Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Radio Caracol

jueves, 19 de mayo de 2011
Aquí radio Caracol.. Polo dial xe coma vinte e tres sae unha voz melosa que anuncia un ruxerruxe de noticias que non nos levan a ningún lado. A mellor opción, entón, é meter unha cuña na que digan que as fabas gardadas nun recipiente invisible son ecolóxicas porque non levan nin cartón, nin plástico, nin lata e nin cristal. Se vostede quere curar uns bos chourizos, paisano, póñaos ao fume da lareira e deixe de envasalos ao baleiro. A mellor solución para que non se derramen é comelos ao instante. Antigamente deixabámolos para as visitas dos de fóra. Os de dentro, ou sexa, os que baixabamos o ril cun sacho nas mans, comiamos pan e touciño. Nada máis que pan e touciño. E do touciño, o lardo. Nada de febra. Esta tamén ía para as visitas.

Aquí radio Caracol contando mentres o tempo pasa. Sintonice vostede co dial xe coma vinte e tres e oirá historias que non se poden contar. Non as conto entón, claro. Tan só digo que o xogador número sete do equipo visitante pegoulle unha patada ao poste esquerdo da portería do equipo local en vez de lle zoupar ao balón que, por un casual, pasaba por alí. E pasou, xa que o xogador número sete non atinou co coiro. Nin marcou gol, nin o botou fóra; tan só fodeu o pé.

O locutor da voz melosa fala dunha muller que ao tomar un sorbo do café, mira cuns ollos intensos por enriba da cunca. Pensaba que estaba ante o público, pero non, resulta que se atopa sentada á súa beira e que entre sorbo e sorbo comenta as novas de sociedade onde ninguén casa; todos se separan. É coma se o mundo estivese patas arriba. Ao mellor é a propia emisora a que coloca os pés na cabeza e esta nos pés.

Ao pasar por un túnel dilúese a sintonía de radio Caracol. Apago a radio e sigo conducindo o carro das vacas polo camiño da nostalxia.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES