O capitalismo do desastre
Vaamonde, Pablo - jueves, 09 de junio de 2011
O tsunami de 2004 destrozou as costas do sur de Asia, provocou perto de 300.000 mortos e deixou un rastro de dor e miseria. Pero Condoleeza Rice non amosou piedade polas víctimas e declarou que este desastre natural foi unha maravillosa oportunidade que lle aportou a EEUU grandes dividendos.
A costa non se está a reconstruir como era (pobos de pescadores que vivían do mar con redes feitas a man). Centos de miles de persoas foron forzadas a vivir no interior, en barracas, mentras a esplendida costa é ocupada por empresas estranxeiras que restauran praias e levantan hoteis e aeroportos privados para uso e disfrute dos privilexiados.
Naomi Klein denunciou estes feitos e no seu libro A doutrina do shock describe como, aproveitando a situación de conmoción, caos e desamparo e seguindo as doutrinas de Milton Friedman-, moitos gobernos aproveitan as crisis económicas, os desastres naturais e as epidemias para recortar dereitos, potenciar o libre mercado e favorecer grandes negocios.
Cando non se produce un desastre natural os ultraliberais tentan provocar situacións de alarma social que lles permitan adoptar medidas impopulares sen que a poboación se rebele. O PP domina esta estratexia: leva tempo alimentando o temor para que a xente asuma as perdas con absoluta resignación. Este é o seu modo de actuar.
-Ante a crise económica, en lugar de favorecer os acordos parlamentarios precisos e xenerar un clima de confianza no futuro, o seu portavoz económico afirma que estamos no borde do precipicio, e Aznar encárgase de explicar polo mundo que España será incapaz de saír da crise. Ése é o seu modo de entender o patriotismo. O seu plantexamento é: canto peor, mellor (para él e os seus). Ante o abismo: un empuxón.
-O brote de E. Coli en Alemaña provocou unha situación de conflicto ao atribuir a orixe do contaxio a España. O goberno actuou con serenidade e contundencia mentras o PP relacionaba a crise do pepino coa debilidade do goberno. Máis cando éste convocou unha reunión do Consello Interterritorial de Sanidade para abordar o problema, os oito conselleiros populares fixeron un plante e non asistiron. Pero Rajoy xa fixera unha foto comendo cogombro: ese é o seu nivel de compromiso.
-Agora o PP vai acceder ao poder en varias comunidades. Antes de ocupar os despachos xa está a sementar a alarma. Afirman que Castela-A Mancha está en quebra e que non hai diñeiro para pagar as nóminas dos funcionarios. É unha afirmación gratuita: non é posible que coñezan eses datos. Pero forma parte da propaganda: despois virán os recortes e tentarán que creamos que non había máis remedio. Rajoy xa nos avisou: Teremos o estado de benestar que poidamos. Observar estas estratexias mendaces e tramposas fai que nos indignemos. Pero, como dixo Stéphane Hessel a indignación debe ir seguida de compromiso.

Vaamonde, Pablo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora