Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Couto mixto, territorio distinto

martes, 05 de julio de 2011
Amigo ou amiga lectora, se vostede non coñece aínda o Couto Mixto, a súa historia, territorio e paisaxe, visíteo agora aproveitando que a Asociación de Amigos do Couto Mixto celebra este sábado, día 9, na Igrexa de Santiago o acto de nomeamento dos Xuíces Honorarios.

Estoulle a falar dun territorio singular situado nun espazo natural, arraiano, na baixa Limia, compartido polos concellos de Baltar e Calvos de Randín. O parque natural do Xurés e a serra do Larouco dan acubillo ao val do Salas, onde os seus homes e mulleres gozaban dun estatuto xurídico-político semellante ao que tiña Andorra, cunha vía de comunicación- “camiño privilexiado”- que os unía coa freguesía de Tourem ou Turei, denominación que lles dan os veciños segundo sexan portugueses ou galegos.

Eu recoméndolle que antes de facer a viaxe se informen sobre a historia daqueles pobos lendo o libro de Luís M.García Mañá, “Couto Mixto.Unha república esquecida”; ou visitando a páxina web da Asociación de Amigos do Couto Mixto (www.galeguizargalicia.com). Non desaproveite a ocasión. Outros autores poden levalo tamén da man. Apúntollos algúns: António Fontes, Xosé Benito Reza Rodriguez, Xosé L. Méndez Ferrín, Xosé Rodriguez Cruz ou Riveiro Coello.

çTodos eles recrean nas súas obras literarias un escenario ateigado de referencias históricas, lendas e descricións xeográficas que falan dunhas terras e xentes arraianas que hoxe teñen ben mereccido seren o epicentro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugual. Mágoa que non se programen políticas transfronteirizas que articulen unha rexión natural, creando, por exemplo unha mancomunidade de concellos que dea continuidade á que xa existe nas orelas do río Miño desde Crecente ata a Guardia.

A Asociación de Amigos do Couto Mixto vén traballando na elaboración dun discurso que faga posible ese obxectivo europeísta. Froitos deste modesto traballo son as iniciativas parlamentarias debatidas e aprobadas polo Parlamento de Galicia, Congreso de Deputados e instancias oficiais da Unión Europea. Pero amais deses logros procura a Asociación estimular unha masa crítica con publicacións e cursos académicos en colaboración coas universidades de Vigo e a portuguesa de Tras-Os-Montes.

Desde a súa creación a Asociación de Amigos do Couto Mixto vén distinguindo a institucións e persoas que cos seus traballos de investigación poñen en valor o patrimonio histórico, cultural e paisaxístico daqueles eidos arraianos. Grazas ás súas publicacións hoxe coñécese moito máis o inventario patrimonial do Couto Mixto e territorios aledaños.

Este ano recibirán o nomeamento de “Xuíces Honorarios do Couto Mixto” tres personalidades senlleiras: a profesora da Universidade de Lisboa, Paula Godinho, que salvou do esquecemento a memoria dos pobos promíscuos (Cambedo, Soutelinho da Raia e Lamadarcos), as súas tradicións e costumes; Antonio Rodriguez Colmenero, profesor da Universidade Compostelana, arqueólogo e paleógrafo, que estudou as pegadas deixadas pola cultura romana neses vasto territorio; e Xosé Badás, director de “Lethes. Cadernos Culturais do Limia”, unha publicación periódica na que se poden atopar traballos de divulgación e investigación da raia seca.

Amigo ou amiga lectora velaqui lle queda a invitación para asistir ao acto de entrega dos devanditos nomeamentos honoríficos, e para coñeceren aquelas terras arraianas.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES