Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os esmoleiros de Abadín

viernes, 10 de junio de 2011
OS ESMOLEIROS DA TERRA CHÁ (LUGO) E AS SÚAS VINCULACIÓNS CON ALGÚNS SANTUARIOS CHAIREGOS

1.- Concello de Abadín

A Terra Chá é unha comarca da provincia de Lugo, que posúe unha extensión de 1823 km2 e que abrangue aos concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade. É moi fecunda en todo tipo de monumentos ligados coa arte popular, sexa de índole civil: casas, castelos, pazos, etc; ou ben de carácter relixioso, como é o caso das capelas, cruceiros, ermidas, esmoleiros, santuarios e outros.

A miña pretensión neste traballo é presentar unha serie de construccións de índole relixiosa, situadas fora dos recintos sagrados, e que ao igoal que os cruceiros e cruces, teñen unha función de protección dos caminantes e facendas. Estoume a referir aos esmoleiros ou petitorios, ligados con diferentes entidades sagradas.

Trátase de monumentos rústicos e arcaicos que, a modo de altares de pedra, érguense nos camiños, encrucilladas e a carón das estradas. Recordan aos petos de ánimas e constituen un perenne chamamento á caridade das persoas para que depositen unha esmola no petitorio, que para tal finalidade está provisto do correspondente buraco nunha pequena prancha de ferro, situada baixo o lugar onde se coloca a imaxe sagrada, que da nome ao esmoleiro.

“Na Terra Cha existen construcións que tamén lembran ós petos das ánimas, coa imaxe de San Antonio de Padua; fanas os devotos, e a esmola recollida emprégase prá festa do santo” (Begoña Bas, 1983: 227). Xa que logo, os esmoleiros adicados a diferentes entidades sagradas amosan dous elementos esenciais:

1. O peto, onde os devotos botan nun buraco as distintas esmolas, que contribuiran ós gastos da festividade da imaxe sagrada.

2. A propia entidade sagrada, situada na fornela do esmoleiro. Ao seu carón e na parte inferior do petitorio adoita haber flores e algunhas candeas, ás veces acesas.

O esmoleiro presenta diversas formas; de tódolos xeitos o tipo máis común– segundo Vicente Risco – “é un nicho de pedra cun retábulo en releve, posto riba dun pedestal, máis ancho onde está furado o oco do peto, cuberto cunha plancha de ferro asegurada con candado e que leva unha fura para meter os cartos...Os petos soen ter esceas policromadas. Haínos que rematan nun frontón triangular cunha cruz sinxela ou con crucifixo” (Vicente Risco, 1979: 737-738.). Os esmoleiros desta comarca, adicados na súa meirande parte a unha serie de advocacións marianas, e de santos protectores e sandadores de doenzas humanas e do gando, podemos incluílos na tipoloxía descrita por Yolanda Barriocanal. “Los ejemplos más sencillos y esquematizados, con absoluta economía ornamental, constituyen una pequeña serie de monumentos, que constan de un sencillo bloque monolítico labrado en sección cuadrangular; se desarrollan en verticalidad y ostentan reducidos nichos que por su escaso desahogo obliga a instalar la caja de limosnas frontalmente; además de la serenidad que presentan sus líneas, no es frecuente en ellos la aparición de elementos tan comunes como repisas y cornisas”. (Yolanda Barriocanal López, 1985: 65).

CONCELLO DE ABADÍN.
Podemos distinguir tres esmoleiros:

1. O ESMOLEIRO DO SAN ANTÓN ( SANTA MARÍA DE ABADÍN).
Está situado ó carón da N-634, diante da intersección desta estrada coa CP-11-01. O lugar onde está situado recibe o nome de Fernandaño (Abadín).
Trátase dunha construcción de cantería e cachotería, que mostra unha forma paralelepípeda rectangular. Nunha orde descedente, este esmoleiro amosa os seguintes elementos:
Na primeira fiada da súa cara principal e, colocada fronte á estrada que o delimita, ábrese unha fornela, na que se pode ver unha imaxe pequena de cantería representando ao Santo Antón de Padua co Neno no colo. Na segunda fiada, aparece a seguinte inscrición: LIMOSNA / PARA / SAN ANTONIO. Finalmente, na terceira, hai un peto, que presenta unha porta de ferro, provista dunha fenda, para introduciren as moedas. Por riba do peto hai un floreiro cuberto de flores durante todo o ano.
Por outra banda, no seu tramo superior, este monumento remata cunha cuberta de laxes de pizarra a dúas augas, da que xorde unha cruz latina de granito, de tipo florenzado. Sobre este esmoleiro o coengo da catedral de Mondoñedo, Sebastián Santos San Cristóbal, dínos o seguinte: “ Situado al pie de la carretera general. Consta de un cuerpo prismático, cubierto a dos vertientes. En el mismo hay caja para depositar las limosnas a la imagen de Santo Antonio de Padua popular de piedra, o,56 cm.”
Asimesmo, este petitorio recibía antano moitas esmolas por parte dos seus devotos mais na actualidade foi decaendo a súa ofrenda. De tódolos xeitos, aínda quedan fieis, que lle seguen poñendo flores e velas acesas ao seu carón.

2. O ESMOLEIRO DO SAN ANTÓN (SANTA MARÍA DE ABELEDO).
Está situado no lugar “Os Sabugos” (Abeledo) e na intersección da estrada LU-12-01 coa pista que leva á igrexa parroquial. Trátase dunha construcción monolítica, realizada por Francisco Alonso, que mostra dous corpos de granito e cachotería revestidos de cemento.
O corpo inferior, de forma prismática rectangular, amosa un oco que serve de peto para as esmolas. Por riba del pode lerse a inscrición:
LIMOSNA / PARA SAN / ANTONIO.
O corpo superior, de forma case semiesférica, presenta unha especie de fornela. No seu interior hai unha pintura, que simboliza a San Antón de Padua, protexida do exterior por un enreixado metálico.
O esmoleiro remata nunha cruz latina, florenzada, de granito. A pechadura de tres chaves, que abrían o
petitorio dun xeito combinado, construíuna Francisco Iglesias, armeiro de Corvite (Abadín). Coa recadación levábase a cabo a festa do San Antón o 13 de Xuño, e se non chegaba, D. Vicente Verdes, responsable da orquesta “Os Petaíños”, poía a diferencia para a música e os foguetes.

3. O ESMOLEIRO DA VIRXE DOS REMEDIOS ( SANTA MARÍA DE ABELEDO).
Está situado no lugar de “A Vesada” (Abeledo) á beira da estrada LU-12-01, entre os quilómetros 26 e 27. Trátase dunha construcción monolítica, de granito pertencente a “Casa do Aniceto”, hoxe de Plácido Moreno. Ao seu carón hai un cruceiro pertencente ao mesmo propietario.
Consta de tres corpos. O inferior, levantado sobre un pedestal poliédrico de cemento, ten forma prismática cuadrangular, perfilándose as súas arestas superiores cun toro e unha escocia. Na súa cara W., amosa un oco rectangular cun peto metálico para a recollida de esmolas.
O corpo central, de forma prismática rectangular, presenta unha fornela -protexida por unha reixa metálica- cun arco escarzado, que acubilla unha imaxe pétrea e policromada da Virxe dos Remedios. Por baixo da fornela e adosada á pedra, hai unha placa metálica coa seguinte inscrición:
“ LIMOSNA PARA / LA VIRGEN DE / LOS REMEDIOS”
Como elemento decorativo, cómpre sinalar a presenza dunha serie de gotas invertidas, policromadas en ocre, por riba da fornela.
No corpo superior e, sobre unha cornisa voada, levántase un frontón triangular cun tímpano liso, que presenta a seguinte inscrición:
“AÑO / D 1908 ”
Como remate e, no cume do monumento, hai unha cruz latina de ferro.
No intre actual, aínda son importantes as ofrendas en metálico e florais, que os devotos realizan neste esmoleiro.

(Publicado en “Actas do II Congreso Galego sobre Cruceiros e Cruces de pedra, Vigo, 2010.).
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania