Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desandar parte do camiño

miércoles, 22 de junio de 2011
Os internautas, os tertulianos, os columnistas, Os “indignados”, a xente do común falan da crase política como dun problema, o terceiro para as enquisas e o primeiro para moitos cidadáns.

Cada grupo voceiro fai o seu relatorio de agravios infrinxidos a cidadanía. Persoalmente receo falar da crase política e dos seus aparellos mediáticos, pois ós cidadáns ocúltasenos case todo, máxime nunha situación de crise que nos empuxa a buscar a cegas ós culpables. Só podemos facer algunhas deducións a partir dos indicadores externos e dos feitos consumados e visibles. Non obstante, ante este escenario xorde a necesidade de reflexionar, incluso en alta voz, sempre co risco de equivocarse.

Realmente, que se lles achaca ós políticos? Moita xente percibe abusos de todo tipo, de pequenas, de medias e grandes dimensións; atropelos que van dende os máis epidérmicos e obvios ata os máis sutís e maquiavélicos.

O máis visible das denuncias céntrase nuns puntos básicos: acumulación e blindaxe de privilexios, para os que anuncian agora certas maquillaxes; corrupción económica en tódolos banzos das Administracións, sen que ninguén devolva un euro do roubado; clientelismo descarado de grandes dimensións para controlar amplas masas de voto cativo.

Pero, ademais, moitos grupos e actores sociais, mellor informados, enxergan e denuncian outros elementos máis sofisticados e perigosos construídos pola crase política: un deterioro da linguaxe política e mediática que rebentou a racionalidade do sentido común inscrito na cultura colectiva, con exabruptos e nova semántica de ideas e palabras retorcidas. Unha desintegración das institucións e organismos estatais, con resultados en cadea de consecuencias imprevisibles. Bloqueo da democracia polos partidos dos que depende todo, sen deixar a penas sitio para iniciativa e participación da sociedade civil. En derradeiro lugar, sendo quizá o máis importante, a perda dunha ética da responsabilidade, predominando unha moral de acción/reacción que responde a simple comenencia de cada oligopolio político- mediático. Todo vale se non te pillan.

O contido concreto destas acusacións pode ser discutible e matizable, mais a pregunta clave é esta: ¿están os políticos, en conxunto, dispostos a desandar parte do camiño mal trazado, é dicir, corrixir de raíz estas perversións da democracia construídas por eles mesmos? Moitos cidadáns teñen a impresión de que non; de que, conforme o principio de Lampedusa, só cambiarán algo para que nada cambie. Non obstante, malia que os “indignados oficiais” poden derivar nuns reténs de axitación, os indignados potenciais poden ser moitos máis e obrigar a unha auténtica rexeneración dos partidos e da crase política en xeral.

O enfado, o medo difuso e preventivo está instalándose en moitos estratos da sociedade e posiblemente a precaución estea chegando ós partidos políticos. De ser así, confirmaríase o aserto de que unha situación desesperada pode converterse nun principio de esperanza.

De momento debemos estar atentos as mobilizacións actuais e o que ocorre na configuración das autonomías e dos concellos. Esa ollada daranos unha medida aproximada do que será o futuro inmediato. ¿Organizarase o descontento de forma eficaz e democrática? ¿Buscarán os políticos unha linguaxe respectuosa, poñeranse salarios moderados, axustarán o persoal asesor posto a dedo, haberá transparencia económica real, cribaranse responsabilidades, corrixirán o clientelismo, recuperarán unha ética de principios e unha moral de forza da razón?

A credibilidade colectiva das palabras políticas só se recuperará con feitos reais, razoables e visibles durante un prolongado período de tempo. Vivir para ver.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES