Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nova Campaña, Vellas Palabras

jueves, 19 de mayo de 2011

Formamos un entramado complexo de seres humanos con dereitos e deberes, con capacidades e limitacións. Algúns aínda temos que demandar uns mínimos e tentamos explicar por todos os medios que non queremos nada ao que non teñan dereito o resto dos cidadáns. Semella que se nos admite como “parte” da sociedade sen caer na conta que tamén somos sociedade e temos dereito a vivir en igualdade.
Recentemente asistín a unha mesa redonda cos alcaldables. De camiño pensaba que sería “máis do mesmo”. Aínda así non se debe perder a capacidade de sorpresa e alí estiven. A medida que se desenrolaba saíame, unha e outra vez, o resume de “nova campaña, vellas palabras” que me sirve de título.
En realidade así era: nova campaña electoral e as mesmas palabras de sempre con máis ou menos convencemento. Ninguén dubida dos avances e moito menos os que vivimos en primeira persoa os comezos desta loita inacabada. A desaparición considerable das barreiras arquitectónicas na cidade é motivo de alegría para todos. Se ben, eses avances débense en gran parte a que non baixamos a garda. Os políticos, sobre todo en determinadas “épocas”, escoitan, preguntan, prometen… e nós seguimos o noso deambular “desconfiado e reivindicativo” ata as próximas eleccións.
Quero destacar de maneira especial como algún dos participantes xa utiliza o termo “diversidade funcional” en lugar de “discapacidade”. As palabras tamén fan que a sociedade vaia cambiando, axudan a mudar estereotipos.
Escoitei a súa intervención pensando que lonxe están as palabras da realidade cando se fala “para os outros”. Digo que se distancian as palabras da realidade porque as súas propostas non se correspondían, nalgúns casos, coas preguntas concretas feitas desde os que xa están convivindo coas dificultades. Mentres se boten balóns fora, resulta difícil que haxa implicación. As nosas reivindicacións non representan un reclamo social porque se pensa que non nos van afectar. De seguro que a vostedes, directamente ou de refilón, algo tamén lles vai tocar porque todos somos vulnerables á discapacidade temporal ou permanente, sobre todo, a medida que nos facemos maiores.
Os programas non deben estar pensados para cubrir necesidades electorais, senón para promover autonomía e vida independente. Promocionar a accesibilidade non debe entenderse como unha prestación puntual senón como un dereito. Nos políticos non pode primar o xogo político por enriba dos dereitos sociais. Lembro como “chirriaba” escoitar números, datos… aportados por un partido en resposta a outro. A diversidade non pode verse como un problema que hai que resolver, só hai que darlle os recursos necesarios para que sexa unha oportunidade máis de enriquecemento.
Para rematar vaia a frase feita de “que gañen os mellores” entendendo por mellores os que sexan capaces de poñerse no lugar do outro e de buscar solucións para todos. Sexan previsores e pensen na cidade que queren para os seus fillos, os seus pais, os seus amigos ou, aínda máis claro, para vostedes mesmos. Está tardando o día en que as persoas con diversidade funcional deixen de ser noticia porque o entorno lles é favorable. O tempo é limitado e non podemos pasalo loitando por unha vida digna.

Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES