Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se eu fose rico...

lunes, 06 de junio de 2011
A escola da vida

Cantas veces durante a nosa vida preguntámonos ou nos preguntan que fariamos se fósemos ricos? E cantas veces non sabemos que contestar ou contestamos coa frase evasiva de que o importante é ter saúde?

A vida encárgase de levar a cada quen por un camiño. Un camiño que cada un constrúe con ou sen moitos medios, pero que ao final todo o mundo trata de velo como o máis coherente que puido levar. Con todo, vemos os camiños dos outros con ollos diferentes ao noso, e ponderamos ou destacamos aqueles elementos que nos parecen os alicerces das súas vidas.

Unha das conclusións ás que cheguei é que no mundo de hoxe só os ricos son globais mentres o resto somos locais. Para mostra, un exemplo: certo empresario do téxtil galego empezou sendo un emprendedor local que empregou os seus paisanos nas súas industrias e, deste xeito, fíxose cun capital que lle permitiu a globalización das súas empresas.

Unha vez que se internacionalizou, para seguir medrando, necesitou de rebaixar os seus custos, o que o levou a rebaixar o emprego dos seus paisanos coa finalidade de trasladar a produción a países con economías máis precarias. E así foi perdendo a súa identidade galega para converterse niso que se chama unha multinacional.

Como agora parece que xa non ten raíces, os seus investimentos pódeos facer en calquera parte sen ter que renderlle contas a ninguén. E o mellor neste caso é pór o capital nos lugares nos que o produto que se obteña del sexa o máis lucrativo posible. Por que ten que mirar atrás e ver como emigran os seus paisanos porque el xa non lles dá emprego nin se preocupa por eles?

Diñeiro chama diñeiro, pero o home, como din as relixións, é finito. Para que vivir de costas aos seus semellantes, cando deste mundo non levará máis que a barriga chea e nada máis?

Non é decente que mentres os teus sofren por unha precariedade económica que non propiciaron, as fortunas dos ricos só busquen
maiores rendibilidades en paraísos fiscais ou onde máis usura consigan. Non se trata de repartir a riqueza senón só de socializala.

En conclusión, os ricos de calquera parte do mundo só pensan en investir globalmente en beneficio propio mentres o resto dos humanos vive localmente, sen máis expectativas que compartir a súa sorte do día a día cos seus.
Suárez Sandomingo, José Manuel
Suárez Sandomingo, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania