Outros mundos
Xiz, Xulio - miércoles, 15 de junio de 2011
Para os que temos inquedanza polo que poida haber maís aló das fronteiras físicas ou mentais que nos encerran neste globo terráqueo, a existencia doutros mundos sempre nos preocupou e ilusionou coido que na mesma medida. E seguimos a matinar nesta posibilidade, a pesar da máxima de Pawels e Bergier de que hai outros mundos, pero están neste.
Dentro dos infinitos mundos que neste pode haber, notamos moi claramente a existencia de dous ben diferenciados, existentes no noso contorno. Un, corresponde ós políticos en exercizo, e outro a todos os demais humanos que non participamos desa alta misión que corre perigo de ser devaluada, deturpada, agredida.
A comezos de 2008, había un 7,2% dos cidadáns que opinaban que a clase política española era un problema. Pero desde entón esta porcentaxe non deixou de medrar e a última enquisa, confeccionada o pasado maio, afirma que son xa o 22,1% os que opinan que os políticos son un dos tres principais problemas que temos nestes momentos. Moito peor aínda se a esto sumamos o 5,4% que centra o problema no goberno, os políticos e os partidos.
Se os políticos se paran a pensar, é como para botarse a tremer. Todos, pero especialmente os que se dediquen á política, porque algo moi importante falla aí. E se nos paramos a pensar, veremos dous mundos moi diferentes: o dos políticos e o de todos os demais. Esto si que é unha fenda aparentemente insondable que se ten aberto na nosa sociedade entre dous mundos que debían ser complementarios e son antagónicos.
Dunha parte, o mundo real, o da crise, o da inseguridade, o que cada día loita por sobrevivir. Doutra, o mundo da política, onde todo está garantido presente e futuro- onde se dispara con polvora do Rei, onde non se baixa á rúa para comprobar como está a xente, como vive e como pensa.
Ata que os dous mundos volvan atoparse en relativa igualdade de condicións, os políticos seguirán a ser considerados un problema. Ata que as linguaxes dos dous mundos non sexan intelixibles entre si, teremos un problema grave. Ata que a política non recobre a súa dignidade de servizo público, este país non terá solución. Teremos dous mundos que están neste, pero a distancia sideral entre eles, viaxando polo noso universo en direccións diferentes, e sen embargo con grave perigo de entrar en colisión.
Quen queira saber cal é o seu papel no mundo, que pense. E logo, se está a tempo, que obre en consecuencia.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora