Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cidade desolada

jueves, 02 de junio de 2011
Hai días que un desexaría borrar do calendario. Ben quixera non ter presenciado o sucedido na penúltima fin de semana do mes de maio.

O sábado pola noite o Dépor descendeu a segunda división despois de 20 anos. O domingo pola mañá as rúas estaban ocupadas polo desencanto. Pero era día de eleccións e cumprimos coa nosa obriga.

O luns foi outro martirio: houbo que incorporarse á vida semanal sabendo que, despois de tres décadas, o PP ocupaba a alcaldía en María Pita.

Lendoiro fixo unha aposta de máximo risco coa que acadou os mellores resultados na historia do Deportivo; chegou a cimas que posiblemente nunca se alcanzarán. O Superdépor fixo soar moitas veces en Riazor a música da Champions (“música celestial”, decía Manolo Castelo). Pero agora o club deberá afrontar un tempo difícil, cunha enorme débeda que pon en risco o seu futuro. A entidade está agora mesmo ao borde do precipicio. E non se trata só dun fracaso deportivo: a cidade sofre un grave revés económico e social.

Na política prodúcese un cambio radical. A pesar de que o goberno bipartito fixo unha boa xestión é desprazado polo PP, que practicou unha oposición tramposa e ruín. Losada foi un alcalde pouco carismático pero estivo acompañado por concelleiros competentes, tanto no PsdeG (Longueira, Taboadela) como no BNG (Tello, López Rico): fixeron un excelente traballo que non foi recompensado polas urnas. Ben ao contrario, o castigo do electorado é incuestionable: 20.000 votos perdidos entre as dúas formacións.

Agora Losada renuncia á acta de concelleiro mentres outros, tan responsables coma el do fracaso electoral (Moreda), pretenden permanecer ao mando desta nave á deriva.

É xa hora de retirar os que foron actores principais durante tantos anos e facilitar a necesaria renovación de persoas e discursos. Tamén no BNG hai voces críticas (mardoorzán) que reclaman facer algo distinto e innovar.

A cidade queda baixo o mando de Carlos Negreira, quen aparcou na Coruña cumprindo unha estratexia deseñada polo PP para ocupar o poder público en todas as instancias. Non é un descoñecido: tivo responsabilidades nas consellerías de Economía e Sanidade, en Correos (cando foi privatizada), e foi presidente de Portos de Galicia (sendo investigado pola súa presunta relación coa trama Gürtel). É do sector máis conservador do PP, próximo a Romay; cualificou a Millán Astray como un "coruñés de pro, de toda la vida", e amosa un continuo desprezo polo galego.

A súa política será copia da desenvolvida por Feijóo na Xunta. Afirmará que o bipartito deixou o concello sen diñeiro e procederá a facer recortes. Perderán os servizos sociais e os barrios, pero creará espazos de negocio para que os empresarios e grupos afíns poidan vivir dos orzamentos públicos. Estaremos atentos…
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES