Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esmoleiros da Terra Chá

viernes, 15 de julio de 2011
RELACIÓNS DOS ESMOLEIROS CON ALGÚNS SANTUARIOS CHAIREGOS.

O esmoleiro do San Antón, situado no lugar de Sabugos (Abeledo) (Abadín), está relacionado co culto que se celebra a este Santo o día 13 de Xuño na capela do San Antón de Abeledo. Hai anos celebrábase nas inmediacións da capela unha importante romaxe, que foi decaendo no transcurso do tempo. Hoxe hai algúns actos litúrxicos, concretados na misa solemne, na procesión e no ritual “de poñer o santo”. “La capilla está situada en medio de grandes arboledas y rodeada de un atrio, en que se celebra anualmente una típica romería el 13 de junio”.

Os esmoleiros adicados ao mesmo Santo, ubicados nos lugares de Denune e o Peto (Felmil) (Begonte), están ligados ao culto, que se celebra a este Santo o sábado e o domingo máis próximos ao día propia da festividade, na capela do San Antón de Denune, que recibe devotos non só do municipio begontino senón tamén de parroquias limítrofes ao mesmo. Estes acoden por doenzas humanas, por protección da facenda familiar, por perdas de cousas…Oen a misa solemne; participan na procesión, que percorre o perímetro da capela; e “poñen o santo”. No intre de levar a cabo este ritual o poñente recita a seguinte jaculatoria: “ San Antonio de Padua / que o poder que con Dios tén / o libre de tódolos males. Amén “/. De ofrenda, os fieis adoitan deixar cartos e algún ramo de flores. Denantes o culto realizábase os días 13 e 14 de Xuño, como figura nunha inscrición , que hai no “esmoleiro de O Peto” (Felmil).

Con respecto aos petitorios, colocados nos lugares de Baltar e a Ciguñeira (Damil) (Begonte), na honra do San Vitorio, están relacionados co culto que se celebra na capela do San Vitorio (Damil) o segundo domingo do mes de maio. Acoden devotos do concello de Begonte, Cospeito, Outeiro de Rei, Lugo… por doenzas da pel (verrugas, antano sarna), por doenzas do gando, antano viñan moitos mozos, que ían facer o servicio militar. Levan a cabo unha serie de rituais: oen a misa solemne, “poñen o santo”, escoitando a xaculatoria que o poñente dice: “S. Vitorio glorioso/ por tu poder inmenso / ayuda a este devoto /en salud, alma y cuerpo. Amén” . Logo participan na procesión e realizan “ o ritual da fonte”.

En relación ao esmoleiro do San Bieito de Ferreira (Pígara) (Guitiriz), a súa devoción está unida ao culto que se leva a cabo na capela do San Bieito, situada no mesmo lugar, os dias 27 e 28 de setembro. Denantes viña moita xente dos concellos de Guitiriz, Vilalba, Begonte…por doenzas do gando e da pel. Hoxe o culto quedou restrinxido a aquelas parroquias limítrofes co santuario. Os devotos participan na misa solemne, na procesión ao carón da capela, “poñen o santo” e escoltan a seguinte xaculatoria: “Por tu corazón bendito / santo del rostro moreno / de todo infernal veneno / líbranos santo bendito”/. Logo, adoitan deixar algunha esmola en metálico. Antano habia exvotos de cera e realizábase “unha poxa” da ofrenda en especie, que se ofrecía ao santo.

En canto ao esmoleiro da Virxe das Angustias de Dumpín, a súa devoción estivo moi relacionada co Santuario á Virxe das Angustias de Arcos (Outeiro de Rei), xa que era un lugar de paso importante para os devotos que viñan do concello de Castro de Rei. Estes ían ao santuario por doenzas de animais, humanas, protección da facenda familiar… Ao chegaren realizaban unha serie de rituais: o de circunvalación ao redor do recinto sagrado, oían unha misa, poñían o santo, participaban na procesión. Logo, deixaban unha esmola, algún exvoto de cera, algunha vela etc. Na actualidade este esmoleiro xa case non ten devoción.

Finalmente, os demais esmoleiros da Chaira están ligados ao culto local do Santo ou da advocación mariana en cuestión, que se conmemora na igrexa parroquial respectiva, nunha data do ano.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania