O Centro Santiago Apóstol: nin educativo nin especial
Suárez Sandomingo, José Manuel - jueves, 16 de junio de 2011
A escola da vida
Nestes últimos meses, o Centro de Educación Especial Santiago Apóstolo está sendo reformulado polo Goberno da Xunta de Galicia nun afán meramente crematístico: quere reconvertelo nun almacén de usuarios. Non é unha visión tremendista de quen isto escribe, senón a pespectiva que a propia Administración lle deu.
De feito, a un centro, que no seu propio nome leva o termo de educación especial, quéreselle quitar este carácter suprimindo o seu persoal pedagóxico e educativo. Como argumento para esta espoliación proponse a simple e non contrastada opinión de que non o ven necesario.
Este leva funcionando como tal centro educativo desde hai xa bastantes décadas e, neste momento, é o único destas características que hai en Galicia. A súa supresión fará que moitas familias con persoas afectadas por algún tipo de discapacidade física, psíquica ou sensorial non dispoñan de ningunha alternativa pública á que acudir.
Cando un goberno aforra nos temas que afectan aos máis débiles está a facerlle un fraco favor ao conxunto da sociedade. E a política social deste goberno está véndose bastante pouco solidaria co conxunto dos máis necesitados, pois a par do que está a ocorrer cos discapacitados, tamén está a liquidar centros de atención a excluídos e non está a abrir algúns centros xa construídos para os nosos maiores. Pero si segue mantendo obras que para o cidadán pagador de impostos son claramente innecesarias nestes momentos como a Cidade da Cultura, a autoestrada de Berdoias ou os peiraos de Langosteira.
O primeiro para calquera goberno debe ser as persoas e, despois, o que estas necesiten para vivir. Aquí parece que esta lóxica non impera nin coa crise, e prefire o lucimento dunha grande infraestrutura antes que a continuidade do benestar.
Moi poucos puntos están a facer aqueles que non tratan ben os seus cidadáns e que mesmo os deixan marchar cara a outros lugares onde poidan ser mellor atendidos e considerados.
A xuventude mellor preparada de tódolos tempos está a emigrar cara a outros países onde poxan á alza por ela. Eses mozos e mozas xa non serán os seus votantes, pero tampouco o serán os que quedan se non corrixen os rumbos de usurparlles o seu benestar. A altura dun político mídese pola altura de miras cos seus cidadáns.

Suárez Sandomingo, José Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora