Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mosaicos contextuais: Democratizar a democracia

lunes, 30 de mayo de 2011
A realidade socio-cultural, política e económica do contexto mundial ou global, para adquirir unhas ideas coordinadas da mesma, ofrécenos dúas perspectivas: unha, panorámica, estática, na que se toman en consideración os eventos que a integran, abstraendo o dinamismo dos mesmos, e outra, salientando os procesos que sucan o tempo e o espazo, como vectores en diversas direccións, aceptando como eventos os puntos de intersección das traxectorias, o nó.

Preséntase todo isto como unha especie de mosaico conceptual mellor ou peor articulado. Algún concepto manexarei aquí, só coa intención de que o lector tome conciencia da dificultade desta temática.

A verdade é que o progreso tecnolóxico no campo da comunicación, da robótica e da inxenería xenética non foi capaz de reducir a pobreza no Mundo nin de mitigar a crecente degradación do medio ambiente, precisamente nun contexto no que predominan os procesos de globalización. O que si houbo e hai son cambios políticos bruscos: O Leste xa non é Leste, senón Oeste-bis, como din algúns estudosos; o Norte-Sur segue con tensións agravadas, sobre todo polos movementos revolucionarios dos pobos contra os dictadores aceptados ou rexeitados polo Norte por razóns espurias; en América do Sur hai bastante indefinición política e tamén movementos revolucionarios; pero Brasil merece atención aparte; China está elevándose a un status mundial impensable fai unhas décadas; en Afganistán segue sen aclararse a situación; as dúas Coreas tampouco están sosegadas; o Oriente Medio tamén segue convulsionado; etc. E todos estes eventos presentan unha enorme dificultade a hora de coordinar os procesos de mundialización.

Se entramos no ámbito do traballo, dos traballadores en xeral, tamén nos achamos co feito de que os medios que máis contribúen á globalización no ámbito da comunicación, afectaron seriamente os modos de levar a cabo os traballos, pois hoxe estamos camiño de substituir o esforzo intelectual pola tecnoloxía dixital e por esa robotización, e isto produce grandes bolsas de paro e esixencias dun elevado grao de formación por parte daqueles aspirantes a postos de traballo de certa importancia; pero esta formación e este proceso tecnolóxico deixa en interrogantes a formación integral da persoa humana, sen a que os atrancos a unha globalización eficiente irían a máis, como teremos ocasión de ver no transcurso do tempo. Xa se produciu un fenómeno semellante na primeira revolución industrial, cando o esforzo muscular do home foi substituido pola máquina.

O problema destes procesos é que adoitan ser ambiguos, porque teñen aspectos positivos e negativos, e determinar ata onde chegan os efectos de cada un hai que deixalo a beneficio de inventario, pois sería moi temerario decidilo sen elementos suficientes de xuizo. Non obstante, uns principios éticos serán sempre absolutamente necesarios. Así pois, quizabes non esteña de máis ter presente que non podemos esquecer evitar a atrofia de certas capacidades intelectuais e a perda da sensibilidade estética (si, hai moitas obras, pero non se ve que marquen época, son “orbanejadas”, e fan escribir a un profesor da Universidade de Valladolid que “boa parte do que pasa por arte e crítica contemporáneos convenlles o termo de sandez”: Non entro nin saio, carezo de competencia ) e tamén da moral, no home e na muller, algo que hoxe parece que non está na preferencia dos que teñen competencias nesta materia, aínda que os medios nos deixen outra impresión

Evidentemente, a globalización entraña riscos. O home e a muller sempre estuveron expostos a eles, porque nunca poideron fuxir dos azoutes naturais, coma as perdas de colleitas, os ataques das plagas, os efectos devastadores do clima, etc.; pero agora estamos expostos os riscos chamados MANUFACTURADOS, que veñen a ser os derivados do impacto do home sobre a natureza: xa non é esta a que nos pon en risco, senón que somos nós os que poñemos en perigo a natureza. Xustamente por isto, tamén hai que valorar ecolóxicamente ós procesos globalizadores. Di, a este respecto, Anthony Giddens, autor dunha obriña dunhas pouco máis que cen páxinas, titulada “Runaway World” (Un mundo desbocado), publicada en Taurus, que empezamos a preocuparnos menos polos riscos tradicionais que polos manufacturados, e se non, pensemos en Chernóbil (Ucrania), hoxe engadería eu, en Fukushima (Xapón), na EEB (encefalopatía esponxiforme bovina – mal das vacas tolas- ), alimentos transxénicos e biomodificados, etc.

Certamente, cando lemos cousas deste mundo da globalización, temos a sensación de que ninguén o comprende de todo, aínda que sente os seus efectos. Todos os estudosos dan voltas arredor das mesmas ideas estruturais, matizadas, claro está, con subliñados da súa especialidade, da de cadaquén, mais sempre penduradas dunha certa inseguridade, e incluso hai escépticos e radicais. Os primeiros afirman que isto da globalización é mera palabrería; os radicais, polo contrario, non dubidan da existencia de procesos claramente globalizadores, que estudan prestixiosos investigadores en todo o mundo, ainda que non sempre utilicen o mesmo termo. En Francia, por exemplo, fálase da “mondialisation”, mentres que en Alemaña utilizan o termo “Globalisierung”.

En todo caso, hai un feito constatado hoxe en día: Os Estados son menos soberanos e os políticos teñen menos capacidade para influir nos acontecementos, incluso do seu propio país. Os Estados-nacións perden vigor competencial, contrastando coa virulencia dos nacionalismos locais, que algúns queren explicar como respostas reaccionais ás tendencias globalizadoras. Sen embargo, non parece que Giddens esteña plenamente no certo cando escribe que “os escépticos tenden a se situar na esquerda política, especialmente na vella esquerda”, páx. 21, o.c. Pero dalles a razón ós radicais.

O que non podemos é esquecer que a globalización está integrada por unha serie de procesos moi complexos, que, moitas veces, operan antitéticamente e dificultan unha comprensión coherente e unitaria da mesma.

A todo isto hai que engadir un montón de razóns que entorpecen as perspectivas dos éxitos globais e levan, se non ao escepticismo, si, polo menos, a unha desconfianza epistemolóxica. Expoño algunhas:

1ª.- As tradicións adoitan ser fundamentalistas e poñen atrancos a un diálogo aberto. E cando falo de fundamentalismo non estou a referirme ó que as xentes cren, senón a como ó cren e xustifican.

2ª.- Todos necesitamos fortes compromisos morais para transcender os localismos: A moral cosmopolita ten que estar guiada pola paixón. Xa dicía Max Weber que “o home non acada o posible se non busca sen cesar o imposible”. Ocorre así nisto?.

3ª.- A equivocidade do termo “democracia” dificulta tamén unha boa co-comprensión mundial, e causa a descoordinación entre os Estados-nacións do Mundo. Aquí podemos sacar á colación aquila anécdota entre un norteamericano e un británico. Di este a aquel: “Non poido entender como vosoutros aguantades ser gobernados por unha persoa que nunca invitariades a cear”. E o americano contesta: “E eu o que non entendo é que aguantedes ser gobernados por alguén que nunca os invitaría a cear”. Os dous países son democráticos, pero con matizacións importantes nos sentimentos dos cidadáns.

4ª.- O obxectivo universal debe ser ético; pero os pobos teñen que facer un esforzo para encontrar un sistema de valores capaces de xerar sinérxias a favor da solución dos inmensos problemas que ten plantexados a Humanidade: Hai que superar as posturas tribais. Vaise acadar isto?.

Podíamos seguir dando máis razóns, mais permítannos terminar con unhas palabras de Giddens, quen se pregunta como poden manterse activas as democracias e o goberno cando parece que perderon a súa situación privilexiada. E contesta: “Creo que hai unha resposta. O que se necesita nos paises democráticos é profundar na propia democracia. Chameino DEMOCRATIZAR A DEMOCRACIA”, páx. 88, o.c. Faltan, tamén, vontade e contextura democrática no Mundo, e isto é grave para acadar que os procesos globalizadores sexan operativos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES