Ribeira Sacra, entre o futuro esplendoroso e a pobre realidade
Moure, Xosé Manuel - viernes, 24 de junio de 2011
Todo o mundo leva anos a falar do gran potencial da Ribeira Sacra, único quizás no mundo. Unha paisaxe singular e sublime pero artificial, creada non só pola natureza senón tamén polo esforzo, traballo e intelixencia do ser humano, que moldeou as súas ladeiras en socalcos durante centos de anos para que o cultivo das viñas fose posible, engarzando ao mesmo tempo xoias de pedra en forma de románico. De aí o mérito extraordinario desta paisaxe cultural debida á acción conxugada entre a natureza e o ser humano, desta artificialidade «heroica», para converterse en seria candidata á declaración de Patrimonio da Humanidade.
Hai tres meses vin das Filipinas. Entre outras cousas, fixen un trekking polos famosos arrozais en socalcos de Banaue, na illa de Luzón, coñecidos a nivel mundial como a oitava marabilla do mundo e Patrimonio da Humanidade. Son en verdade unha marabilla, pero a Ribeira Sacra non lle vai á zaga, por non dicir que os supera.
Imaxínense que todos os colectivos implicados, como asociacións de viticultores e agricultores, adegueiros, casas de turismo rural, denominación de orixe Ribeira Sacra, concellos, deputacións e Xunta, traballasen aquí de forma coordenada para conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade, nun único proxecto, cunha única portavocía que petase todas as portas, publicitando a idea e falando en nome de todos en todos os foros.
Sigan imaxinando que o conseguimos, que ademais sería o xusto. Os visitantes multiplicaríanse coa segura publicidade boca a boca paralela á publicidade institucional. Tamén as axudas económicas dos organismos correspondentes se multiplicarían, xa que non esquezamos que é unha paisaxe artificial moldeada polo home que precisa restauración e mantemento. No caso dos socalcos cos seus cultivos, das igrexas e mosteiros e da vexetación autóctona que domina a ribeira, crearíanse medidas máis ríxidas para protexer todo este entorno.
Sería ver o futuro moito máis despexado, e non só para adegueiros e viticultores, porque abriría un potencial inmenso para outros moitos sectores, como turismo rural, hoteis con encanto, pequenas e medianas empresas derivadas dos produtos naturais como horta, froita, queixo, empresas de servizos turísticos, de mantemento de viñedos...
Traballo e intelixencia
Pero non, nesta carreira -na que tamén compiten Priorato, Requena e Rioja, con temas derivados do viño, probablemente esporeados polo espectacular aumento de visitas que tivo o alto Douro, a última incorporación das sete paisaxes con viñedo que son Patrimonio da Humanidade en Europa- probablemente quen se leve o gato á auga sexa o Priorato catalán. Con moitos menos méritos patrimoniais e paisaxísticos que a Ribeira Sacra, pero con moitos máis méritos en traballo, solidariedade, e intelixencia dos seus dirixentes e institucións, que si se esforzaron remando todos na mesma dirección -que non no mesmo barco- sen escatimar esforzos. Porque en Galicia non só temos minifundio no campo, tamén o temos cultural, na cabeza. E así nos vai, aínda que saibamos que quen non chora non mama. «Ananos», que dicía Celso Emilio Ferreiro.

Moure, Xosé Manuel