A voltas cos diñeiros da sanidade
Editorial - viernes, 10 de junio de 2011
Cando a marcha do país fai poñer en cuestión todos os temas relacionados coa economía, levamos uns días sometidos a noticias e comentarios relacionados coa sanidade, o seu custo e as súas débedas.
Independientemente de que se estea xa aplicando desde hai uns anos o chamado céntimo sanitario, recargo sobre os combustibles para contribuir ó financiamento da carisima sanidade á que agora estamos acostumados, fálase agora dun posible novo imposto que Sanidade propugna para financiar o tratamento para deixar de fumar, imposto que se faría recaer precisamente sobre o tabaco, cuestión que parece lóxica se temos en conta que os males que do tabaco sobreveñan e deba soster a sociedade deben repercutir sobre o mesmo tabaco e, indirectamente, sobre os fumadores, destinatarios posibles do tratamento para deixar de fumar.
Pero o que agora anda na boca de todos é a factura social que significa o custo da sanidade, para Galicia e todas as comunidades, usándose as cifras como armas arroxadizas, sen que polo de agora se especifique exactamente canto custa, cando se debe, por soster en pé a gran maquinaria de fomento da saúde na nosa sociedade.
Cóidase que a Xunta de Galicia debe ós subministradores de fármacos un total de 236 millons de euros, e sábese que nos últimos meses se disparou a factura farmacéutica, experimentando en Galicia un aumento do trinta e oito por cento, e estimándose que o total da débeda en España podería ser de arredor de 15.000 millóns de euros.
Vólvese falar do copago como sistema de apoio da financiación oficial, pero toda a sociedade rexeita unha aportación dos beneficiarios que deixaría nulo un sistema dos mellores do mundo, pero demasiado caro para o difícil momento que vivimos.
O presidente Feijoo aboga por un saneamento das contas dos organismos autonómicos que se ocupan da Sanidade, entrelas o Sergas, estimando que o Goberno central debe aportar fondos para eliminar os déficit existentes, que garantan a continuidade do sistema do que nos dotamos, e do que xa non queremos nin podemos prescindir.
O tema da sanidade seguirá sendo de actualidade polos seus números. E alguén debe facer desaparecer os números bermellos da contabilidade, para facer posible que o sistema perviva. Na Sanidade, como en outros moitos temas, non é posible retroceder.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora