Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A insatisfacción e o éxito no home e na muller

martes, 21 de junio de 2011
O home, ese animal que xoga coas realidades e sacrifica os instintos, é dabondo complexo para devir acredor a variadas cualificacións: Ven a xeito falar del como “animal taxador”, “animal contaminador”, “animal ávido de poder” (taxa o poder co poder), “animal relixioso” (sono incluso os non crentes); (…); pero é, fundamentalmente, un “animal de realidades, non de simples estímulos” e, consecuentemente, por isto todo, é un “animal insatisfeito”, que persegue o ÉXITO.

Non é esta unha deriva existencialista, acouguen!. Nin tampouco unha pretensiosa disertación de antropoloxía metafísica!. É moito máis sinxelo: A descripción de todo aquilo que a realidade humana, en modelaxe persoal, vai deixándonos en diversas impresións sobre as que vamos estruturando algúns razoamentos.
Así pois, tanto me refiro a insatisfacción que o home poida experimentar nos negocios, nas relacións sociais dunha e doutra natureza, cos seus semellantes, nas decepcións que poidan producirlles a xestións públicas, etc., coma tamén estou a referirme a aquila permanente insatisfacción que aniña na cerna do home/muller, como consecuencia de ser un proxecto de realización persoal, nunca acabado durante o seu decurso vital, até a morte, e que o mantén na constante inquietude, que despacha insistentes instancias a saír como sexa desta situación, a transcendela.

Pero tal vez nos faciliten o acceso a temática unhas preguntas: Que sería un home plenamente satisfeito?. Faría ciencia?, progresaría no coidado da saúde?, ata que grao se preocuparía pola súa propia alimentación?, sentiríase impulsado á creación artística?. Sería, por suposto, moi estraño, raiando a imbecilidade. A insatisfacción está aí; pero, coma todo no home, hai que canalizala, se non queremos ser vítimas dela, ou crealas na nosa contorna.

Dediquemos un pouco de espazo o ÉXITO. É este un termo que tomou orixe no verbo latino EXEO (ex..eo), que pode traducirse por “sobre-puxar”, “chegar a un resultado”. Cicerón empregou a expresión AD EXITUM PERVENIRE (acadar un éxito). Todos desexamos acadar bos resultados, ter éxito cos nosos proxectos, en condutas normais, saír dos atrancos cá vida nos vai tendendo, o que adoitamos expresar dicindo que logramos “saír airosos” de tal ou cal situación. Non hai nada que obxectar a todo isto. O problema xurde cando co éxito queremos xustificar o emprego de calquera medio para acadalo, coma cando quixéramos enriquecernos sen traballar; gozar da vida sen límites e sen considerar os posibles impactos nos demais; adquirir coñecementos sen impoñerse o sacrificio que esixe a aprendizaxe; obter pingües e lardeiras ganancias nos negocios sen respectar as máis elementais normas morais; sobresaír no quefacer intelectual, sen os atrancos que impón a nosa condición humana; actuar nos campos que nos ofrece a sociedade sen principios e para lograr obxectivos distintos dos correctamente esixibles; xogar coa hiprocresía relixiosa; prescindir das normas morais máis básicas, etc.

E isto non é un sermón dominical: Son “os sete pecados capitais do mundo actual”, segundo MAHATMA GANDHI: “Riqueza sen traballo, gozo sen conciencia; coñecementos sen carácter, negocios sen moral, ciencia sen humanidade, relixión sen sacrificio e política sen principios”.

Polo tanto, quizabes sería proveitoso dedicar uns minutos a reflexionar como teríamos configurada e estruturada unha sociedade na que os cidadáns traballáramos para vivir, máis que para ter; na que fósemos capaces de axustar os nosos gozos os límites razoablemente impostos; na que os coñecementos desexados polos cidadáns non foran só instrumentais e serviran, tamén, para acadar unha realización persoal integral; na que a moral reguladora das actividades mercantís estuvera sempre presente nos axentes económicos; na que os políticos foran modelos pedagóxicos do bo facer, etc.

Pero nin o sentimento garante que aquilo que o desencadea sexa verdadeiramente aceptable, nin o razoable e racional desperta sempre sentimentos confortantes. Deixouno moi ben expresado Unamuno cando escribiu: “nin o sentimento logra facer do consolo verdade, nin a razón logra facer da verdade consolo”, páx. 106, da súa obra “Del Sentimiento Trágico de la Vida,” Espasa Calpe, 1.976, Madrid.

Agora ben, transportemos todo isto a nosa situación actual, particularmente ó sector da xestión económica. Con que realidade nos encontramos?. Con que a insatisfacción viciosa e as ansias de éxito sen atrancos éticos, fan que o home/muller se desboque coma o cabalo sen freo en busca (o home / a muller tamén é inquirente) de respostas e solucións, valéndose de toda clase de artimañas, enganos e hipocresías, para acadar éxitos sen reparar naqueles ós que poidan afectar as consecuencias dos seus actos: pobres, desvalidos, desinformados, erario público, etc. Olla a diario os “bolitíns oficiais” na procura de subvencións e toda clase de axudas, que sempre aproveita, despregando a rede de subalternos que acostuma ter da súa man con extrema xenerosidade. Casas arranxadas, servizos arteiramente non-prestados, contratos amañados con raposeiras intencións, etc., invisten de éxito as empresas e xestións dun tipo de persoas que se permiten facer alarde ante as mesmas vítimas das súas operacións, sen tan sequera avergonzarse de que a súa profesión é a dun indigno mendicante.

Por estas fisuras escápanselles ós gobernos importantes cantidades do presuposto, non cumpren a súa finalidade as subvencións e moitas das axudas van a parar noutras mans das previstas. Esto fai que a maioría das medidas que propoñen os que se autodenominan “Movimiento 15 M” sexan bastante pertinentes, coma, por exemplo, a “eliminación dos privilexios da clase política”, algunhas das medidas “contra o desemprego”, as epigrafiadas con referencia “o dereito a vivenda”, “control das entidades bancarias”, o relativo a “fiscalidade” e sobre todo a “reforma da Lei Electoral” e a garantía da “independencia dos tres Poderes”, con un Tribunal Constitucional con competencias ben definidas e cuxa independencia e preparación ad hoc dos integrantes sexa incuestionable razoablemente. E se ben é certo que se pode estar críticamente en desacordo coa forma das reivindicacións, tampouco se pode ignorar que cando o pobo non ten cauces adecuados de expresión da súa vontade, a saída non se ve clara, porque os partidos no poder non se abren ás sensibilidades dos seus representados e as alternativas que se ofrecen nas eleccións veñen a ser as mesmas: xa as rosas non teñen fagor e as gaivotas acaban buscando sempre o mesmo niño.

Chegou, pois, o tempo dos feitos, sen lixeirezas, sen atropelos, con oportunidade e “sentidiño”; pero tamén sen pausas intencionadas.

Por outra parte, a machucante insistencia de ter presentes os valores éticos nas xestións públicas e operacións privadas, converteuse xa nunha cantilena nos oídos dos destinatarios, e por iso a urxencia de controlar os axentes económicos con prudencia, pero, a vez, con eficacia, pasa por ser un ruído de fondo do que os responsables non se fan eco: non saben, non contestan. A uns e outros conviríanlles utilizar o pensamento dos intelectuais menos sospeitosos para eles mesmos, pero na súa totalidade, non na escolleita favorable.

Poño como exemplo unhas liñas do artigo de Amartva Sen, titulado “Capitalism Beyond the Crisis”, publicado o 26 de marzo de 2.009, na “The New York Review of Books”, no que fai referencia a obra nada menos que de Adam Smith, THE THEORY OF MORAL SENTIMENTS , na que afirma a necesidade de basear as accións nos valores que van máis aló do proveito (“he extensevily investigated the strong need for actions based on values that go well beyond profit seeking”), e engade – Smith – cá “prudencia”, de todas as virtudes é a máis útil para o individual, e que “humanidade, xustiza, xenerosidade e espírito público, son as calidades máis útiles para o outro” (“prudence” was “ of all the virtues that which is most useful to the individual”. Adam Smith went on to argue that “humanity, justice, generosity and public spirit, are the qualities most useful to others”).

A prudencia, sen dúbida, modera a insatisfacción e pondera o éxito. E se isto o tuveran en conta os apaixonados do poder, farían menos o ridículo, cometerían menos atropelos e dignificarían as condutas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES