Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Mar como elemento de unión e futuro

miércoles, 08 de junio de 2011
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA
DIA INTERNACIONAL DOS OCÉANOS

Galicia e o océano manteñen desde hai séculos unha relación directa que fai que a nosa terra e a sociedade que nela se desenvolve dispoñan sobre o mar boa parte das súas actividades, e que buscaran sobre el o futuro e o porvir da súa vida.

Grazas a esta relación, Galicia ten os seus límites máis alá de Fisterra, e dispón os seus camiños abertos ao océano, facendo deste espazo de auga un elemento de unión e non de separación. Indo máis alá, o océano Atlántico supuxo para os galegos e galegas un vínculo con Europa e América, permitindo que a nosa vida como sociedade non se circunscriba, social e economicamente, tan só á terra.

Consciente da súa importancia e da súa influencia, o Goberno de Galicia quere manifestar o recoñecemento do valor do océano coincidindo co seu día internacional, declarando a súa vontade de continuar, acrecentar e afirmar a nosa relación co medio mariño e defendendo e postulando a sostibilidade deste vínculo.

Xa que logo, e para garantir esta sostibilidade na relación entre a terra, a sociedade e o océano, a Xunta de Galicia defende o equilibrio entre os eidos ambientais, sociais e económicos da nosa relación co mar como fórmula de futuro, de forma que se garanta dar saída ao noso porvir e manter o océano nun estado que nos permita legar aos nosos descendentes un medio mariño ben conservado e razoablemente explotado.

Por iso, desde o Goberno de Galicia defendemos a conservación da contorna costeira e mariña de acordo con parámetros sostibles na relación humana con el, planificando o desenvolvemento urbano e das infraestruturas e traballando para garantir a mantenza da biodiversidade e dos ecosistemas mariños en bo estado.

Ademais, propugnamos a continuidade e afianzamento do vínculo social existente co océano, xa non só en termos laborais, senón tamén na influencia que este ten sobre a cultura, o patrimonio e a propia idiosincrasia galega.

Por último, defendemos o mantemento dun vínculo económico sostible co mar, de xeito que se nos permita e permitamos asegurar a continuidade de actividades estratéxicas e vitais para Galicia como son a pesca, o marisqueo e a acuicultura, así como o desenvolvemento dun transporte marítimo máis seguro e o acrecentamento do aproveitamento enerxético do medio mariño dunha forma sustentable e non contaminante.

Por todo isto, a Xunta de Galicia reitera a súa vontade de conseguir un desenvolvemento sustentable da nosa relación co océano, continuando coa establecida desde tempos inmemoriais entre os poboadores da nosa terra e o Atlántico, e facendo que o mar siga a ser un punto de unión que recibimos dos nosos pais e nais e convertelo, ademais, nun medio de futuro para os galegos e galegas do mañá.
Xunta de Galicia
Xunta de Galicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES