Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia Hoxe: unha morte anunciada

martes, 05 de julio de 2011
Acaba de desaparecer Galicia Hoxe (GH) o único diario en galego que se publicaba neste país. Desde 2003 editáronse perto de 3000 números ata que a crise e “o radical recorte das axudas institucionais converten en inviable este proxecto”. Esta nova, temida desde hai algún tempo, produce un grande desconcerto e unha profunda dor.

Doen, en primeiro lugar, os traballadores que viñan desenvolvendo un labor noble e necesario para o país e que agora quedan na rúa. Comparto a pena que sinte Caetano Díaz, o seu director -un bo amigo desde tempos remotos, cando os dous éramos novos, felices e indocumentados-, que adicou algúns dos mellores anos da súa traxectoria profesional neste proxecto que agora fenece.

Tamén participo do seu anoxo cando sinala ao actual presidente da Xunta como principal responsable do deceso: “Coa chegada a Monte Pío do ´señor das tesoiras` no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada”.

Sinto mágoa porque desaparece un medio de comunicación aberto e plural, un punto de encontro que acollía como casa común a xente moi diversa, con discursos mesmo contrapostos que convivían nestas páxinas en discrepante harmonía. Tiven a fortuna de colaborar tanto en O Correo Galego como en GH e sempre dispuxen de absoluta liberdade para expresar as miñas ideas sen ningunha restricción.

Produce desesperanza ver como a sociedade galega deixa esmorecer ata a súa desaparición o único xornal editado na lingua propia, sen que se produza unha reacción colectiva que permita garantir a súa pervivencia. E non é a primeira publicación escrita en galego que desaparece; antes pecharon Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira… Estas ausencias representan un serio revés para a pluralidade informativa, para a saúde democrática e para o futuro do galego.

Causa estupor observar a actuación dos actuais gobernantes, que amosan unha belixerancia activa contra do idioma e dos medios de comunicación que o utilizan. Algo estamos a facer mal neste país para que ocupe o poder un grupo marcadamente antigalego, instalado no autoodio e no desprezo ao que nos é máis propio. Na vez de situar a defensa e promoción da lingua como unha prioridade social, de entender que o idioma é un dos principais patrimonios dun pobo e da Humanidade, -que debe ser protexido e potenciado desde os poderes públicos-, están a facer todo o contrario: na vida política, no contorno educativo, no mundo editorial e nos medios de comunicación están a desenvolver medidas restritivas que condenan á nosa cultura á morte por asfixia.

O señor Núñez Feijóo poderá quedar na Historia como o presidente que actuou deliberadamente desde o poder para aniquilar a cultura e o idioma propio deste país.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES