Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Feiras de papel

Alvarellos, Henrique - martes, 31 de mayo de 2011
Crónicas da Semana invisible

Venres, 27 - Papel mollado

Hoxe abriu, en Madrid, a Feira do Libro. Móntase no coñecido como Paseo de Coches do Parque do Retiro, tendida nunha recta ao longo de máis de quilómetro e medio, e onde se sitúan, nesta edición (a nº 70), ata 349 casetas. Aquí cítanse as letras todas do mercado español (en castelán, agás excepcións). E tamén todas as formas de negocio: a dos grandes tiburóns editoriais que seguen a abrir, baixo o enramado do gran parque madrileño, as súas ás vitoriosas (agora, bastante mancadas por certo), ata libreiros e selos independentes que tratan, na orixinalidade e coidado dos seus contidos, re-existir.

Un anda, pois, estes días, pola Villa y Corte, tentando captar algo do que se coce, do que se albisca, do que se di. Os editores galegos asociados trouxemos nesta ocasión caseta propia e as actividades (firmas, promoción, etc.) desenvólvense ao longo de todos estes días, ata o final da feira, o 12 de xuño.

A media tarde caeu unha tronada enorme, e arroiou teimudo. Formou regueiros, mollou a nosa vestimenta de verán e semellaba o ceo andar anoxado. Disque sempre chove así cando a feira arranca. Papel mollado.

Sábado, 28 - Papel firmado

Percorrín, nun par de horas, os 1.500 metros da Feira. Visitei colegas; saudei algún escritor/a coñecido ou admirado ou ambos, e detívenme sobre todo a ollar a condición humana. Neste mediodía de sábado debían de estar asinando, simultanemente, máis de 70 autores e autoras. E aquí a fauna era variada: cruceime con Aute o cantautor que, co seu andar de cow-boy e rostro de ter vivido moitas noites como días, achegábase ao lugar onde asinaba o seu poemario No hay quinto animalo; saudei a Alvite, sentado tras o fume do cigarro e o seu timbre de night-club; e a Manolo Rivas, que ía debuxando co envés da estilográfica cada dedicatoria, e a convertía nun cadro onírico que abraiaba os lectores. E vin tamén moitos escritores e escritoras que esperaban pacientes que alguén os reclamase, ollando a riada de xente que non (re)paraba neles. E tamén ollei a cara do éxito, mais dun éxito raro: as dúas colas máis longas. O espectáculo maior da Feira, hoxe ó mediodía, estaba en dúas casetas: na que asinaba o científico Eduard Punset a xente daba a volta por detrás do stand e ía ata perderse pola herba do parque. A outra produciume un sentimento estraño: ducias de persoas, cámaras de fotos, móbiles gravando, xente amoreada... Sucedía que quen asinaba era unha muller da tele chamada Carmen Lomana, que seica escribiu un libro sobre a elegancia.

Domingo, 29 - Papel dourado

Comentoumo onte Miguel Anxo Murado, que asinaba as súas brillantes crónicas e relatos na Feira. Eu expresáballe a miña melancolía, o meu desconcerto por que xente como Carmen Lomana eclipsase grandes autores no fervor do público. "Iso ten algo de positivo -dixo Murado-: o libro segue a ser, tamén para esa xente, un obxecto de valor, de distinción social". E ambos quedamos de acordo, que, polo menos, esta batalla, o negocio aínda non a perdeu
Alvarellos, Henrique
Alvarellos, Henrique


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES