Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As reviravoltas da política: Un bo exemplo

viernes, 08 de julio de 2011
Quen ousaría poñer en dúbida o complicado das xestións dunha política económica, cultural, de relacións internacionais, etc.?.

Pero tamén…quen ousaría poñer en dúbida as mañas e andrómenas dos políticos para manterse no poder?. Os pobos xa están de volta. Hai que recoñecer, non obstante, que a tarefa do político en exercicio non é tampouco moi fácil: faga o que faga, sempre quedará cuestionado. E, nas democracias representativas, sempre están latentes dous elementos constitutivos do sistema: os cidadáns e os que toman as decisións, entre os que, confrontados, sempre xurden discrepancias, porque estos últimos esquecen enseguida que son servidores públicos e non auspiciadores das ocasións que lles permitan propiciar a defensa dos seus propios intereses ou os de grupos moi ben situados e definidos, acantoando ós máis elementais e universalizables principios éticos; e como consecuencia da asimetría da información entre os xestores políticos e os cidadáns, en xeral, non é nada estraño que a aqueles se lles ocorra cambiar as preferencias reais do pobo polas propias, despregando todos os instrumentos ao servizo da comunicación que teñen nas súas mans, para forxar novas opinións na sociedade, o que desencadea as sospeitas, moitas veces fundadas, de que andan polo medio intereses espurios, ou pouco identificables a curto prazo. Así pois, nunca estará de máis facer votos para que o xornalismo de investigación manteña os ollos moi abertos.

Só quixen traer aquí o feito de que a xestión política, se se realiza correctamente, tampouco é un camiño de rosas e ós políticos vailles custar moi caro sair airosos da faena, incluso sen esquecer as reviravoltas deles mesmos. A este respecto, sempre se me ven a imaxinación a labor desenrolada por HENRY KISSINGER, como Consejero para asuntos internacionais con Nixon e Secretario de Estado con Ford, en EE.UU., do que vou a ocuparme, brevemente, como un bo exemplo de didáctica política, non necesariamente un bo exemplo de ética e democracia, nestes mesteres públicos, dende o punto de vista do home, do político e do autor dun libro titulado DIPLOMACY, publicado en 1.994.

O home foi profesor de Ciencias Políticas na Universidade de Harvard e, según os biógrafos, era intelixente, astuto e estaba dotado dunha grande dose de realismo. Como ministro promoveu a distención entre Estados Unidos e a Unión Soviética, asinando o Tratado Salt I, en 1.969; coa súa misión secreta en China abriu a EE.UU. a este país asiático, e mediou entre Israel e os países árabes co gallo da Guerra de Yom Kippur, en 1.973, e tamén no tratado entre Exipto e Israel. Foi un entusiasta do equilibrio mundial do poder, por iso intenta establecelo entre EE.UU., a URSS e a República Popular China.

Sen embargo, Kissinger leva a cabo unha política fría e desbota toda clase de sentimentos morais: Non lle da noxo desestabilizar a Chile, permitindo o asasinato de Salvador Allende, para por no seu lugar da presidencia deste país ó dictador Pinochet, de triste memoria; interviu, máis ou menos solapadamente, en Portugal, Italia e Francia, para evitar o predominio do socialismo e do comunismo, e mesmo en arranxos de Extremo Oriente exclúe o conflito entre palestinos e xudeus, xerando desta maneira unha serie de problemas que o lector coñece moi ben, porque chegan ós nosos días.

Hai tamén que anotar no caderno das súas desventuradas xestións a terrible guerra en Indochina, os bombardeos de Camboya e Hanoi o día de Noiteboa e a problemática toda da paz en Vietnam..

No seu libro, e noutras publicacións, chama a atención o feito de que non lle interesen demasiado nin Luther King, nin Gandhi, nin Walesa, nin Havel. Si lle interesan, pola contra, e moito, o Richelieu da “Razón de Estado”, que permite e xustifica todo xénero de desviacións dos principios éticos; o Bismarck da política real (Realpolitik), dos intereses por riba das ideas, que inquietou a Francia, a Dinamarca, a Austria-Hungría, e incluso non está moi claro ata onde estas políticas incidiron noTerceiro Reich, con Hitler a cabeza. . Pero especialmente en “Diplomacy”, é fácil constatar un indiscutíble interés, máis ou menos solapado, perspicazmente, pola defensa dunha política desvinculada das normas éticas e dos valores nas relacións interestatais, so pretexto dunha política real, que, coa súa “razón de Estado”, pode xustificar as guerras que salientamos e tamén - bótense as mans a cabeza! - o Watergate.

Non obstante, no 1.973, concedéuselle o Premio Nobel da Paz, compartido co norvietnamita Le Duc Tho. Toda unha aberración!.

E estes son os nosos precedentes máis inmediatos, tanto que inda teñen consecuencias na actualidade, sobre todo nalgúns constituintes do Sistema-Mundo, polo menos no ámbito da necesaria confianza para os compromisos políticos globais, e mesmo non parece un desacerto preguntarse como é posible confiar na edificación dunha Unión Europea, con tan diversos intereses en xogo, unha ética polo chan e unha “razón de Estado” simplemente aletargada.

¿Pódese, realmente, confiar nas ideoloxías do poder, ao marxe duns principios éticos que permitan renunciar ó outrora considerado coma propio, en beneficio da Unión, cando se percibe claramente que os estados integrantes están caendo no síndrome do ciclista: CARA A RIBA, AGACHAR A CABEZA; CARA A BAIXO, IR A POR TODAS, que non é outra cousa que adoptar, a escala estatal, unha actitude da dobre moral dos códigos da “razón de Estado”?.

Basta tomar nota dos cambios que se están experimentando nos países que interveñen, directa ou indirectamente, nas guerras do Norte de África e reflexionar, sen entrar en razóns doutro xénero, sobre como recentemente se levou a cabo a morte de Bin Laden, pola Cía, e a incerteza respecto a si o Goberno Americano comunicou esta intervención, ou non, ó paquistaní. O que está claro é que as nacións seguen aplicando os principios da “razón de Estado”.

Sabido é que, noutras etapas históricas, a lóxica do necesario e o excepcional tal vez debera impoñerse a lóxica do xusto; pero se o que hai hoxe en día entre mans é artellar sistemas operativos a nivel supranacional, incluso planetario e global, parece que está fora de lugar seguir establecendo a prioridade absoluta dos imperativos da seguridade, ou do ben común, referidos a unha nación coa soberanía compartida, pois haberá que partir doutras formulacións éticas, sen dúbida moi difíciles de concordar, pero que o contexto mundial pode chegar a impoñer, tal como ocorre no ámbito da realidade física, onde o caos ven a ser a orixe da orde. Esperemos, aínda que o escepticismo se negue a deixarnos, cun día isto sexa unha realidade!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES