Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nova Lei de Concentración Parcelaria

viernes, 15 de julio de 2011
Compás social

Transcorreron xa uns meses dende que o Conselleiro do Medio rural da Xunta de Galicia anunciou que este ano haberá unha nova Lei de Concentración Parcelaria (CP). Os principais xornais de Galicia recolleron aquela boa intención política e incluso abriron foros de opinión en Internet.

As achegas e posicións dos internautas, mesmo sendo acaloradas e sen matices, apuntaron as dificultades e retos a superar nesta cuestión. En resumo, a Concentración Parcelaria, vista dende varias perspectivas, segue sendo unha ferramenta necesaria pero insuficiente realizada conforme a lexislación actual. Examinadas as experiencias acumuladas ata o presente, sen dúbida que hai correccións que facer e actuacións complementarias que engadir para que realmente a CP sexa un instrumento eficaz e integral.

Hai que fitar, cando menos, as deficiencias concretas herdadas do pasado e analizar as novas propostas a ter en conta cara o futuro.

O minifundio segue sendo o gran problema do campo galego. Cada vez fanse máis visibles os efectos negativos desta situación dentro da economía agraria de mercado. Nos últimos sesenta anos buscáronse varios medios para superar este colosal atranco. Algunhas estratexias foron ideadas dende a iniciativa privada dos campesiños (permutas, alugamentos, compravendas, etc.) e outras propostas promovidas dende os organismos das administracións públicas (zonas de colonización, concentración parcelaria, cooperativas de explotación da terra en común, sociedades agrarias de transformación (SAT) e nos últimos anos o Banco de Terras de Galicia (BANTEGAL). Pese ó tempo transcorrido e a tódolos mecanismos correctores ideados, o minifundio segue ocupando un 70 ou 80% do campo galego.

Que ocorreu no pasado, que está ocorrendo neste intre? Aínda que as concentracións parcelarias seguen en marcha, son procesos excesivamente lentos (de 15 a 40 anos) e caros que, ademais, en moitos casos chegaron ou están chegando demasiado tarde. Ó avaliar os traballos de Concentración Parcelaria xa rematados quedaron patentes determinadas deterioracións da paisaxe rural, tal como talas indiscriminadas de arborado, derrube de muros ou trazado de pistas que achaiaron a configuración orográfica do medio natural. Por outra banda, hai constancia de que moitos terreos concentrados e aptos para o cultivo simplemente foron plantados de eucaliptos (casos constatados nas comarcas de Arzúa e Ordes).

Estas críticas, sen dúbida algunha, son froito de novas sensibilidades sociais e conteñen elementos de racionalidade ben elaborados. Non obstante, os efectos positivos da CP foron, seguen sendo enormes e innegables. A producción leiteira de Galicia desenvolveuse nas zonas concentradas, e o mesmo ocorreu coa ampliación de praderías e fabricación de forraxes gandeiros. Noutras palabras, moitos emprendedores do medio rural lograron asentarse no seu medio natural e construíron sólidas perspectivas de futuro. As cooperativas de compra-venda de produtos agrogandeiros nesas zonas concentradas están creando unha economía de maior escala, maior peso, maior participación e control nos mercados da alimentación. E toda esta dinámica de despegue xurdiu nas bisbarras onde a CP acometeuse e está rematada dende hai bastantes anos.

En principio benvida sexa unha Nova Lei de Concentración Parcelaria; mais con innovacións que axilicen tódolos procesos e integren os novos criterios ecolóxicos, as novas tecnoloxías e as novas organizacións da economía agraria de mercado. En termos máis concretos, unha Nova Lei de Concentración Parcelaria ten que prever unha gran flexibilidade e selección de espazos a concentrar (montes, aldeas, parroquias, bisbarras); terá que buscar formas flexibles e imaxinativas para compaxinar os dereitos dos labregos/gandeiros residentes cos dereitos dos propietarios absentistas, a maioría emigrantes nativos que non son grandes terratenentes senón modestos herdeiros familiares que só desexan facer utilizable o seu minguado patrimonio ou poder liquidalo cun valor razoable.

A Concentración Parcelaria é perfectamente compatible cun respecto exquisito e rigoroso á natureza, ós paisaxes e paraxes singulares, a diversidade de arborados, as redes fluviais e humedais, a fauna e flora, e os elementos da cultura etnográfica tradicional como son as represas fluviais, ferrerías, muíños hidráulicos, etc.

Debemos afrontar algunhas cuestións que gardan a chave do éxito ou fracaso das concentracións parcelarias. Debe ser obrigatoria a CP? Moitos gandeiros e cidadáns pensan que si, que debe ser obrigatoria, pois a dinámica e futuro do campo non debe quedar hipotecados pola mentalidade e posibles caprichos duns poucos propietarios. ¿É posible axilizar o proceso de concentración sen esperar a vinte, trinta ou corenta anos para vela rematada? Moitas expertos creen que coa tecnoloxía informática actual pode conseguirse un proceso de CP nun prazo moito máis curto, introducindo, ademais, innovacións na reorganización das explotacións e na produción e venda dos produtos agrogandeiros. ¿É posible afinar máis os criterios obxectivos de valoracións de predios, repartos, adxudicacións e compensacións entre propietarios? Este foi e seguirá sendo o nó gordiano de tódolos procesos de concentración que tantos conflictos provocou no pasado. A experiencias acumuladas, incluso as máis negativas, deben servir de base de superación. Será imprescindible establecer na futura lei un elenco de criterios e factores obxectivos para valorar a calidade dos terreos, das inversións feitas neles e as equivalencias con outros predios para un resultado final equitativo, xusto e inapelable.

Unha derradeira consideración. O Conselleiro do Medio rural soltou unha perla: “hai zonas con pouca vocación agraria”. Que significa exactamente iso? Aquí atopámonos unha vez máis co círculo vicioso xa clásico en boca dos políticos: non se promove a concentración parcelaria nalgunhas aldeas, parroquias, concellos ou bisbarras porque agora hai un número reducido de explotacións agrogandeiras, esquecendo o percorrido temporal das facendas pechadas e das causas dese peche: hai menos explotacións e innovacións debido precisamente a que non se fixo a concentración parcelaria no intre oportuno nin hai expectativas de que vaia a facerse. Certo que hai zonas máis ou menos aptas para a produción agraria, certo que hai bisbarras periurbanas onde a poboación decantouse xa pola busca de traballos urbanos; pero non vale esquivar o problema con respostas evasivas e parciais. Esa linguaxe de enxeñosas frases feitas desprestixia radicalmente a crase política.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES