedagoxía social. Os que a impartan deben estar revestidos de auctoritas, seren cribles por seren auténticos. O contrario sería tanto como dicir “fai o que eu digo pero non o que eu fago”. Velaí está a nai do año.

Moitos galeguistas/nacionalistas non predican co exemplo. A crise que ameaza as industriais culturais galegas provócana en boa medidas os consumidores que predican unha cousa e fan outra ben distinta. A economía galega non se galeguiza, porque os que participan nos actos de exaltación do Día da Patria Galega non consumen produtos etiquetados na nosa lingua (agora que estamos en tempo de festas a preferencia nos viños debería ser polos de calidade, que os hai e moitos, que teñan a etiqueta en galego), e tampouco fan xustiza cos seus familiares e amigos falecidos aos que soterran en castelán. Os cemiterios son os espazos no que se manifesta o autoodio cultural e lingüístico dos galegos, nomeadamente dos nosos galeguistas/nacionalistas. Poderíamos seguir enumerando máis áreas que son propias do ámbito privado nos que hai un lamentable desleixo. Redimir a un pobo -dixera Salvador Cabeza de León, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos- esixe que os que pretendan tan louvable finalidade estean liberados eles mesmos. Así o pensamos nós, tamén.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES