Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carta a Mero

lunes, 27 de junio de 2011
Carta a Mero Aquí estamos, Mero.
Nesta tarde dos últimos de xuño, aquí estamos en Mesía, en Xanceda, que Xanceda, é Mesía, e viceversa.
Estamos con todos os teus amores de aquí. E coma os de aquí, contigo, celebrando. Celebrando que vivimos. Celebrando un punto e seguido, que non o remate da escrita túa.
Quédache tanto por escribir, por contar, cantar e explicar, que che farán falta máis dun cento de anos, ou, polo menos, ben dobrados os que tes, que xa iremos contando.
As tuas aulas serán as campías das festas populares, os salóns das parroquias e das vilas; os recunchos de tabernas ou en calquera lugar no cal estean persoas dispostas a lembrar, a saber e a querer aprender do nóso.
A raíz cadrada atópase con calculadoras e o nóso, de Galicia, non hai máquina que o saiba parcelar, anque se empeñen en facer unha concentración de bárbaras e alleas falas.
Por iso ti, Mero (Mini e Mero, ou viceversa) sodes mestres difusores imprescindibles, tan necesarios, que non podedes xubilar xamais. Incluso despois da transición, seredes referente e guía, tan vivos, tan presentes e tan claros coma o noso río grande. Mestres coma vos, nacen, fanse e son sempre mestres, polos tempos dos tempos, en calquera tempo, pegados a Galicia eternamente.
E ti, Mero, aínda que seguramente tes memoria de todos os sitios por onde andaches, nestas terras de Mesía, de Xanceda, tantas veces ferida e castigada, tes o teu abrir máis galego. Nestas vives e detés o tempo cos teus, na tua casa dos Camiños.
Elexiches ben. Aquí, tras dun monte, sempre hai unha valgada coa ensoñación da Terra Chá. Aquí, detrás dunha queixa, sempre houbo, hai e haberá un cantar antigo e vigoroso, un alalá tenro de amor e de cariño, unha cantiga nova e moza, unha lenda real e unha historia que gardar para recontala.
Vivir aquí, amigo Mero, en Mesía, e no concreto en Xanceda, é de elexidos.
Aquí percíbese un dos celmes da fala da Galiza que ti amas.
Aquí ainda resoan as pandeiretas da Areosa, de Olas, de Lanzá, de Cumbraos e Visantoña. As adeviñas de Bruma, de Castro, de Bascoi e de Boado. Os lances de Albixoi; as sortes de Cabrui, as penas de Fontao e das Foucellas; do soñar do barro das telleiras e dos temporeiros arxinas do Rosal.
Aquí chega tanto, que chega case todo.
Incluso vén no aire, agora mesmo, o rumor dun cantar perdido, que en xeneroso ben, de bandia boa, baixa, directamente recollido, das follas da feitureira arboriña da Fraga da Lata.
Todo isto, e outros intanxibles, que non digo por non extender, está hoxe aquí con nós e contigo. Non por xubilación, que para ti non existe xubilación posible, senón para te honrar, honrándonos contigo, nesta tarde de atesourada confianza.
Mesía, as doce parroquias do concello, e moitas outras da redonda e do lonxano, ben seguro que están aquí representadas, devotamente afervoadas, para, por unha vez, cantarche a ti a corazón aberto.
Viñemos algunhas persoas desde Lugo (algunhas que soubemos desto) e moitas outras do resto de Galiza, que tiveron a sorte de ter coñecemento da xuntanza.
Todos nunha roda; nunha peza de respecto, de admiración e de cariño.
Polo que a min toca, cada vez que te vexo, ¡ai, daquela, amigo!. Daquela, é cando sinto á Mesía que renace no silabar do Tambre e do Maruzo; do Samo e de todos os regueiros que, nun contínuo expirar, seguen cahazudos, enerxéticos, discorrendo sen parar, sen medo aos lixos nin ás toleadas improcedentes de próceres alleados innominables (por non querelo eu) e doutros innomeados.
Cada vez que te vexo, vexo a un galego como é debido.
Vexo ao Mero mestre de todas as artes. Con toda a honra de mestre galego.
Que sexas por moitos anos, mestre, e polos mesmos, amigo.

(Co gallo da homenaxe que Mero recibiu pola súa xubilación, no Colexio de Mesía-Xanceda o 24 de xuño de 2011).
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES