Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Medio século de ‘Nimbos’

martes, 26 de julio de 2011
Medio sculo de Nimbos Hai agora medio século vía luz Nimbos o único volume de versos publicado en vida por Xosé María Díaz Castro, un dos cumes poéticos da literatura galega do pasado século.

Aquel poemario —que agora teño diante miña ao redactar estas liñas— levaba un colofón no que se lía: “Iste libro, Nimbos, de Xosé Mª Díaz Castro, rematouse de imprimir na Imprenta Peón, de Pontevedra, o día 5 do mes de Santiago do ano 1961”.

Aparecera, xaora, na Editorial Galaxia e contaba coa ilustración de cuberta e interiores do chorado Xohán Ledo.

Díaz Castro foi un poeta esencial que viviu illado dos cenáculos literarios do momento, o que fixo que a súa obra, mesmo en vida, fose (re)coñecida só polos máis avezados, pois nunca gozou de popularidade masiva, a diferenza doutros seus compañeiros de promoción.

Secasí, o poeta de Guitiriz deixou unha fonda pegada en xeracións posteriores e aínda hoxe suscita non pequeno interese entre importantes coñecedores das nosas letras. É, por tanto, un autor de actualidade, por canto o eco que os seus indelebles versos teñen deixado na escrita galega das últimas décadas é con certeza notable.

Neste sentido, nos últimos meses son varias as iniciativas que se teñen desenvolvido para (re)lembrar e honrar a figura de Díaz Castro: ensaios, especiais de medios de comunicación, xornadas de homenaxe, espazos web etc. son algunhas das actividades que quixeron poñer outra volta de actualidade o poeta.

Estudosos da súa obra como Félix Villares Mouteira ou Luís González Tosar escribiron artigos en diversos medios dedicados ao guitiricense e algún dos célebres poemas de Nimbos foi incluso reproducido nas páxinas do tristemente desaparecido Galicia Hoxe.

De igual xeito, houbo quen —velaí o blogueiro Martin Pawley— solicitou, máis unha vez, un Día das Letras para o escritor dende algúns foros de internet, e a súa traxectoria foi tamén obxecto dun programa especial do referencial Diario Cultural da Radio Galega emitido o pasado 21 de xuño, que aínda hoxe pode escoitarse na Rede.

Nos últimos meses, amais, creouse unha web específica dedicada ao autor, poetadiazcastro.com, na que figura valiosa e vizosa información biobibliográfica sobre del acompañada dun extenso catálogo fotográfico.

Hai uns días, no Carballiño, a Fundación Insua dos Poetas e mais o Pen Club de Galicia celebraron unha homenaxe na que diversos investigadores e escritores leron textos de e sobre o autor, á vez que se inauguraba unha escultura de Xosé Cid realizada para a ocasión.

Por último, o tamén poeta e creador audiovisual José Antonio Cascudo —mozo conterráneo nacido na mesma parroquia que Díaz Castro— está a realizar un documental baixo o oximórico título “O instante eterno” no que, a través de diversas entrevistas a especialistas na obra do escritor e un exhaustivo repaso aos principais lugares da súa xeografía vivencial, proporciona unha aproximación integral aos principais sinais de identidade do autor de “Penélope”. Un avance do que será este prometedor documental pode verse xa no blog homónimo, onde tamén se achan outros salientables documentos sobre o de Guitiriz.

É innegable, pois, a actualidade literaria de Xosé María Díaz Castro, clásico das letras galegas sen discusión, quen, cun tan só un libro publicado, o Nimbos do que agora se cumpre o cincuentenario, agarda renovada lectura dos que xa no novo século sigan, coma el, convencidos de que a beleza os feriu para sempre e, xustamente por iso, non saberán renunciar ao degoro dos seus poderosos versos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES